A Ruta do Románico en Silleda (IV)
Santa María de Abades
O conxunto relixioso da parroquia é un marabilloso exemplo de diálogo entre o románico medieval e a arquitectura do XVIII propia do rural interior galego

Igrexa románica de Santa María de Abades. / ÁNGEL UTRERA
Continuamos coa serie das igrexas de fábrica románica de Silleda, con esta auténtica xoia agochada e pouco coñecida: o conxunto relixioso da parroquia de Abades. Está conformado pola súa igrexa de fábrica románica, o santuario dos Desamparados –expresión do barroco tardío e o neoclásico do século XVIII– e o cruceiro que marca a dirección ao sagrado lugar.
A parroquia de Abades pertencía á xurisdición de Trasdeza e ao cabildo compostelán e, tal e como conta José María Ezequiel Ferrer no seu libro Santuario da Nosa Señora dos Desamparados: «Sobre o século XV aparece rebautizada como Santa María de Abades e, grazas a unha familia de boa posición que doou os terreos da actual localización, custeou as obras de desmonte e traslado e montaxe desta, e tamén se constrúe a ponte de Santa María». Segundo o Catastro do Marqués de Ensenada, en 1826 tiña 243 habitantes e formaba parte do Concello de Chapa, que en 1853 cambia a súa capitalidade pola de Silleda.
Santa María de Abades, Santa Ana ou Santa María de Pedre, como tamén se coñece esta pequena igrexa, data de finais do século XII, principios do XIII. Aproximadamente no ano 1170/1 edificarase no lugar de San Martín de Abaixo, coñecido como O Pedral, aínda que, tal e como nos explicou Ezequiel Ferrer –cicerone durante a visita–, no século XVI puido ser trasladada do seu emprazamento orixinal ata o actual enclave, se ben non hai ningún tipo de documentación escrita ao respecto, e so a tradición oral insiste neste curioso feito.

Santa María de Abades (I). / Angel Utrera
Consta dunha soa nave e ábsida rectangular característica dos templos do románico rural, modestos e moi sinxelos, case que funcionais, podemos dicir, no que se separa o sagrado altar, mediante un arco de medio punto apoiado en pilastras a modo de xambas que articula a nave co presbiterio, que se cubre cunha teitume de madeira, por certo recentemente rehabilitada, e na que o uso da sillería de granito ofrece solidez á construción ao mesmo tempo que resulta austera.
O acceso ao templo é pola fachada occidental con porta adintelada, con arco semicircular aínda que o tímpano carece de adornos; nin apreciamos Agnus Dei, nin as cruces típicas no románico. Sobre esta elévase a espadana, moi sinxela, con dúas campas engadida en tempos posteriores. Ao campanario orixinalmente accedíase por unha escaleira de pedra, na actualidade destruída na maior parte –so quedan uns chanzos–, e presenta tres portas de acceso, se ben a do lateral sur está tapiada.
Estamos diante dunha fábrica funcional adaptada ao contexto e recursos daquela época para unha parroquia do interior de Galicia no medievo. Sen dúbida, o máis significativo deste templo sexan os canzorros con motivos xeométricos, zoomorfos e antropomorfos baixo as cornixas que podemos contemplar nos dous muros laterais; curiosamente na ábsida rectangular non se conservan, posiblemente porque ao longo dos séculos e as sucesivas reformas que sufriu o templo desapareceron. Bóvidos, contorsionistas, que algúns autores atribúen a Adán e Eva, as pernas de Prisciliano ou San Bartolomé, ou mesmo unha espiral e outros con motivos diversos. Aínda que o seu significado non está aclarado eficientemente, si que se pode deducir que aluden á fertilidade, o pecado e escenas da vida cotián na época medieval.
No que respecta aos muros interiores, a fábrica do templo é de pedra de granito con sillares moi simples e de arestas irregulares e recuberta dun encalado moi primitivo no que aínda se poden apreciar dificilmente motivos relixiosos e alegorías á morte, os Santos e o xuízo final, nun tempo de pestes e enfermidades. De autor descoñecido e datadas na primeira metade do século XVI –aínda que, como nos refire Ezequiel Ferrer, foron repintadas en 1773 polo artista Jorge Calvo–, representan a morte triunfante portando un arco e as frechas: «Eu son A Morte, que teño o arco armado, mato a quen eu quero e deixo a quen me pagou». Trátase de pinturas moi deterioradas, tipo murais de carácter iconográfico medieval que se adaptan perfectamente aos muros laterais e arco triunfal da orixinal fábrica románica e coas que a igrexa católica busca a reflexión e o temor dos fieis ao pecado e o lume eterno do inferno trala morte. Os martirios de San Andrés, Santa Margarida de Antioquía e San Bartolomé, así como un texto en latín practicamente ilexible no que para os entendidos se poden ler loas e unha cántiga a Santa María.
Como curiosidade destacamos a existencia, sen dúbida reciclada doutro lugar dunha inscrición en pedra, preto da porta meridional tapiada, no que se pode ler gravado invertido, en latín, co seguinte texto, segundo refiren os expertos na materia: ‘QOD:FREIVS’. Posiblemente fai referencia á localización dunha colonia romana que en tempos houbera na zona ou preto, ou un nome ou lugar non identificado.
Estamos, pois, ante unha típica igrexa románica do rural do país, na que, por tratarse dun templo moi sinxelo e humilde, non se poden admirar as esculturas típicas dos capiteis, xa que carece deles e tampouco hai arcos nin seteiras, xa que a da ábsida foi tapiada, aínda que orixinalmente a luz procedía das catro que, rematadas en arco de medio punto, se abrían nos muros laterais. Próximo ao adro da igrexa contemplamos as ruínas do que no seu día foi a casa reitoral.
Cruceiro
O cruceiro foi construído no ano do Señor de 1698, en tempos do bispo Miguel de Fuentes y Altossano. De estilo barroco, trasladouse o seu actual emprazamento anos máis tarde, sendo bispo Santiago Rodríguez Gil, segundo inscrición no seu pedestal en 1850.

Cruceiro / Angel Utrera
Esculpido en pedra de granito, con fuste cilíndrico que comeza e remata en cuadrangular, ten cruz cuadrangular biselada con capitel igualmente cuadrangular no que figura esculpida a cara dun anxo. A cruz presenta no anverso a Cristo coroado de espiñas e no reverso a Virxe en situación orante con anxo aos pés. Presenta mesa pousadoiro para os actos relixiosos propios, como as pregarias polo defuntos, nesas ocasións serviría de repousadoiro do cadaleito. O pedestal sobre grada de catro chanzos presenta o dado no que se contemplan as das datas comentadas, sen que se poida deducir ao cen por cen cal é a data de fábrica tan so observamos como posibles esta de 1698, tal e como refire o investigador Manuel Reimóndez Portela no seu libro de 1985 sobre os cruceiros de Pontevedra. Ao lado dereito do cruceiro hai unha curiosa fonte, quizais de augas milagrosas, sen dúbida moi apropiada para calmar a sede dos peregrinos.
Santuario dos Desamparados
A segunda parte da visita céntrase no Santuario da Nosa Señora dos Desamparados. É unha construción de tres naves grandes dimensións de estilo neoclásico, levantada no século XVIII. Foi deseñada polo pontevedrés Melchor de Ricoy e financiada polo párroco Joaquín Espes, natural de Valencia, de onde chegara cargado de soños.
Puidemos contemplar as pinturas murais interiores realizadas por Jorge Calvo en 1773 e as imaxes de San Xoaquín, San Pedro e San Xosé, realizadas polo escultor Gambino, e o impresionante retablo, que en ocasións celebradas se monta diante do altar maior, construído nun obradoiro especializado de Santiago de Compostela a principios do século XX, no que destacan curiosas pinturas ao óleo, representando a paixón de Cristo e a Última Cea, entre outras de grande colorido e expresividade que atopamos ao acceder no santuario, no lateral dereito da nave central. Trátase dun retablo de algo máis de 6 metros de alto rematado cunha cruz e pináculo.

Nosa Señora dos Desamparados / Angel Utrera
Tamén destacable é o Santo Sagrario no altar maior, cun Agnus Dei gravado na porta, así como as tallas de San Pedro e da Virxe, na que chama a atención o pelo natural. A ambos lados do altar maior, contemplamos os restos de dous púlpitos, xa desaparecidos, en tanto quedou un deles –tivo ata tres– na nave central cara ao altar.
É un edificio monumental de carácter neoclásico, que incorpora elementos propios do barroco tardío na súa decoración final. Melchor Ricoy conxugou a arquitectura relixiosa monumental coa sensibilidade propia do agro do país. Destaca a torre campanario, composta de varios corpos con balconadas intermedias e rematada nun fermoso capitel, o que confire ao santuario unha impresionante estampa sobre o val de Abades.
A cúpula con lanterna acristalada e cuberta a seis augas aporta a luminosidade interior necesaria para realzar o conxunto como lugar de recollemento e oración, no encontro místico con Cristo e a súa Nai na casa de Deus.
En definitiva, o conxunto relixioso de Santa María de Abades constitúe un marabilloso exemplo de diálogo entre o románico medieval e a arquitectura do XVIII propia da Galicia interior. Dunha banda, unha típica igrexa románica modesta e intimista na súa devoción e medos no medievo, e por outra, a monumentalidade dunha arquitectura relixiosa propia do barroco e o neoclásico, con formas máis refinadas e definidas na que a casa de Deus se nos presenta como algo suntuario e rico, moito máis expresivo. Este conxunto non so é un lugar de devoción e fe, senón tamén testemuña da historia, reflectida na arquitectura propia do país e da cultura das xentes ao longo dos séculos.
[Agradecementos: Á xenerosidade e amabilidade do sancristán, Antonio Abades, do investigador e escritor José Mª Ezequiel Ferrer Valiente –resulta imprescindible o seu libro ‘Donde el mundo se llama Abades’–, e da concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González Conde, que fixo as xestións para poñernos en contacto con eles].
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- El Estado exige 6 meses de prácticas a los alumnos de la mercante pero solo les da 3: «Hay gente que ya lo da por imposible»
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano