Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Laura Pisos Miguélez

El "jugger", deporte que mezcla rugby y esgrima, se adapta para jugar en silla de ruedas en A Estrada

Laura Piso posando para FARO

Laura Piso posando para FARO / BERNABÉ/JAVIER LALÍN

A Estrada

En que consistiron as xornadas que celebrastes na Estrada?

Foron unhas xornadas sobre deporte inclusivo. «Equal Play» realizadas a través do programa «Erasmus +» e financiados pola Unión Europea.

Cantas persoas participaron e cal era a súa procedencia?

Acudiron 16 persoas que viñan dende Serbia, Grecia, Portugal, Ucraína, Andalucía e Madrid. Son traballadores xuvenís que están formándose sobre deporte inclusivo.

Que tipo de traballo fixestes?

Foron unhas xornadas nas que aprendemos moito sobre deporte inclusivo, que é o obxectivo principal, pero tamén realizamos actividades colectivas, de grupo, para coñecernos e crear grupo entre nós. A parte, aproveitamos para darlles a coñecer A Estrada, o noso patrimonio e gastronomía.

Que deportes traballastes?

Fixemos boxeo inclusivo. Visitamos a sede da «Fundación Once» en Pontevedra onde nos explicaron como adaptar o deporte a persoas cegas e incluso xogamos ó «goalball», que é o fútbol adaptado para xente invidente. Por outro lado, fixemos un traballo moi enriquecedor no cal os participantes, por equipos, e cada un coa súa diversidade, debían practicar un deporte. Tamén adicamos un par de días ó «jugger».

O «jugger» é un deporte que mestura «rugby» e esgrima...

Si, de feito na Estrada temos practicantes desta disciplina. Fixemos un traballo moi interesante xa que estivemos ideando a normativa deste deporte adaptado para xogar en cadeira de rodas. Agora mandaremos a proposta á Federación de Jugger España coa idea de que se faga oficial.

Tamén tivestes tempo para a reflexión e valoración destas xornadas...

Así foi. Recibimos a visita de Marcelo Lusardi, un «skater» galego que acaba de recibir o premio galego de deporte adaptado. A raíz da súa visita e de darnos a coñecer a súa historia particular en primeira persoa, fixemos unha reflexión emocional sobre o vivido estes días. A valoración é moi positiva. Foron moi enriquecedoras a vivencia e a convivencia. O deporte inclusivo era o eixo principal pero o intercambio cultural, as visitas, a gastronomía... completaron ó grande a experiencia.

Fálanos diso, das actividades paralelas á formación. Visitas, gastronomía...

Aproveitamos para ensinarlles o noso concello, o noso patrimonio. Visitamos o Pazo de Oca, por exemplo. Tivemos unha recepción institucional do goberno municipal e unha actividade marabillosa que nos ofreceu a Asociación A Fervenza de Ouzande. Prepararon unha mostra do noso folclore a través do baile e a música tradicional e logo, con ágape final onde puideron degustar algúns pratos tradicionais. Por certo, algúns aprenderon a bailar a muiñeira e co polbo á feira quedaron entusiasmados.

E que aportaron os visitantes?

Pois o mesmo. Dividimos os distintos días para que cada un dos visitantes nos amosara algúns detalles do seu país de procedencia, tamén dende o baile, o folclore, a gastronomía...

Ti es a presidenta da asociación Imaxina e Axuda. Que tal vos vai?

Moi ben, a verdade. Temos moito movemento. Imos visitar a «Fundación Once» para que nos axuden a mellorar e adaptar os espazos que utilizamos nas instalacións da estación de autobuses. Que por certo, aproveito para agradecer todas as facilidades e o traballo do colectivo La Estación con nós e co resto de asociacións.

En que consiste o o traballo que ides presentar en apenas dous meses?

No mes de maio temos previsto presentarlle ó Concello de A Estrada un estudo no cal daremos conta das necesidades da xuventude estradense. Pero non só entregaremos as queixas, reclamacións ou necesidades que a mocidade nos conta, non. Ó mesmo tempo proporemos as solucións que a mesma xuventude foi aportando. Daremos unha relación de «problemas» e outra de «solucións». Para isto celebramos un «café diálogo» con algúns deles, visitamos e visitaremos de novo os IES para que nos conten en primeira persoa cales son as súas reclamacións e propostas.

E podes adiantarnos algunha destas «queixas» e «solucións»?

Son diversas e van deste as eivas en ocio en relación cos espazos e actividades como tamén a falta de marquesiñas ou o prezo das instalacións deportivas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents