Programación das Letras Galegas
Silleda difunde co programa «A palabra rebelde» o legado literario de Begoña Caamaño
A iniciativa inclúe un obradoiro para elaborar un fanzine, ademais dunha peza teatral inspirada na novela «Circe ou o pracer do azul»

Unha actividade da programación do ano pasado para conmemorar as Letras Galegas en Silleda. | BERNABÉ

O Concello de Silleda xa ten pechada a programación das Letras Galegas 2026, que este ano están adicadas á xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño, falecida en 2014 en Santiago. Baixo o lema «A palabra rebelde» Trasdeza acollerá actividades para todos os públicos e que teñen que ver tanto coa creación como coas artes escénicas e coa animación cultural.
O programa comeza o 2 de maio co obradoiro de escritura creativa «A palabra rebelde. O fanzine como ferramenta de expresión». É unha proposta de tres sesións baseada na experiencia práctica, individual e compartida. Tras unha introdución á figura e á obra de Begoña Caamaño, os e as participantes (de 12 anos en diante) crearán contidos propios que pasarán a formar parte dun fanzine colectivo. A actividade vai celebrarse na biblioteca Daniel Castelo ese día 2, pero tamén o 9 e o 16, de 11.00 a 12.30 horas. Estará coordinada pola escritora e activista cultural Llerena Perozo, e o seu resultado vai expoñerse o 17 de maio.
Para contribuir a coñecer o traballo xornalístico e literario, pero tamén o activismo feminista de Caamaño, Silleda bota man das representacións teatrais. Unha delas é «Begoña Caamaño: o transgredir das ondas», a cargo de Berrobambán e con texto de Paula Carballeira. A peza reivindica a figura de xornalista radiofónica da autora –traballou en Radio Popular, Radio Noroeste ou a Radio Galega– e aborda temas fundamentais da súa obra como a igualdade de xénero, a solidariedade cos sectores máis desfavorecidos ou a importancia da liberdade de expresión no xornalismo. A función, a través do programa FalaRedes, vai ser o 8 de maio, ás 20.00 horas, no salón de actos do consistorio.
Na xornada seguinte, 9 de maio, está prevista a Mostra Infantil Xirandola, nunha cita pensada sobre todo para o público máis novo. Ademais do obradoiro creativo que mencionamos antes, a biblioteca municipal Daniel Castelao tamén vai acoller «Maxia nas Letras con Begoña Caamaño. Vitamina B e C», de Martín Camiña. É, como indican desde o Concello, unha proposta máxica e literaria chea de aventuras visuais que recrea o universo da autora, con referencias ás súas personaxes literarias Circe (da novela «Circe ou o pracer do azul») e Morgana (de «Morgana en Esmelle»). Esta actividade chega a Silleda a través da proposta autonómica de dinamización da lectura Ler conta Moito e será o 15 de maio, a partir das 17.30 horas.
Teatro e concerto
O propio Día das Letras Galegas concentra boa parte da programación de Silleda. Pola mañá Enredos Teatro presenta «Circe ou o pracer oculto», inspirada na novela da que falabamos, e o dúos musical Mallou ofrecerá un concerto na praza Siñor Afranio.
A programación do Mes das Letras continúa en Silleda o 23 de maio co recital «Voces de Carboeiro», que organiza o coro Vales Mahía, e remata o 30 dese mes con outras dúas citas que tamén son habituais en maio: a Ruada de Parada e Tardes de Primavera. da Coral Polifónica Trasdeza. Con todas estas actividades confórmase un calendario que busca «sacar a cultura á rúa, implicar á veciñanza e render homenaxe a unha das voces máis singulares e comprometidas da literatura galega contemporánea», indica o Concello. A edil de Cultura, Mónica González Conde, salienta que esta programación «quere ser unha invitación a redescubrir a obra e o pensamento de Begoña Caamaño, unha autora que fixo da escrita un espazo de rebeldía, conciencia e libertade».

Un mural con fotografías de Begoña Caamaño. / Marta G. Brea
Begoña Caamaño faleceu aos 50 anos debido a un cancro de páncreas. Deixou inconclusas dúas novelas: unha cunha muller tamén como protagonista e outra baseada na vida da súa bisavoa. Alén do seu traballo como xornalista e escritora en prosa, tivo unha actividade sindical moi salientable e foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (Mugacom).
O 20 de xuño do ano pasado a Real Academia Galega anunciou que o Día das Letras de 2026 levaría o seu nome, tras aprobar a proposta das académicas Ana Romaní, Marilar Aleixsandre, María López Sandez, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei. É a oitava muller (a decimocuarta, se contamos as cantareiras a quen se adicou a edición de 2025) homenaxeada polas Letras Galegas, despois de Rosalía de Castro (1963); Francisca Herrera Garrido (1987); María Mariño (2007); María Victoria Moreno (2018); Xela Arias (2021) e Luísa Villalta (2024).
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano