Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Xoque Carbajal Porto Actor e productor estradense

«‘Dedín, dedín, dedal’ é un espectáculo para gozar de cerca, en intimidade e coa familia»

O estradense é o fundador de Malasombra Produccións, que cumpre xa dúas década na industria teatral galega con amplo recoñecemento por parte do público, da crítica e do propio gremio profesional. É unha das compañías con maior distribución no circuito escénico galego

O actor e estradense posa para FARO xunto a escenografía do novo espectáculo.

O actor e estradense posa para FARO xunto a escenografía do novo espectáculo. / Cedida

A Estrada

‘Dedín, dedín, dedal’ é o novo espectáculo de Malasombra Producións, que se estreará este vindeiro sábado, 21 de marzo, ás 12.30 horas con entrada libre, no Teatro Principal da Estrada. Está dirixido a un público infantil, de 0 a 3 anos, acompañado. Trátase da primeira produción que fan dirixida a esta franxa de idade. Sobre este e outros proxectos da compañía falamos co seu fundador, o estradense Xoque Carbajal.

-Como definiría ‘Dedín, dedín, dedal’?

-Trátase dunha proposta escénica que mestura contos tradicionais, música en directo e títeres. É un espectáculo íntimo, para vivir de cerca e disfrutar toda a familia. O título fai referencia ós fíos que unen, ás puntadas que se fan para que tanto os contos como as músicas conformen un todo para o público.

-É a primeira vez que Malasombra se presenta para un público de tan curta idade?

-Si. Temos dous espectáculos máis, tamén infantís, pero para maiores de 4 ou 5 anos. Desta vez dirixímonos a nenos e nenas de 0 a 3 anos, como será o sábado na Estrada, aínda que temos outra versión dirixida a público de 8 anos. É o mesmo espectáculo, os mesmos contos e a mesma música, pero transmitidos de xeito distinto, adaptado.

-Esta é unha produción vosa pero que naceu como un traballo da existos e estrañada compañía Baobab Teatro...

-Así é, si. Andrea Bayer e Óscar Ferreira foron os encargados da creación do mesmo: texto e guión, escenografía, títeres e mesmo a música xunto a Brais Iriarte que comparte escena coa actriz Yoli Lorenzo. Malasombra ocupámonos da dirección de produción, iluminación e deseño gráfico. Ademais, o vestiario foi elaborado por Diego Valeiras.

-Como foi este encontro con Baobab?

-Baobab é unha das compañías de maior éxito tanto aquí en Galicia como en outros puntos da península onde acadaron un gran recoñecemento con premios como o do Festival de Ciudad Rodrigo, o da Feira de Teatro de Castilla y León ou nominacións ós Premios Max de teatro a nivel nacional. Cando nos propuxeron este espectáculo acollémolo moi contentos tanto polo producto en sí como pola traxectoria desta compañía xa desaparecida.

-Este sábado é a estrea pero, tiveron algún contacto co público?

-Tivemos hai uns días o primeiro contacto con público infantil, co alumnado da propia Andrea. Isto faise habitualmente para testear os espectáculos para que o público nos diga que está ben ou que pode mellorarse.

-Ademais desta estrea, Malasombra segue de xira con varios espectáculos.

-Agora mesmo estamos a xirar con varios espectáculos como O proceso, Testosterona, De algo hai que morrer ou Bernarda.

-Proximamente visitarán algún concello da zona. Con que obras?

-O 28 deste mese estaremos en Silleda coa comedia De algo hai que morrer con Jouse García máis eu sobre escena onde dous divulgadores dan unha conferencia sobre a morte. E o 17 de abril achegarémonos ata Lalín con Testosterona, con Luís Iglesia e Camila Bossa, onde a comedia tamén fai de envoltorio para tratar a desigualdade laboral por xénero.

-Que novos proxectos ten en marcha dende Malasombra?

-No vindeiro mes de setembro estrearemos Cotorras, no que contarei de novo con Luís Iglesia e coa actriz Victoria Teijeiro onde de novo a comedia acolle un tema de total actualidade. Conta a historia dun político que ten un discurso feminista e progresista, de cara a galería, pero que logo é todo o contrario na súa vida privada. E ademais disto siguimos a xirar con outros espectáculos con datas programadas xa para o vindeiro outrono.

-Bernarda é unha obra que obtivo entre outros o premio María Casares de teatro a mellor espectáculo en 2020 sigue de xira. Volverá pola Estrada?

-Si. Estaremos de novo no Teatro Principal o 20 de novembro, unha data moi significativa para a historia que se conta e que está ambientada xustamente en 1975.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents