Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Festa do Xabarín de Ribela

«Á xente nova non lle interesa a caza, veñen dunha educación distinta»

A peña O Colmillo cazou 63 xabariles na pasada tempada e seleccionou os mellores exemplares para garantir a calidade na cita gastronómica do 12 de abril

Jose Luís Rivas, membro fundador da peña O Colmillo, no campo da festa de Ribela. | BERNABÉ

Jose Luís Rivas, membro fundador da peña O Colmillo, no campo da festa de Ribela. | BERNABÉ / Bernabé

A Estrada

O domingo 12 de abril celebrarase a XIX edición da Festa do Xabarín na parroquia de Ribela, A Estrada. A organización está traballando nos preparativos da mesma e xa venderon arredor de cen entradas. Teñen reservados entre uns 150 e 200 quilos de carne de xabarín seleccionada entre os exemplares máis novos e femias. A peña O Colmillo é a encargada de dar caza ós xabarís e prover de materia prima a Valenciaga Catering, que é a encargada de cociñar e servir a carne. Para iso prepararán un menú no que inclúen carniñas mexicanas de guacamole azteca, Sam xaponés con carne da festa, polbo á feira, xabarín estufado con pataquiñas e chícharos e bica para a sobremesa.

Segundo contan dende a organización, o prezo do menú é moi axustado en proporción á proposta gastronómica: 28 euros para adultos e 13 euros para nenos e nenas ata 11 anos. Como novidade, este ano ofrecen a posibilidade, para quen así o precise, de facer menús especiais previo aviso, como vexetarianos ou libre de alérxenos tipo glute ou lactosa.

A festa, que está a piques de cumprir as dúas décadas, está organizada pola Comisión de Festas de Ribela e a peña O Colmillo. Puxémonos en contacto con un dos membros fundadores do colectivo de cazadores, Jose Luís Rivas, con quen estivemos falando da actividade cinexética. Conta que na pasada tempada, que pechou en febreiro, «demos caza no noso coto a 63 exemplares e no coto de Avión, a onde acudimos os sábados cos compañeiros da zona, foron outros 53 máis». Dinos que «son cifras boas e que manteñen a tendencia dos últimos anos. Ademais o noso monte, onde cazamos, está ben, con moitos castiñeiros e carballos que alimentan ós xabarís». Asegura que a actividade da caza, ben organizada, é positiva para todos xa que «regula a poboación de xabarís, neste caso. Imaxínate se non désemos caza a eses 63 exemplares, a maioría femias, que pasaría este ano cando todas multiplicasen a poboación coas súas crías?». Avoga por unha normativa que vaia acorde coa natureza. «Non pode ser que se permita a caza na época de reprodución dos exemplares. A nosa actividade inflúe nese ciclo reprodutivo. A tempada pasada rematou en febreiro, cando deberían empezar a nacer as crías. O que se conseguiu con isto é que atrasen a época de reprodución e cría para momentos de menor presión nos montes, cando están máis tranquilas. O ano pasado naceron novos xabarís no mes de maio». Jose Luís Rivas asegura que «non se pode lexislar dende os despachos sen contar coa opinión dos cazadores. E isto pasa con todo, coa caza, coa agricultura, coa pesca... Hai que consultar cos que estamos no monte todo o ano e coñecemos o terreo, a actividade».

A peña O Colmillo naceu hai case 40 anos e Jose Luís foi un dos fundadores. «aqueles trinta que comezamos quedamos só tres e en total somos doce de entre os 40 e os 95 anos». Semella que cada vez hai menos cazadores e que isto é unha tendencia xa que «a xente nova non quere ou non lle gusta cazar. Non temos relevo». Os motivos poden ser variados pero dinos Jose Luís que «a caza é unha actividade dura, con moito traballo físico, á choiva, ó frío... e por outro lado, as novas xeracións están educadas doutro xeito no que a caza parece que non ten cabida».

Nesta edición, a organización agarda repetir a cifra do pasado ano que rozaba os 200 comensais. Para iso, as entradas aínda estarán á venda ata o martes 7 en Parrallida A Fonte, en Piñeiro, no café pub Camiño da Geira, en Codeseda e tamén a través de calquera membro da peña O Colmillo e da Comisión de Festas de Ribela, ambas organizadoras desta festa gastronómica.

Tamén facilitan dous números de teléfono onde se poden mercar ou facer as reservas: 699633500 e 629857384. A cita gastronómica celebrarase como é habitual no campo da festa de Ribela e a organización convida a participar da mesma «a todo o que queira vir. Dende as 13.00 horas e o xantar ás 14.00 horas. Logo da sobremesa celebraremos un bingo con distintos agasallos e premios e xogos populares». Ademais a festa e o baile está garantido xa que repetirá nesta cita «El dúo del swing».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents