Cultura
Unha Xanela á arte estradense aínda con moito por abrir
A primeira escolma desta galería virtual impulsada polo Concello a través do traballo de fin de grao dunha estudante de Historia da Arte deixa fóra nomes consagrados como o de Ariadna Silva ou Tono Arias, se ben esta é unha plataforma en crecemento

Imaxe promocional da iniciativa. |
A posta en marcha de A Xanela, a nova galería virtual impulsada polo Concello da Estrada, supón a creación dun arquivo dixital centrado nas artes plásticas do municipio. A iniciativa, desenvolvida como traballo de fin de grao pola estudante de Historia da Arte Sofía Fernández Lustres, recompila perfís de artistas locais a través de biografías, entrevistas e unha selección de obras, co obxectivo de documentar e difundir o patrimonio creativo estradense.
Nesta liña, o proxecto arranca cunha primeira escolma de quince nomes: Ramiro Cimadevila, Teresa Bascuas, Manuel Villaverde, Rosa de Cabanas, Ángel Lemos, Álex Vede, Baldomero Calviño, Beatriz Martínez, Fernando Porto, Irene Graña, Manuel Fragoso, Manuel González «Picasso», Marga Fraga, Puri Togariños e Sara Valcárcel. Trátase, na súa maioría, de artistas cunha traxectoria longa e recoñecida, con exposicións, obra consolidada e presenza habitual no ámbito cultural estradense e galego, polo que a súa inclusión responde a unha selección de nomes máis que asentados dentro do panorama local.
Deste xeito, A Xanela funciona como unha primeira fotografía dese tecido artístico, cun formato máis coidado que o que existía ata o de agora na web municipal. Xa en 2023 un artigo de FARO apuntaba que a antiga galería virtual deixaba fóra disciplinas como a fotografía e nomes relevantes do panorama contemporáneo , ademais de amosar contidos desactualizados. Esta nova proposta, polo contrario, introduce perfís máis completos e unha estrutura pensada para contextualizar a obra e as traxectorias.
Ao mesmo tempo, e tal e como se indicou na súa presentación, o proxecto nace cunha vocación aberta, pensado para medrar co tempo e incorporar novos perfís. Non se trata dun catálogo pechado, senón dun arquivo en construción que poderá ir ampliándose de maneira progresiva.
Con todo, dentro desta primeira selección, sorprende non atopar nomes de calado como os de Ariadna Silva Fernández e Tono Arias, en fotografía. No caso da primeira, trátase dunha fotógrafa consolidada e con obra presente en coleccións institucionais como a do CGAC, cun traballo centrado na identidade, a memoria e o territorio. Tamén destaca no audiovisual, nominada aos actuais Mestre Mateo co documental 360 Curvas, codirixido con Alejandro Gándar. Pola súa banda, Arias é un referente a nivel nacional e internacional no ámbito da fotografía contemporánea, non só dende a propia creación, senón dende a edición.
Máis alá destes casos, tamén hai unha serie de perfís de xeracións máis novas que, probablemente por contar cun menor percorrido acumulado, non entraron neste primeiro filtro. É o caso de Iago Fernández, que este mesmo ano expuxo na Fundación Eugenio Granell; Laura Caneira, vinculada á ilustración e á creación gráfica; ou o muralista Jon Lamas, que desenvolve intervencións en espazos públicos e leva a creación ao ámbito urbano.
No eido audiovisual sitúase Abel Carbajal, cunha traxectoria ligada á animación stop-motion. Formado en Cine e Audiovisuais, estivo vinculado aos estudos Laika, en Oregón, e foi candidato á nominación aos Premios Goya coa súa curta El gran Corelli, ademais de semifinalista nos Oscar para estudantes. A súa participación en producións internacionais como Wildwood introduce unha vertente distinta dentro do mapa creativo estradense.
A inclusión deste tipo de perfís permitiría completar unha panorámica máis ampla do talento local, incorporando non só diferentes xeracións senón tamén disciplinas que, como a fotografía, o muralismo ou o audiovisual, teñen presenza propia no municipio. En todo caso, esta circunstancia non resta valor á selección inicial, senón que se inscribe dentro do propio carácter do proxecto.
De feito, a propia concepción de A Xanela como espazo en evolución permite entender esta primeira listaxe como un punto de partida. Unha base sobre a que ir engadindo novos nomes e ampliando o relato arredor da creación estradense, evitando así as limitacións que xa se puxeran de manifesto en experiencias anteriores.
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- El Concello de Moaña contrata, por primera vez, un técnico para acelerar las tramitaciones en todos los departamentos
- Un desahucio sin inquilinos en Vigo que se prolongó año y medio: «Se fueron, dejaron de pagar el alquiler pero no pudimos entrar hasta ahora»