A Ruta do Románico en Silleda (V)
San Martiño de Dornelas, pedra e camiño
Documentada xa no ano 1115, constitúe un dos exemplos mellor conservados do románico rural galego, pois apenas sufriu alteracións significativas ao longo da súa historia

A Ruta do Románico en Silleda: San Martiño de Dornelas / A. U.
No corazón xeográfico de Galicia, no municipio de Silleda, érguese este templo, boa mostra da arte rural románica, de San Martiño de Dornelas, unha das xoias patrimoniais da Ruta do Románico. Datada no século XII e documentada xa no ano 1115, esta igrexa constitúe un dos exemplos mellor conservados do románico rural galego, pois apenas sufriu alteracións significativas ao longo da súa dilatada historia.
A igrexa de San Martiño foi erixida nun momento de grande impulso construtivo en Galicia, vinculado á consolidación do Reino de Galicia-León e ao auxe das peregrinacións compostelás. A tradición sitúa a súa construción a comezos do século XII, baixo o reinado de Afonso VII de León, período de estabilidade política que favoreceu a expansión artística e relixiosa.
No ámbito eclesiástico, cómpre mencionar a figura de Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Santiago de Compostela e gran impulsor das obras románicas en Galicia. Durante o seu episcopado consolidouse a organización parroquial e reforzouse a rede de igrexas vinculadas ás rutas xacobeas, contexto no que se entende a fundación e relevancia de Dornelas.
Documentalmente, a referencia máis antiga que se coñece e que alude ao templo data do ano 1115, por dación da raíña Dona Urraca á Catedral Compostelá. No muro lateral sur, existe unha inscrición de fábrica no que identificamos o ano de finalización da súa construción: ‘ERA I. C. C. V III ET Q O’, o que temos que traducir por ‘Era 1209’, o que vén sendo o ano 1171.
A fábrica
A igrexa presenta unha nave única rectangular, de proporcións harmoniosas, que desemboca nunha ábsida de dous tramos, un primeiro recto, a modo de presbiterio e un segundo semicircular, solución moi característica do románico galego. Os muros están construídos en sillería granítica ben escuadrada, reflexo da pericia dos canteiros medievais. A sobriedade decorativa domina o conxunto, reforzando o carácter rural e funcional do edificio.
Un dos elementos máis salientables do interior é a cuberta de madeira que cobre a nave, estrutura que conserva a tradición construtiva medieval e que lle outorga unha especial sensación de intimidade ao espazo litúrxico. O arco triunfal que dá paso ao presbiterio é de medio punto, apoiado en columnas con capiteis de decoración sinxela, de inspiración vexetal e xeométrica. No centro da nave atopamos unha bóveda de oito lados e na clave da mesma a figura dun rostro descoñecido que semella vixiar os devotos. A ábsida semicircular cóbrese con bóveda de cuarto de esfera, mentres que o tramo recto presenta bóveda de canón, mantendo así a tipoloxía habitual do románico.
Na fachada occidental, un dos elementos máis característicos do templo, destacamos a súa portada de arco de medio punto, formada por arquivoltas lisas que descansan sobre columnas acodilladas. A composición é equilibrada e austera, sen excesos ornamentais, non hai capiteis esculpidos, con motivos vexetais ornamentais, pero mantén unha clara intención simbólica: a porta como tránsito do mundo profano ao espazo sagrado, a entrada á casa de Deus.

A Ruta do Románico en Silleda: San Martiño de Dornelas / A. U.
Sobre a portada con dúas arquivoltas de medio punto que sosteñen catro columnas rematadas con capiteis álzase unha pequena ventá que ilumina a nave, e o conxunto remátase cunha espadana sinxela para as campás, engadida ou reformada en época posterior, mais integrada harmoniosamente no perfil do edificio. Arredor da arquivolta a modo de adorno, preséntase un curioso axadrezado.
O capitel esquerdo preséntasenos cun remate dun animal non identificable entre follas de algunha planta vexetal. Dúas ménsulas sosteñen o lintel no que non hai inscrición, nin escultura, gravados ou motivos decorativos.
A igrexa presenta hoxe en día un aspecto moi similar ao seu orixinal, xa que sufriu poucas reformas o longo dos séculos, tan so a torre da espadana e as dúas campas que alberga, así como a sancristía. Na fachada sur ten saeteras e unha porta tapiada na actualidade con lintel pentagonal apoiado en dúas ménsulas e arco de medio punta. Baixo a teitume, nos aleróns laterais, están os típicos canzorros do románico, que aquí teñen forma de bólas e motivos xeométricos. Finalmente, hai que destacar o Agnus Dei, con cruz antefixa do testeiro.
Camiño Sanabrés a Santiago ¿ou Vía da Prata?
Dornelas é tamén punto de paso do Camiño de Santiago Sanabrés, variante galega da histórica ruta coñecida popularmente como Vía da Prata. Porén, cómpre precisar que esta denominación non é totalmente exacta.
A Vía da Prata foi en realidade unha calzada romana que unía Emerita Augusta (actual Mérida) con Asturica Augusta (Astorga), atravesando de sur a norte o occidente peninsular. Foi trazada nos primeiros séculos da era cristiá, aproveitando camiños prerromanos máis antigos. A súa construción desenvolveuse durante o proceso de romanización da Hispania, especialmente nos séculos I e II D.C., baixo o dominio imperial. A vía aseguraba o control militar, administrativo e comercial do territorio.
Na Alta Idade Media, esta ruta mantívose viva, primeiro baixo o reino visigodo e posteriormente durante a dominación islámica. Co avance da Reconquista e a consolidación do culto xacobeo, a antiga calzada transformouse nun itinerario de peregrinación cara Compostela. Por iso sería máis preciso denominala Camiño do Sueste ou Mozárabe, xa que constitúe unha prolongación histórica daquela vía romana, adaptada á espiritualidade medieval.
Para os espertos na peregrinaxe xacobea a denominación como Vía da Prata non ten nada que ver co prezado metal ou a súa extracción; polo contrario, procede da palabra árabe «Bal’atta», que fai referencia a un camiño de pedra ou empedrado. Ía ser no medievo cando se populariza o término entre os mozárabes andalusís que peregrinan a Compostela dende Sevilla e Córdoba, sobre todo logo da conquista por Fernando III daquelas terras de Andalucía e Estremadura, polas que os peregrinos se achegaban a Galicia a través de Puebla de Sanabria, A Gudiña, Laza, Verín e Ourense e, xa na nosa comarca, unha vez deixamos Cea, por Dozón, Lalín e Silleda, pasando por A Estrada, ata Ponte Ulla e Santiago de Compostela.
Velaí a orixe da denominación: Camiño Mozárabe ou Sanabrés. Ao seu paso por Silleda e Dornelas, esta ruta converte o templo de San Martiño nun testemuño vivo da relación entre arquitectura románica e peregrinación, reforzando a súa relevancia histórica. Sen dúbida, un legado de pedra e camiño.
San Martiño de Dornelas representa un exemplo sobranceiro do románico rural galego, caracterizado pola súa sinxeleza formal, equilibrio construtivo e integración na paisaxe. A súa excelente conservación permítenos contemplar hoxe unha fábrica practicamente intacta desde o século XII.
Ademais, a súa situación nunha das rutas xacobeas históricas engádelle unha dimensión cultural e espiritual que transcende o puramente arquitectónico. Pedra, fe e camiño conflúen en Dornelas, convertendo este templo nun elo fundamental da memoria medieval de Galicia.
[Coa nosa gratitude para a concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González Conde, e o sancristán Manuel Caetano, que tivo a amabilidade de vir para amosarnos o templo e fixo da visita un grato encontro]. n
Suscríbete para seguir leyendo
- La Xunta acomete el mayor movimiento de personal de su historia: 3.200 empleados públicos cambian de puesto, el 12 por ciento de toda la plantilla
- El ourensano Juan Bouzo, que cumple 104 años, sigue tomando su vaso de vino al día «porque le da fuerza»
- Stellantis Vigo inicia la producción de las primeras furgonetas K9 de tipo 'low cost'
- Toxo vuelve a necesitar ayuda: un ictus deja secuelas en el perro que hace un año acogió una familia de Moaña
- La Xunta da luz verde ambiental al desarrollo de los terrenos de GEA en Ramón Nieto para levantar hasta 950 viviendas en Vigo
- Un barco de la viguesa Opnapa recaptura un atún patudo marcado por los científicos hace casi diez años
- Más de 35.000 trabajadores del textil y del calzado convocados a una jornada de huelga para defender sus derechos
- Un festival de cometas gigantes colorea este sábado la espectacular playa de Foz do Arelho, en Portugal