Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crónicas da vila

As pedras que fixeron a capital: de Figueroa á Estrada

Procesión diante da antiga igrexa da Estrada, ubicada na praza da Farola. | ;MARISÉ GARCÍA/RT COLECCIÓN

Procesión diante da antiga igrexa da Estrada, ubicada na praza da Farola. | ;MARISÉ GARCÍA/RT COLECCIÓN

Ricardo Terceiro

A Estrada

Comparto o presente artigo baseado na miña última colaboración que veño de aportar á publicación anual da Cofradía da Santa Cruz, á que lle agradezo o seu interés por estas colaboracións dende fai uns anos . As novas tecnoloxías, a intelixencia artificial e novos datos documentados permitíronme atar algúns cabos e fiar pasaxes da historia da Estrada que hasta fai poucos anos levaban unha vida independente, cada un polo seu lado.

Esta non é unha historia de milagres, senón de vontade humana e de ambición. É a crónica de como unha vila decidiu conquistar non só a capitalidade administrativa, senón tamén a alma espiritual do seu territorio.

A Estrada como cabeceira

En 1840 un sector do radicalismo liberal reuneuse na botica de Antonio Paseiro. Estaban disconformes con que Cereixo fose a capitalidade municipal, que tres anos antes fora trasladada dende Tabeirós, e tiñan intención de que fose A Estrada a cabeza do concello e do partido xudicial. Alí estaban, entre outros, o propio Antonio Paseiro con Manuel Pazo, José Risel, comandante da forza destacada na Estrada e Juan Manuel Fontenla, cura de Ouzande.

Era o que Juan Andrés Fernández Castro, actual director do Museo Reimondez Portela, chamou, con bo criterio, « A Conspiración da Botica». Alí escomenzou a xerarse o plan para que A Estrada fose a cabeceira do concello. Así, convocaron aos maiordomos de 23 parroquias coa consigna de que «el Ayuntamiento subsistiera en La Estrada».

Antes daquela o territorio estaba administrativamente dividido en «coutos» cos seus respectivos alcaldes e maiordomos: Tabeirós, Vea, Viso e Veiga, Codeseda e Oca. As poucas casas que había na Estrada estaban concentradas no que hoxe é a popular «praza da farola». Xeográficamente este era o punto onde se xuntaban tres parroquias cos seus respectivos templos de culto: ao leste Ouzande, ao sur Guimarei e ao norte Figueroa.

Capital espiritual

Imaxen de IA sobre como sería a igrexa de Figueiroa. | ;MARISÉ GARCÍA/RT COLECCIÓN

Imaxen de IA sobre como sería a igrexa de Figueiroa. / MARISÉ GARCÍA/RT COLECCIÓN

Hoxe ninguén discute que A Estrada é o centro, pero houbo un tempo no que aquelas inquedanzas pola capitalidade do municipio chocaba coa capitalidade espiritual cuxo centro estaba en Figueroa. Antes de que A Estrada fose o que hoxe coñecemos, Figueroa era o corazón. Alí alzábase unha igrexa de raíces medievais, probablemente asentada sobre cimentos dos séculos XIII ou XIV, exemplo dese románico rural galego, austero, pero eterno.

Non era só un templo: era o símbolo dunha xerarquía. Mentres A Estrada apenas era un lugar de paso, Figueroa concentraba a vida espiritual, o prestixio e a tradición.

Pero Figueroa non estaba soa. Na súa contorna existían outras parroquias, como Toedo, que formaban parte do tecido tradicional do territorio. Alí, a igrexa de San Pedro cumpría a súa función comunitaria, atendendo os seus fregueses e sostendo a vida cotiá da parroquia.

Con todo, Toedo —como tantas outras— non aspiraba á centralidade. Era unha parroquia viva, antiga sen dúbida, pero sen o peso simbólico nin a proxección de Figueroa. Mentres unhas parroquias sostiñan o territorio, outras o encabezaban. E naquel tempo, a cabeza indiscutible era Figueroa. Ese equilibrio, aparentemente estable, estaba a piques de romperse.

1840: o primeiro asalto

O primeiro gran cambio chegou en 1840. Ata entón, o Concello residía en Vinseiro. Pero aquel movemento estratéxico do que falaba nos primeiros parágrafos, logrou trasladar a capitalidade municipal á Estrada.

Aquel episodio, coñecido como a «Conspiración da Botica», non foi un simple cambio administrativo: foi un golpe de temón histórico. A Estrada pasaba de ser unha encrucillada de camiños a converterse no centro de decisión. Pero había un problema, era unha capital incompleta. O poder civil xa estaba na Estrada, pero o poder espiritual seguía en Figueroa.

O «puxilato» pola alma

Igrexa vella na praza da Farola.

Igrexa vella na praza da Farola. / Marisé García / RT Colección

O que veu despois non foi unha disputa relixiosa, senón unha batalla polo prestixio e a centralidade. Como recollía Pedro Varela en 1923, desatouse un auténtico «puxilato» pola capitalidade parroquial. Dun lado, Figueroa: a tradición, a historia, a lexitimidade herdada. Do outro, A Estrada: o futuro, a comodidade, a nova realidade administrativa. As demais parroquias observaban aquel pulso sen protagonizalo, conscientes de que o que estaba en xogo non era só un templo, senón o eixo mesmo do territorio. A vila xa non se conformaba con gañar o Concello. Aspiraba a todo. Quería que os camiños, os mercados, a xustiza… e tamén os sacramentos confluísen no mesmo punto.

1856: o incendio

En 1856, a igrexa de Figueroa ardeu. Nunca se esclareceu de todo se foi un accidente ou algo máis, pero na memoria colectiva quedou a sospeita dun lume «demasiado oportuno». O certo é que as chamas non só destruíron un edificio: eliminaron o principal obstáculo para o traslado do poder espiritual. O que para uns foi traxedia, para outros foi oportunidade. E A Estrada non dubidou.

En apenas tres anos, en 1859, inaugurábase un novo templo na Estrada. Un prazo case imposible para a época… salvo por un detalle decisivo: as pedras non viñan de lonxe. A nova igrexa de San Paio foi, en esencia, unha reconstrución. O granito de Figueroa —o mesmo que vira séculos de historia— foi desmontado, transportado e ensamblado de novo no corazón da vila.

O resultado foi un edificio singular: unha fachada de corte neoclásico, sobria e funcional, coroada por unha torre barroca rescatada do pasado, posiblemente engadida á iglesia de Figueroa no século XVII. Un auténtico mosaico de estilos. Un «Frankenstein» de granito que simbolizaba algo máis profundo: a apropiación da historia para construír o futuro. A Estrada non só gañara o pulso, trasladara a alma.

A última viaxe das pedras

A Estrada medrou máis do que se esperaba e o templo de 1859 foi quedando pequeno. En 1898 proxectouse un novo co coengo estradense Ramiro Ciorraga e en 1935 inaugurouse despois de moitos paróns nas obras, sempre por problemas económicos ou por situacións políticas. As obras poideron rematar grazas as xestións de José «Casagrande» e Melanina Nine, pero sobre todo grazas a que o goberno central permiteu a subasta da «iglesia vella», que acabou comprando Porto Verdura «O Escobeiro» por 36.000 pesetas. A igrexa de 1859 quedaba desacralizada. En principio ía a ser habilitada como un hotel, pero a morte de Porto Verdura tumbou o proxecto que acabou sendo o almacén «da Crepa», de Neira. Anos máis tarde a edificación foi demolida. As pedras foron numeradas e enviadas de volta a Figueroa, coa intención de reconstruír o que un día fora seu. Era, tal vez, unha forma de saldar unha débeda coa historia, pero esa promesa nunca se cumpriu. As pedras quedaron durante anos amontoadas no cemiterio, esperando un destino que xamais chegou. Aos poucos, foron desaparecendo. Sen cerimonia. Sen memoria.

Epílogo

A historia deixa unha pregunta no aire: foi este traslado unha necesidade para o progreso da vila ou o triunfo dunha ambición que decidiu reescribir o mapa do poder? Pode que un pouco de ambas cousas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents