Entrevista | Jesús Otero Varela Portavoz do PP de Vila de Cruces e exalcalde
«Durante os meus mandatos, Vila de Cruces pasou de ser coñecida só polas festas da Piedade ou de Camanzo a ter nivel internacional»
O portavoz do PP de Vila de Cruces e exalcalde fai un repaso dos seus 29 anos como rexedor e dos case sete que leva na oposición, tras anunciar que non se presentará ás eleccións de 2027/ Desde 1991 ata o 2019 gobernou sempre con maiorías absolutas

Jesús Otero, nun momento da entrevista no xardín da Casa Pena de Roca, en Merza. / BERNABÉ

—Vostede entrou na política local como edil de Alianza Popular, en 1984. Por qué? Procedía dunha familia con dous curas, e de neno estudiara en Dornelas, no concello de Silleda, para ser sacerdote. Ademais foi dende moi novo un home emprendedor, cun pub en Merza, o Luada, e despois un taller.
Certo. Eu, con 20 e algo anos xa tiña a miña propia empresa, un taller de reparación de maquinaria agrícola con clientes en Silleda, Arzúa, Touro, Boqueixón... un dos nosos clientes, Ismael Martínez Neira, era de Camanzo e xa ocupaba a tenencía de Alcaldía daquelas. Entrei en política por el, porque a miña profesión no sector do metal dábame diñeiro e libertade, pois daquelas eu xa cobraba 220.000 pesetas (1.322 euros). Pero un día Ismael propónme ir con el de concelleiro, así que fun de número 7 na lista coa intención de non sair. Aquel ano en Merza sacamos 300 e pico votos, así que creo que o rexedor, Sergio Iglesias, gañou as eleccións por min. Sacou sete edís, así que pasei a ser concelleiro, pasando dun sector privado pero enfocado ao público ao sector público. E co tempo, Ismael Martínez sería tenente alcalde meu durante moitos anos.
—Seguro que foi un dos edís máis novos da zona, e despois dos alcaldes tamén de menor idade. Nalgún momento notou diferenza de intereses ou de demandas en relación a rexedores maiores?
Daquelas o que había era os rexedores de toda a vida, por así decilo, os que procedían da época do franquismo, maiores e que non se preocupaban por buscar futuro, daquelas só se un estaba na Deputación ou en Madrid podía traer cousas para o seu pobo.A min quédame o orgullo de ter feito unha política moi activa porque no momento en que entrei nese mundo, Vila de Cruces non estaba sumida na pobreza, pero si moi atrasada. Por exemplo, a enerxía eléctrica non chegaba coa suficiente potencia ás aldeas e os gandeiros tiñan que organizar quendas entre eles para poderen muxir. Nesta cuestión, conseguimos fondos propios de Fenosa e da Xunta para solucionar o problema.

Otero xunto ao hórreo da casa rural que rexenta a familia e na que naceu. / Bernabé
—É curioso que ocorrese isto tendo o pantano de Portodemouros.
Había a presa, si, pero producía para fóra e non deixaba corrente na casa. Eu teño varias anécdotas curiosas desta política activa que menciono. Unha delas é que cando eu chamaba a Manuel Fraga, el non tardaba máis de 24 horas en devolverme a chamada. Recordo que unha vez chamou á casa e colleu o teléfono a miña nai. Ao preguntarlle «quén é vostede?» el díxolle «son o presidente da Xunta, Manuel Fraga. Noutra ocasión, o que era presidente de Telefónica en España veu inaugurar a Gres os primeiros «tracks» de telefonía sin cable. Cando pasei a ser alcalde,o secretario municipal limitábase a ler os periódicos e os boletíns. Houbo un momento en que eu tiña tanta actividade para demandar cousas para Vila de Cruces que me dixo «o te vas tú o me voy yo, porque tu ritmo no es ni para aquí ni para mí» (risas). Respondille que el tiña que axudar,e, co tempo rematou entendéndome e ao final xa me preguntaba «¿ Qué tienes para hoy, Jesús?». A revolución na forma de facer política comezou tamén cando tivemos que meter xente nova no consistorio, para contar con máis persoal. Eu sempre apostei por meter mulleres na administración
—É algo que tamén fixo na política, contar co xénero feminino. O seu número dous durante varios mandatos, por exemplo, foi Beatriz Iglesias. Por que apostou por nós, as mulleres?
Penso que as mulleres entendían máis o desenvolvemento e a inquietude que tiña eu por traballar. Levei ás traballadoras municipiais a formarse a Pontevedra, e sempre me gustou que as mulleres tivesen as mesmas responsablidades que os homes, de maneira que non distribuía unha ou outra área segundo o xénero do edil. Tiven secretarias moi eficientes, como Margarita Martínez Ruiz, da que lembro que facía os apuntes a lápiz e non se pasaba un céntimo. Tiven comigo xente moi eficiente, moi leal e moi sana, para a que nunca primou o interese particular sobre o público. Moitas veces, ás sete e media ou oito da mañá, xa estaba eu no consistorio atendendo á veciñanza, con algún administrativo para facerlles trámites.
—Dígame a obra da que se sinte máis orgulloso nos 29 anos que estivo de alcalde.
Fasme pensar, porque fixen tantas...
—Diso se trata, escolla.
Pois vou citar varias, como un centro de saúde adaptado ás necesidades reais, porque eu acordo un inmoble no que tiñan que trasladar ao enfermo nunha escada porque había que subir 12 ou 14 escaleiras. Decidimos tirar a famosa «alhóndiga» e construir case á vez o consistorio e o centro de saúde. Moitos dicíanme que estaba tolo, pero eu respondía que detrás disto viña o progreso, o futuro. Tamén teño que mencionar a residencia para maiores, ainda que daquelas non había unha poboación envellecida e a xente dicía que non ía ir para alá. Isto hai que agradecerllo a Ismael Martínez Neira, porque me dixo que a residencia tamén podería servir para nós. Ismael viviu nesa residencia, e dicía que «foi un acerto dos bos». Impulsamos as áreas recreativas, comezando pola de Remesquide e despois A Carixa e Gres, ainda que Gres segue sendo privada, como a de Toiriz.. Amiña intención era que Gres pasase a ser pública.

O político compaxinou ata agora o traballo na oposición co sector turístico. | BERNABÉ / Bernabé
—Fáleme agora dos proxectos que lle quedaron pendentes.
Quedáronme algunhas espiniñas. Ás veces apostas por grupos, por empresarios que pensei que crían máis no futuro e ao final só pensaban no seu ben persoal e no seu peto. Foi unha gran decepción. Refírome a que nun momento dado un grupo de empresarios vén ao consistorio dicindo que querían ser empresarios como os de Lalín e os de Silleda. Non había polígono industrial, din que eles mercan os terreos (132.000 euros) a cambio de que o Concello fixese un plan parcial. Deixeilles claro que a administración local non os ía deixar tirados.Daquelas o Concello non tiña diñeiro. Crean unha cooperativa de 22 empresarios e adquiren 22.000 metros cadrados. Á fronte desa cooperativa estaba Luis Taboada (o actual alcalde). O Concello fixo o plan de dotacións, buscamos financiación e con Unión Fenosa logramos o compromiso de colocar un transfomador para darlle potencia a ese polígono. Falei tamén con Telefónica para ter internet a través de antena, e conseguimos fondos a través de varios plans da Deputación. Creo que chegamos a meter alí 100 millóns das entonces pesetas (601.000 euros). Foi unha decepción moi grande, e por iso decidimos apostar despois por un polígono de titulariedade pública, adquirindo terreos en Aguillós a 42 propietarios e mediante un préstamo da Deputación de 300.000 euros. Ás veces hai que gardar millo no hórreo para poder facer as cousas, así que fixemos un plan de dotacións, e na fase final había dous millons de euros, un deles para este polígono. Pero isto fréase nas eleccións de 2019 , que gañou o PP pero non gobernou sendo cómplices disto o BNG e o PSOE. Creo que a Luis Taboada, que saiu elexido alcalde, non lle interesaba o desenvolvemento de Vila de Cruces. Porque nin il nin os outros 21 empresarios invertiron nos terreos onde mercaron. Quero mencionar tamén a necesidade dun centro de día para que os nosos maiores non teñan que desplazarse a outros municipios.
—Menciona eses servizos para a xente maior e, días atrás, o seu partido levou unha moción para fomentar a natalidade. Xa foi pioneiro hai 30 anos, coa residencia.
É que o futuro non pasa por preparar accesos aos montes, senón na formación e na educación. Outra das penas que me dá e que o actual goberno non aportase fondos hai un par de anos para ampliar o instituto para, por exemplo, poder impartir un ciclo superior de enerxías renovables. Había que aproveitar que ademais o conselleiro estudara en Cruces e que o pantano de Ollares ten unha concesión para producir hidróxeno. E é que un dos logros dos meus mandatos foi conseguir un instituto, e tivemos que «pelexar» por el contra Silleda, porque Educación non vía dous institutos tan próximos. Busquei apoio dos concellos de Touro, Arzúa, Santiso... Os seus alcaldes firmáronme e unha vez que tiñamos os informes, había que mercar o terreo. Cruces tivo que empeñarse en máis de 120.000 euros para conseguir unha parcela e poñela a disposición da Xunta. Ao cabo de dous anos xa conseguimos o ciclo medio de Soldadura e outro Sociosanitario. Un non se pode conformar co que hai, senón que hai que ir a máis. Se eu me conformase co que había dos alcaldes anteriores, seguiríamos sendo un municipio pobre de espírito e de iniciativas.
