Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Cristina Pato Escritora, educadora e música

«Dende que me afastei dos escenarios deixei de tocar, e a escrita ocupa agora ese lugar»

A autora del ‘Fóra de foco’ achégase este venres ás 20.00 horas ao Recreo Cultural para falar da súa nova novela, pero antes danos un adianto en FARO

Cristina Pato.

Cristina Pato. / XAN PADRÓN

A Estrada

Leva máis de dúas décadas desenvolvendo unha carreira internacional moi diversa. En que momento vital sente que está agora Cristina Pato?

Cando comecei a miña carreira profesional na música tiña 18 anos, naquel momento saíu o disco que me cambiou a vida, e que me levou a todas partes en moi pouco tempo... Hoxe teño corenta e cinco anos, pasaron moitas cousas desde aquel momento, pero sempre souben que a miña curiosidade por seguir aprendendo e seguir evolucionando guiaría un pouco a miña vida. Hoxe teño unha vida máis tranquila, afastada dos escenarios desde hai seis anos, que me permite máis tempo para reflexionar e para construír unha vida máis acorde cos valores que fun adquirindo cos anos. Poder dedicarme á docencia e a escribir é algo que me enche tanto como me enchían antes os escenarios...

Mirando cara atrás, que partes da súa traxectoria ¬como música, educadora ou creadora¬ diría que a definiron máis profundamente?

Coido que a suma de todas as partes é un pouco o que me define. Para min todo está conectado, e dalgún xeito unha cousa foime levando á outra. A música foi o motor da miña vida, e polo camiño fun descubrindo outras paixóns relacionadas co poder das artes na sociedade. Quizais o meu traballo co violonchelista Yo-Yo Ma e o Silkroad Ensemble, durante quince anos foi o que máis me axudou a entender que os valores e calidades que forman parte da experiencia musical, arredor do mundo, son transferibles e fundamentais para afrontar a vida...

Vive entre Galicia e Nova York. Como se constrúe unha identidade propia entre dous mundos tan distintos?

Hai algúns anos que comecei a pensar que dalgún xeito sempre vivín entremedias: entre a gaita e o piano, entre a música popular e a música clásica, entre disciplinas, e entre culturas. Quizais esa sexa a miña identidade... entremedias.

A súa carreira estivo sempre ligada á colaboración e á interdisciplinariedade. Que aprendeu dese diálogo constante con outras disciplinas?

Como intérprete a miña foi unha carreira de colaboracións, que me fixeron aprender moito dos mil xeitos que hai de entender as diferentes linguaxes musicais ás que me acheguei durante os anos. Con respecto ao meu traballo entre disciplinas, todo naceu coa visión de Yo-Yo Ma de achegar a música a diferentes conversas. Desde a universidade de Harvard, onde estabamos co Silkroad en residencia, comezamos a traballar en 2012 coa escola de educación, coa de negocios... e polo camiño funme atopando con moitos dos colaboradores cos que traballo hoxe, no eido das artes na medicina ou na neurociencia. Para min é un xeito de estar constantemente aprendendo, utilizando a pedagoxía da escoita para seguir explorando o papel das artes na sociedade, e no noso xeito de aprender a ser.

Como mudou a súa relación coa creación ao pasar de intérprete musical a autora dunha obra literaria propia (neste caso, dúas xa)?

É curioso porque desde que me retirei dos escenarios, e por razóns que aínda non sei moi ben como explicar, tamén deixei de tocar. Pouco a pouco a escrita foi ocupando ese lugar en min. E do mesmo xeito que antes me expresaba a través da miña gaita, do meu piano, hoxe fágoo a través da palabra, das miñas columnas, das miñas novelas. Escribir tamén me ofrece unha vida un pouco máis pausada, máis reflexiva, menos exposta... algo que precisaba neste momento da miña vida.

A súa traxectoria como gaiteira forma parte xa do legado da cultura e a música tradicional galega. Imaxinaba vostede cando empezou o longo recorrido que estaba por vir?

He recoñecer que naquel momento non sabía moi ben onde me metía. Levaba tocando toda a miña vida, cando de súpeto todo mudou e se converteu en profesión, nunha profesión que me levou durante 25 anos arredor do mundo... a colaborar con músicos e orquestras cos que nin me atrevera a soñar... a coñecer outra maneira de estar no mundo... e funme deixando levar por todo o que ía pasando. Tiven moita sorte na miña vida profesional, pois sempre me atopei con músicos tan bos coma xenerosos, que me abriron o camiño e a mente. E por iso e polo cariño do público estou profundamente agradecida.

Tras ‘No día do seu enterro’, que se pedía a si mesma como escritora en ‘Fóra de foco’?

As dúas son obras que eu sentía que necesitaba escribir. A primeira foi unha especie de homenaxe á xeración dos meus pais, que construíron tanto con tan pouco... e a segunda foi o resultado de todas as preguntas que me fixen desde que me retirei dos escenarios. Son moi diferentes, pero neste “Fóra de foco” a miña voz escrita está máis cerca das emocións que quero expresar con ela...

En ‘Fóra de foco’ aparece a idea de desaparecer voluntariamente. Pensa que ás veces é preciso dar ese paso atrás, especialmente no mundo de sobreexposición no que vivimos hoxe en día?

Penso que cada un de nós é un mundo imposible de descifrar ás veces nin por nós mesmos. A novela reflexiona sobre o que significa para as protagonistas darse tempo e permiso para pensar e pausar unha vida-traballo (como diría a filósofa Remedios Zafra) que deixa de ter sentido, para elas ese é o único xeito de sobrevivir nun mundo tan complexo que está constantemente cambiando. E para min era unha reflexión necesaria entre o que queremos ser e o que temos que ser para poder avanzar na vida...

A destrución da obra por parte de Basil Cancela cuestiona o concepto de legado. Está sobrevalorada a idea de deixar pegada?

Precisamente a obra cuestiona esa pregunta... que é o legado? quen o define? e para que sirve?

Para rematar, hai novos proxectos para Cristina Pato no horizonte, ou de momento céntrase en rematar a xira deste libro?

Sigo co meu traballo na intersección entre as ciencias e as humanidades, traballando nun curso que explora os proxectos de arte e medicina, e noutro que explora a relación entre a literatura e a neurociencia. E sigo escribindo. Outra historia de personaxes que non se dan atopado... coma min... a ver a onde me leva.

n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents