Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Estrada acollerá un concerto de Mondra o 16 de maio, na carpa da Praza da Constitución

Servirá como antesala para a Festa do Salmón e a conmemoración das Letras Galegas

Mondra.

Mondra. / Cedida

A Estrada

O Concello da Estrada desvelou a primeira das actividades culturais que se inclúen na gran carpa que quedará instalada na Praza da Constitución entre a Festa do Salmón e a Feira da Sidra. Da man do plan +Música da Deputación de Pontevedra, o artista Mondra encargarase de ofrecer un concerto programado na antesala da celebración das Letras Galegas, que este ano coincide coa principal festa gastronómica estradense.

O artista, cantareiro e bailador actuará, pois, o sábado 16 de maio aos pés do consistorio estradense, na véspera da Festa do Salmón. Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país e visitará a capital estradense despois de ofrecer o seu primeiro concerto no municipio o pasado ano, no marco do festival Folk de Raíz de Callobre.

Co seu álbum debut, titulado «Ardēn» (Altafonte, 2023), Mondra acadou o recoñecemento unánime de público e crítica. No mes de maio de 2025 lanza o seu segundo traballo discográfico, «De Ronda» (Altafonte, 2025), un álbum persoal e irreverente, «para seducir ou ser seducido», da man de Hevi (Laboratorio Soyuz).

Entre os anos 2023 e 2024, o artista realizou máis de oitenta concertos dentro e fóra da xeografía galega coa súa «Folīa das Ardentes», moi aclamada polo público. Da mesma maneira, en 2025, «A Ronda» seguiu enchendo os escenarios cun espectáculo no que a música, o corpo e a escena dialogan coa tradición para resignificala desde o presente. A xira 2026 da «Ronda» levará o espectáculo de Mondra de novo por toda a xeografía galega e do resto do Estado.

No haber de recoñecementos, Mondra foi distinguido con múltiples galardóns, entre eles o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024 por «Ardēn», o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por «Marimondra» ou o Premio aRi[t]mar á Mellor Música do 2024 na Galiza polo seu tema «Quererse ben».

Aínda que a programación neste gran catalizador e dinamizador da programación cultural a pé de rúa que será a carpa de gran formato coa que A Estrada volverá a contar entre o Salmón e Sidra arrancará xa o venres 15 de maio, a actuación de Mondra ten un significado moi especial por seren a antesala para a emblemática Festa do Salmón e a conmemoración das Letras Galegas. A hora de arranque da actuación está pendente de confirmar.

«Queremos agradecer á Deputación de Pontevedra que, un ano máis, a través do seu plan +Música, nos conceda a oportunidade de contar cunha actuación de gran nivel para que a nosa veciñanza e visitantes poidan gozar en datas tan emblemáticas como estas, nas que buscamos que a programación cultural sexa especialmente coidada e atraente para todos os públicos», sinalou Lucía Seoane.

«Esta carpa demostrou o ano pasado o seu potencial para converterse nun espazo que funciona como punto de encontro, que crea ambiente e que contribúe a facer comunidade a pé de rúa», sinalou a concelleira de Cultura. Coa previsión de que incremente a súa dimensión, quedará instalada na Praza da Constitución entre o 15 de maio e o 7 de xuño, con catro fins de semana completos de actividades.

Tracking Pixel Contents