Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Premio

Ariadna Silva trae á casa o Mestre Mateo

A estradense consegue a estatuiña na categoría Mellor Documental coa produción ‘360 Curvas’, de Rebordelos, que codirixe xunto ao baiés Alejandro Gándara, e que recupera As Movidas da Fonsagrada

Silva, co equipo de ‘360 Curvas’, entre eles o tamén estradense Manuel García Vicente.  |

Silva, co equipo de ‘360 Curvas’, entre eles o tamén estradense Manuel García Vicente. |

A Estrada

A estradense Ariadna Silva Fernández vén de acadar un fito destacado na súa traxectoria profesional ao recibir o seu primeiro Premio Mestre Mateo, un dos galardóns máis prestixiosos do audiovisual galego. A cineasta fíxose co recoñecemento pola codirección do documental 360 Curvas, un proxecto compartido co realizador baiés Alejandro Gándara.

A cineasta durante o discurso de agradecemento.   | FIRMA

A cineasta durante o discurso de agradecemento. / .

A gala celebrouse este sábado, 21 de marzo, no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo e entre os finalistas da mesma categoría atopábanse traballos de notable nivel como Ao son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado, o que incrementaba a incerteza sobre o resultado final.

Visiblemente emocionada, Silva foi a encargada de subir ao escenario xunto ao resto do equipo para recoller o galardón e pronunciar o discurso de agradecemento. Nas súas primeiras palabras quixo destacar o apoio fundamental da veciñanza da Fonsagrada, protagonista do documental. «Sinto moitísima emoción co premio, non o esperabamos xa que a nosa categoría era das máis aberta, confesou. Agradeceu especialmente a colaboración e implicación da comunidade local, á que definiu como un exemplo de «dignidade e de que a unión fai a forza».

Silva tamén aproveitou a súa intervención para reivindicar o papel das salas de cine, subliñando a importancia de apostar por formatos menos comerciais como o documental.

Non faltou tampouco unha referencia ás súas raíces. A cineasta enviou un agarimoso saúdo á súa vila natal, A Estrada, ante os ollos doutros profesionais vinculados á localidade, como o actor Darío Loureiro, premiado na pasada edición pola súa interpretación en Rapa, ou a directora de produción Silvia Fuentes, que concorría con As Liñas Discontinuas. Tamén, por suposto, o conselleiro de Cultura e Xuventude, José López Campos.

Para Ariadna Silva, este recoñecemento sitúaa nun punto de inflexión na súa carreira. «Penso que supón un recoñecemento tremendo para a película, e para a Fonsagrada, por suposto», sinalou. Ademais, engadiu que «a nivel profesional, sinto que isto é un impulso para seguir traballando e facendo proxectos audiovisuais». Recoñece que conseguir a estatuiña contra obras de nivel como as súas compañeiras de categoría fai o galardón aínda máis especial: «Non podo dicir que o esperabamos, sinto moita emoción».

A cineasta concluíu compartindo as sensacións tras a gala: “En xeral, estou moi orgullosa». Un sentimento compartido por todo un equipo que, con 360 Curvas, conseguiu levar á gran pantalla a loita dun pobo –o da Fonsagrada– por non desaparecer.

Tracking Pixel Contents