Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | María José Ferradáns Villar Presidenta de APACAF

«Temos que evitar xuízos ante condutas diferentes»

Baixo o lema «Menos xuízos, máis apoios», hoxe celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

María José Ferradáns, presidenta de APACAF.

María José Ferradáns, presidenta de APACAF. / Cedida

A Estrada

APACAF, Asociación de Padres de Personas con Trastorno de Espectro Autista de Centros de Apoyo Familiar, leva desde 1993 traballando na atención especializada en Galicia. Ademais do centro A Braña, conta co centro A Penagrande en Moraña, en funcionamento desde 2009, onde se presta servizo de centro de día. Para visualizar esta xornada, os concellos da Estrada e Moraña iluminaranse de azul na noite do 2 de abril, sumándose a máis de 500 edificios en toda España.

—Hoxe é o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

Este ano, o día céntrase en evitar prexuízos e comprender ás persoas máis alá das aparencias. A mensaxe é fomentar empatía. Trátase de entender e apoiar, evitando xuízos apresurados ante comportamentos diferentes.

—Como empezaron en Berres?

O centro comezou en 1988. Pero tamén é importante diferenciar dúas etapas: por unha banda, o inicio en Berres do centro como tal, e por outra, algo moi distinto, que foi posta en marcha da residencia, en 2005, cando as persoas empezaron a vivir alí de forma permanente, as 24 horas.

—Cando empezou a residencia?

Cando os rapaces xa quedan alí a vivir, é dicir, os 365 días do ano. Iso non quere dicir que non visiten as súas casas familiares nin que non se manteña o contacto.

—Como foron os inicios da residencia?

O centro comezou como un servizo de atención en vacacións e fins de semana, partindo de cero. Xunto coas ANPAs reuniu a rapaces de distintos puntos de Galicia para ofrecerlles un ensino máis personalizado.

Usuarios do centro de Berres conmemorando o día do Autismo. |

Usuarios do centro de Berres conmemorando o día do Autismo. |

—De aí que se decidise pasar á convivencia?

Ao principio foi todo moi complicado, sen profesionais formados nin métodos claros, nunha etapa de moito esforzo e incerteza. Co tempo, os rapaces foron medrando e comezaron a faltar recursos, especialmente espazos para pasar máis tempo fóra do fogar e avanzar cara a unha vida máis autónoma.

—Cantos residentes había ao comezo?

Comezouse con poucos rapaces, 3, 5, 6 ata 8, e co tempo consolidouse un modelo de espazos pequenos e familiares, con atención profesional. Hoxe hai máis experiencia e estabilidade, e o centro atende a unhas 20 persoas no servizo de día e arredor de 10 na residencia.

—A residencia é unha casa que lles cedeu a súa nai…

O proxecto comezou en Berres por unha razón persoal, ante a necesidade de atención do meu fillo, aproveitando unha casa e finca familiar que cedeu a súa avoa. Co tempo fomos ampliando instalacións e adquirindo terreos lindeiros. Agora buscamos crear un bosque terapéutico, un espazo natural para o benestar e a convivencia. Neste momento estamos traballando no seu desenvolvemento.

—Para cando estará preparada?

A finca xa está en marcha e estase traballando nela, pero somos conscientes de que este será un proceso longo. Non se trata só do que hai agora, senón de plantar novas árbores e esperar a que medren, algo que levará moitos anos. Queremos que sexa un espazo onde as persoas poidan camiñar, correr e estar en contacto directo coa natureza: rodeadas de árbores, nun contorno tranquilo e con vistas abertas e moi agradábeis.

—Xa queda menos para a xuntanza coas familias...

Cada ano, en xuño, celebramos un encontro con ambiente festivo e comida campestre, normalmente no centro. A xornada inclúe unha reunión formal para aprobar contas e tratar a xestión, seguida dun momento de convivencia.Se o tempo o permite, este ano podería ser tipo pícnic no bosque terapéutico.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents