Recoñecemento veciñal
«Trata de ser o que es»: Luis Galego, homenaxeado en Ponte pola súa entrega á comunidade
A parroquia de San Miguel de Ponte reuniu este domingo a preto de noventa veciños nun xantar de confraternidade para agradecer a longa traxectoria pastoral do seu cura e a súa dedicación

Luis e Marisa Galego García posan cos asistentes ao xantar na entrada do restaurante Ponte Taboada. / XPONTE

A parroquia de Ponte, no municipio de Silleda, viviu este domingo unha xornada marcada pola emoción e o agradecemento coa homenaxe dedicada a Luis Fidel Galego García (Busto-Lalín, 20 de marzo de 1933), sacerdote que desde hai case sete décadas é unha das figuras centrais da vida relixiosa e social desta comunidade de Deza. Preto de noventa persoas participaron no xantar de confraternidade celebrado no restaurante Ponte Taboada, mentres que outra vintena que non puido asistir á comida colaborou igualmente nos agasallos.
A iniciativa partiu de Merchi Frade Gómez, que a fixo extensiva a toda a veciñanza, como un xeito de expresar o seu recoñecemento por unha vida de entrega e acompañamento á parroquia de San Miguel de Ponte. Desde a súa primeira misa na parroquia, o 15 de agosto de 1958, Don Luis mantivo unha relación moi estreita coa comunidade, converténdose nun referente para varias xeracións de fregueses que o viron celebrar sacramentos, acompañar momentos importantes da vida parroquial e participar activamente na vida de Ponte, onde mesmo viviría ata 1983, en que se trasladou a Silleda.

Don Luis dirixe unhas verbas aos asistentes. / Cedida
Durante o encontro, o cura dirixiuse aos asistentes cunhas palabras nas que evocou outros momentos especiais vividos na parroquia, como a homenaxe que xa recibira polos seus cincuenta anos de sacerdocio. Lembrou o profundo vínculo que mantivo sempre con Ponte e coa súa xente, destacando o orgullo que supón formar parte da longa historia da parroquia, na que hai constancia de sacerdotes desde 1598, tal como recolle un libro do veciño Diego Frade Amil próximo a publicarse.
Nun dos momentos máis emotivos da súa intervención, leu o texto da invitación coa que os veciños o convocaran a este xantar de confraternidade, no que se subliñaba «o agradecemento, cariño e recoñecemento por unha vida de entrega, dedicación e acompañamento nesta parroquia». O sacerdote agradeceu o xesto e o afecto recibido ao longo de tantos anos, nun acto que cualificou de sinxelo pero moi significativo.
Reflexión e aplauso
Don Luis quixo rematar as súas palabras cunha reflexión que provocou un cálido aplauso entre os asistentes: «Porque te alaban, non penses que es máis grande. Porque te odian, non penses que es máis pequeno. Trata de ser o que es».
Durante a sobremesa tivo lugar a entrega de agasallos. O homenaxeado recibiu unha réplica en madeira da fachada da igrexa de Ponte –obra do artesán José Luis Frade Sánchez ‘Sanse’, nativo da parroquia e residente na veciña do Castro–, un detalle simbólico que representa a forte relación que mantivo coa parroquia ao longo da súa traxectoria pastoral. A súa irmá e compañeira de vida, Marisa, tamén presente no acto, foi recoñecida cun ramo de flores.
A xornada converteuse así nun encontro de convivencia no que non faltaron as lembranzas, as conversas e as mostras de cariño cara ao sacerdote. O ambiente estivo marcado pola proximidade e polo afecto dunha comunidade que quixo expresar colectivamente o seu agradecemento a quen acompañou a vida parroquial durante boa parte da súa historia recente.
Con este xantar, Ponte deixou constancia unha vez máis do forte vínculo que mantén con don Luis Galego, unha figura moi querida polos seus veciños e que segue formando parte da memoria viva da parroquia.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Xunta lanza un plan para atajar el fraude en las bajas laborales en Galicia, que en total son 70.000 al día y suponen unas pérdidas de 2.200 millones de euros
- La jueza archiva la causa de la botella de agua que quemó a un cliente en un restaurante de Vigo
- La gallega Mobify prepara su desembarco en Vigo: una flota de cien vehículos, modelo 'carsharing' y precios desde 0,29/km
- Dejar un trabajo fijo para dedicarse a la docencia: «Me arrepiento de no haberlo hecho antes»
- La Xunta ampliará el alcance de la ayuda anual de 5.000 euros del Bono Coidado para dependientes a otras 10.000 familias
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Un accidente múltiple en la AP-9 en Vigo deja seis heridos, uno de ellos grave
- Roberto Verino se abre a un socio industrial a través de la venta de casi el 40% del capital para asegurar el relevo generacional