Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Colección Deza Básicos

José Ramón López publica un libro sobre a primeira guerra carlista

O traballo céntrase no conflito de 1834 a 1840 e será presentada o día 17 no museo de Lalín

López, nun acto do SED.

López, nun acto do SED.

Alfonso Loño

Alfonso Loño

Lalín

A monografía número 14 da Colección Deza Básicos titúlase A primeira guerra carlista na Comarca de Deza (1834-1840). Fases, sucesos e protagonistas, e está dedicada ao estudo do conflito civil xurdido en España como consecuencia da sucesión de Fernando VII, coñecido como a primeira guerra carlista, mais circunscrito ao ámbito xeográfico de Deza. A monografía será presentada o día 17, nun acto aberto ao público que terá lugar ás 20.00 horas no Museo Municipal.

A partir de información previa existente en publicacións anteriores de historiadores como Francisco Vilariño ou Xosé Ramón Barreiro, que xa aventuraban a transcendencia que tiveran as terras dezás no desenvolvemento do conflito a nivel galego, o seu autor, José Ramón López, somérxese nas fontes escritas conservadas daquela época –principalmente boletíns oficiais, partes militares, procesos xudiciais e escrituras notariais- para contextualizar, afondar, contrastar e matizar o coñecemento deste período e dotalo dun discurso que permita comprender de xeito global a magnitude da contenda na comarca.

A súa análise parte do estudo dos precedentes da loita tradicionalista de Deza durante o trienio liberal (1820-1823), que colaborou militarmente en prol da restauración da monarquía absoluta, e que desembocaría no apoio aos poderes máis conservadores da sociedade da época, manifestamente á Igrexa, xa no inicio da primeira guerra carlista. Nesta época, na que se centra a obra, o conflito tivo unhas fases ben detalladas, asimilables para cada un dos bandos en liza, e con protagonismo destacado de homes de armas que se enfrontaron no campo de batalla en accións memorables que permaneceron durante décadas no ideario colectivo da xente do común, que as padeceron, lembraron e transmitiron aos seus devanceiros.

Despois dun inicio da contenda na comarca onde a iniciativa insurrecta proviña do apoio da Igrexa compostelá a líderes militares externos como o cóengo Gorostidi, o oficial Antonio López e o cabecilla Ramos (1835-1836), ao que fixo fronte no bando liberal o comandante de operacións de Lalín, Wenceslao Tizón, sucedeu un período de crecente mando dezao cos cabecillas Silva, Feás e Agustín López ao fronte (1836- principios de 1837). Reorganizadas as tropas liberais e aumentados os seus medios, co experimentado coronel Joaquín Díaz de Rábago no exercicio dun liderado férreo e eficaz, foron pouco a pouco minguando a iniciativa carlista. Neste contexto de debilidade tradicionalista, a mediados do ano 1837 emerxeu a figura do cabecilla Villanueva, natural de Toiriz, como o máis senlleiro xefe dos sublevados en Deza: militar disciplinado, bo estratega, desapiadado e sanguinario, infundiu medo e respecto ata o final dos seus días, en febreiro de 1840, morto en combate. A súa figura acabaría convertida en mito, lenda e terror para todos os habitantes dos lugares onde chegaba a súa presenza. Así mesmo, o libro saca á luz cales eran os apoios ao carlismo, quen integraban a facción, que estratexias executaban e que feitos de armas protagonizaron, con matanzas tan espectaculares como o acoitelamento dun destacamento liberal composto por 100 homes na feira da Bandeira en novembro de 1837, a execución de 15 soldados en Dozón en xuño de 1839 ou a morte en Goiás de 15 veciños en agosto de 1839, concibida esta como unha acción de castigo.

En canto ao exame dos procesos xudiciais contra os facciosos, póñense de manifesto multitude de datos sobre os implicados, os seus colaboradores ou a xente que os trataba, que permite coñecer o proselitismo para as súa filas, os apoios económicos ou as súas relacións persoais e sociais. Boa mostra, todo isto, da sociedade existente na época e fiel reflexo dunhas circunstancias que explican o contexto no que se desenvolveu o conflito armado. Como epílogo hai breves notas acerca do conflito lexitimista na segunda (1847-1848) e na terceira (1869-1875) guerra carlista e un extenso apéndice documental, onde se reproducen os textos que sustentan e dan soporte á análise dos feitos realizada con anterioridade.

Tracking Pixel Contents