Tiven comigo xente moi eficiente, moi leal e moi sana, para a que nunca primou o interese particular sobre o público"
—Que iniciativas bota en falta do goberno actual?
Hai que asentar xente e evitar que se perda poboación, atraendo pequenas empresas ou autónomos, porque isto xera riqueza. Eu sempre apostei polo turismo, e como secretario do Leader Portodemouros gastáronse miles de euros para reconstruir casas de turismo rural. A primeira Q de calidade de Galicia entregouna Manuel Fraga en Bascuas. Hoxe hai referentes como A de Rafael, O Refuxio de Merza ou Casa Goris, e hai que darlles futuro. Nós estivemos en Bruxelas presentando o Galo de Curral, creouse unha asociación de criadores e pelexouse pola declaración da IXP para este tipo de carne. O Galo chegou a estar presente nas revistas de Iberia como «plato de referencia recuperado de antaño». Quédome con lograr que Vila de Cruces pasase de ser coñecida só polas Festas da Piedade ou de Camanzo a ter un nivel de carácter internacional.
—Escoitándoo, dame a sensación de que como alcalde sempre tivo que traballar para distinguirse de Lalín ou de Silleda, que eran e son os concellos máis grandes. Había roces cos outros alcaldes?
Bueno, eu cando saín fóra sempre falei de Lalín, Silleda e de Vila de Cruces.Eu presumo do Cocido de Lalín e da Empanada da Bandeira, pero cada galo ten que defender o seu galiñeiro, como di o refrán. Eu nunca quixen ser máis que Lalín, porque ese concello ten máis habitantes e máis empresarios. Que podíamos ter certa rivalidade? Eu penso que son bos os «piques» entre rexedores, porque son bos para que cada un leve mellor o seu concello.
—Pode ser que Cruces estea na comarca equivocada, xa que a veciñanza fai máis vida no día a día cos municipios do outro lado do Ulla?
Non, penso que estamos nunha zona moi privilexiada.En Cruces fixemos unha feira en Gres co concello de Boqueixón, durante dous ou tres anos, sobre produtos de horta. Participaban ademais Silleda, A Estrada e Touro.
—Xa que menciona a gastronomía, dígame se considera que a Festa do Galo perdeu fuelle.
Perdeu fuelle, imaxe e traxectoria, por falta de promoción sobre todo fóra. A unha festa hai que darlle continuidade ao longo do ano. Ocorre o mesmo co mosteiro de Camanzo e co Museo da Minería de Fontao. En Camanzo, trala restauración de 300.000 euros, estando eu xa na oposición pelexei por converter ao mosteiro nun centro de formación turística sobre o viño do Ulla, porque ainda conserva uns lagares impresionantes. Sobre Fontao, a rehabilitación e construcción do complexo museístico xa xurdira en tempos de Xosé Cuiña como conselleiro, e pasou de ser un referente a quedar agora xa case para o esquecemento. Quero agradecerlles á familia Cort os acordos e cesións aos que chegamos.
Eu penso que son bos os «piques» entre rexedores, porque son bos para que cada un leve mellor o seu concello".
—Lembro que cando José Crespo recuperou a Alcaldía de Lalín en 2019, faloume das ·»frías bancadas da oposición». Para vostede foron máis difíciles os 29 anos de goberno ou os sete que leva na oposición?
Eu na oposición sempre estiven en contra do que considerei un atropello ou unha usurpacion. Na política, como nas empresas, hai que madrugar e ser sempre o primeiro en entrar. Ás veces vou ao concello e a xente dime que «non hai con quen falar aquí dentro».
—A última pregunta é inevitable. Quen será o seu sucesor como cabeza de lista?
Sempre apostei pola xente nova, igual que no seu momento apostaron por min.Eu teño claro que eu non me quero facer vello, ainda que teño 67 anos. Eu se deixo de traballar, fágome vello.
Suscríbete para seguir leyendo
- El día en que A Cañiza pasará a llamarse a A Caniza y Cangas incorpora «apellido»: entra en vigor el nuevo Nomenclátor de Galicia
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»
- El Celta dispondrá tras la reforma del estadio de unos 15.000 metros cuadrados para explotar otros usos y multiplicar sus ingresos
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- Iturmendi, una ferretería con más de 80 años que vendió las primeras lavadoras de Vigo