Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Serán

Gresande rende tributo aos pioneiros da súa banda de música de 1879

redacción

Lalín

A parroquia lalinense de Gresande prepárase para vivir unha xornada cargada de emoción e tradición coa celebración do seu terceiro serán, que terá lugar o 18 de abril as 17.00 horas. Baixo o lema do recordo a aqueles músicos que foron parte fundamental da historia local, esta edición quere honrar de xeito especial aos integrantes que deron vida á histórica Banda de Gresande e San Xurxo 1879. O evento será un tributo con nome propio a figuras como Manuel de Bouzas, Pepe de Bouzas, Germán da Fonte, Julio Toimil, Antonio Souto, José Pereiro, Jesús Rodríguez, Jesús Sorribas, Eliseo Rodríguez, José de Vicentiño, Julio Medela, Servando de González, Víctor Dobarro, Jesús Blanco e Mariano Blanco. Todos eles, cos seus instrumentos –dende o clarinete e o fliscorno ata o bombardino ou o trombón–, construíron a identidade sonora da parroquia. Para poñer música a este recordo, o serán contará coas actuacións de destacados grupos: Os Dezas de Moneixas, Roseira Brava, O Arco de Merza, o Grupo de Gaitas Repenicando, a Asociación de Mulleres de Gresande e unha representación de Músicos da Banda. Ademais, a xornada contará co aliciente de varios sorteos entre os asistentes, que poderán gañar unha pandereta de Sanín, un lote de Cárnicas Anzo, un pano de Confeccións Daquela e un lote de Mel de Liñares. Unha cita imprescindible para poñer en valor o noso legado e seguir facendo historia en comunidade.

Tracking Pixel Contents