Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Ana Oróns Mata Secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia (Fearmaga)

«A relación da Estrada co moble é una fortaleza que temos que aproveitar»

A enxeñeira agrónoma visitou onte o colexio estradense de Lourdes nunha iniciativa que busca promover este sector entre os máis cativos

Ana Oróns atendeu a FARO na Carballeira da Estrada.

Ana Oróns atendeu a FARO na Carballeira da Estrada. / Bernabé/Javier Lalín

A Estrada

-Chega vostede dunha actividade no colexio de Lourdes, cal é o obxectivo deste tipo de iniciativas?

-Levamos desde hai dez anos ou algo máis facendo unhas campañas de comunicación á sociedade, de posta en valor do que somos, do que facemos, non como Federación, senón como sector. Dentro diso, hai campañas para os pequenos da casa, rapaces de infantil de 3 a 6 anos, para os que temos unha nova versión do conto dos tres porquiños e facemos un contacontos musicalizado. Despois temos tamén campañas para rapaces de secundaria, para achegarlles o sector. Parécenos fundamental que os posibles traballadores do futuro, desde os 14 ou 15 anos, comecen a tomar decisións sobre a onde se queren encamiñar. As charlas están orientadas a captar vocacións, a que saiban que estamos aí e que teñen que estudar para traballar con nós. A verdade é que nos vale calquera rama de educación, tanto profesional como superior, porque buscamos desde persoal non cualificado, que formamos nós para as empresas de aproveitamento e nos serradoiros, a enxeñeiros da nosa rama. Ademais diso, tamén precisamos electricistas, fontaneiros, soldadores, deseñadores, informáticos...

-É un problema de falta de relevo xeracional?

-Non, o que temos é falta de man de obra. Creo que o relevo xeracional no sector da madeira está asegurado. Somos un dos sectores nos que a porcentaxe de continuidade na actividade empresarial é máis elevada. Temos empresas que van pola cuarta ou quinta xeración. É dicir, xa os tataravós ou os bisavós dos novos que están agora empezando estaban aí. Na parte empresarial si que hai continuidade, pero non pasa o mesmo coa man de obra, un problema que non é exclusivo do sector forestal. Agora mesmo, hai moitos sectores nos que trasladan o mesmo problema. É certo que no noso caso estamos situados en contornos rurais, e iso sempre é un pequeno hándicap comparado con sectores que captan man de obra na cidade.

-Semella ademais un sector tradicionalmente orientado aos homes...

-Nesa liña temos desenvolvido diversas campañas de posta en coñecemento, porque somos un sector absolutamente inclusivo e aberto. Pode haber unha idea preconcebida, un estereotipo de que somos un sector moi duro. Somos duros na medida en que se traballa ao aire libre nalgunhas das ramas. Despois temos a parte industrial, que evidentemente xa se fai en recintos industriais pechados. Nótase esa idea preconcebida cando fago estas charlas nos colexios e pregunto aos rapaces sobre a xente que traballa no sector da madeira. Todos falan de homes altos, fortes e aguerridos. Teñen a imaxe dun leñador de conto, de debuxos animados. Pois nada máis lonxe da realidade. Sempre lles poño un vídeo dunha compañeira que temos que non é unha excepción. Fisicamente é coma min, unha muller nin máis alta nin máis forte que a maioría. As novas máquinas, as novas tecnoloxías e os novos procedementos de traballo fan que calquera persoa poida desenvolver esta profesión. Por iso cada vez temos máis mulleres traballando neste sector. Pero isto non é só no caso das mulleres. Este é un sector absolutamente inclusivo. Nós non discriminamos por sexo, raza ou relixión; simplemente pedimos que teñan ganas de traballar e que lles guste o que facemos. Evidentemente, isto é algo que che ten que gustar.

-Vende vostede moi ben o seu produto.

-É a realidade. O que pasa é que somos moi descoñecidos. Necesitamos que a xente se achegue a nós. Animaría aos que busquen un traballo a mirar ao seu arredor. Nun contorno rural como é, por exemplo, o caso da Estrada, hai moitas empresas de madeira por todas partes. Estamos falando de que somos 3.400 empresas en toda Galicia. En máis de 42 concellos, unha de cada tres actividades industriais somos nós, e hai só 17 concellos de Galicia onde non temos unha industria ou unha empresa asentada ou dada de alta como actividade económica. Dito isto, no concello da Estrada unha de cada tres actividades industriais está vinculada co sector forestal, e é un dos únicos seis concellos de Galicia onde hai máis de 50 empresas dadas de alta. Nesta localización específica na que estamos, é moi sinxelo poder dedicarse a isto se che gusta, porque temos a parte de monte, a parte de transformación, as industrias xa de taboleiro e de pasta de papel, e toda a rama de actividade de carpintería e ebanistería, o que se denomina segunda transformación, que especialmente aquí é moi potente. Fearmaga é a Federación de Rematantes e Serradoiros. Somos o primeiro selo da cadea, pero formamos parte dunha mesma actividade, dun mesmo sector. No fondo, todos somos necesarios.

-Cal é a situación da xestión forestal en Galicia?

-Somos un sector de pasado e somos un sector de presente, porque estamos no século da madeira. Pasamos polo século do ferro, do bronce, da era industrial e dos desenvolvementos tecnolóxicos, e agora estamos no século da madeira. Pero tamén somos un sector de futuro, e nese futuro Galicia está nunha situación inmellorable. Pensa que temos o 7% da superficie forestal de toda España e que de aquí, dos nosos montes, sae o 50% da madeira. Iso quere dicir que temos unhas condicións inmellorables para producir madeira. Temos unha industria de transformación con coñecemento e que fixo melloras e apostas moi importantes por innovar en transformación, en desenvolvementos de novos procesos e de novos produtos para consolidar os mercados que ten e, por suposto, ser capaz de chegar a novos mercados.

-E nesta zona?

-Aquí sempre houbo unha industria do moble moi importante, aínda que descoñezo exactamente de onde xurdiu. En superficie forestal non teño coñecemento de que haxa diferenzas significativas con outros concellos, para nada. Hai lugares nos que practicamente todo o seu territorio é forestal. Esta aposta polo moble pasou tamén en zonas de Portugal e na zona de Sarria. Pero, independentemente de cal fora a orixe, o que hai agora é unha fortaleza. Temos que ser capaces de aproveitar ese punto de partida. Non é o mesmo comezar de cero e intentar desenvolver unha actividade empresarial, que consolidar a que temos e incrementala. Iso implica ser capaces tamén de buscar innovación, de adaptarnos á realidade, aos gustos e ás preferencias. Iso creo que fallou un pouco aquí, quedamos nos modelos antigos. Os que souberon adaptarse foron cara arriba.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents