Entrevista | Martín Camba Conde Policía local
«Atopámonos que ás veces son as familias as que facilitan alcol aos menores»
Con máis de 20 anos de carreira policial en Santiago, 15 deles con patrulla nocturna, Camba falará no Antón Losada sobre saír de festa na adolescencia

«Atopámonos que ás veces son as familias as que facilitan alcol aos menores». / ANTONIO HERNÁNDEZ RÍOS
Despois de máis de vinte anos como policía, moitos deles en quenda nocturna, que é o que máis lle preocupa do ocio nocturno entre a xente nova?
O primeiro que hai que entender é que o ocio nocturno é diferente ao diúrno. Hai un elemento diferencial moi claro: o aumento do consumo de alcol e tamén de drogas. Ese consumo fai que os riscos aos que están expostos os mozos e mozas aumenten moito. Por iso nas charlas tratamos de conciencialos e explicarlles que hai determinadas condutas que poden ter consecuencias moi graves e que, unha vez que pasan, xa non teñen volta atrás.
Cales son as situacións máis habituais que se atopan cando patrullan zonas de ocio?
Hai varias. Por exemplo, erros previos a cumprir a maioría de idade, como falsificar o DNI para entrar en locais. Tamén hai pelexas, que moitas veces comezan por motivos mínimos pero poden acabar con consecuencias penais. Outro problema son os delitos contra a seguridade viaria. E tamén nos atopamos con ilícitos de natureza sexual. Son situacións que ás veces nin sequera provoca directamente o propio menor, pero nas que se pode ver implicado simplemente por estar no lugar equivocado.
A que idade están empezando a saír agora os adolescentes?
Depende moito do contexto. Nunha cidade universitaria como Santiago hai moito estudante universitario saíndo de noite. Pero se falamos, por exemplo, de verbenas ou botellóns, atopamos rapaces moi novos. Non é raro ver menores de 12, 13 ou 14 anos participando. Aí aparece outro problema importante: a falta de experiencia e o consumo abusivo de alcol.
Teñen que intervir moitas veces en botellóns para comprobar se hai menores consumindo alcol?
Si, é algo bastante habitual. Sobre todo en determinadas datas, como nas verbenas. Non é raro que ao día seguinte aparezan noticias sobre comas etílicos en menores de idade. O botellón está moi estendido e para moitos rapaces é a primeira experiencia saíndo pola noite. O problema é que a idade media nese tipo de encontros é moi baixa e moitas veces falamos de rapaces que non teñen ningunha experiencia.
O ocio nocturno tamén cambiou respecto a hai dúas décadas?
Si, cambiou bastante. Antes concentrábase en tres ou catro días á semana, normalmente xoves, venres e sábado. Agora hai locais abertos practicamente todos os días. Iso significa que tamén hai incidencias sete días á semana. Ademais, nos últimos anos ampliouse a normativa para controlar o consumo de alcol en menores, o que tamén implica máis traballo policial.
Que erros cre que cometen ás veces as familias cando os fillos comezan a saír?
Temos un problema cultural: moitas veces asociamos beberl con diversión. Esa idea tamén lles chega aos rapaces. Incluso atopamos casos nos que os propios pais preparan na casa as mesturas que logo levan ao botellón os mozos. Algúns xustifícano dicindo que así saben o que beben, pero hai que lembrar que legalmente un menor non pode consumir este tipo de sustancias.
Pode haber sancións nestes casos?
Si. A nova normativa contempla sancións tamén para quen induza ou facilite o consumo de alcol e outras dogas a menores. Poden ser sancións económicas ou, nalgúns casos, traballos en beneficio da comunidade. As multas leves van aproximadamente de 200 a 3.000 euros, e as graves poden chegar ata os 15.000.
Que sinais deberían observar os pais para detectar posibles problemas?
O máis importante é a información e a comunicación. Estas charlas buscan precisamente iso: que as familias teñan información para que logo na casa se poida falar do tema con normalidade. A prevención baséase moito en que haxa diálogo entre pais e fillos.
Que consellos daría aos mozos para que desfruten do ocio nocturno con seguridade?
Que saian a divertirse, pero con prudencia. Eu sempre digo que a noite ten unha cara A, que é a diversión, pero tamén pode ter unha cara B, que é cando unha noite de festa remata nun problema serio. Se son conscientes dos riscos, é máis doado evitalos.
Hai novos riscos para a mocidade en comparación con anos atrás?
Dende logo. Internet ten unha parte moi positiva, pero tamén outra que pode ser nociva. Moitos menores acceden moi cedo a determinados contidos, sobre todo sexuais, que se está a ver que afectan á súa conducta cando despois son eles os que saen e reproducen as situacións que viron. Os últimos datos dinnos que as agresións sexuais cometidas por menores aumentaron un 79%.
Como reaccionan os alumnos cando escoitan estas charlas?
Nas aulas adoitan entender moi ben o que se lles explica. Con exemplos, noticias ou vídeos ven que esas situacións existen de verdade. O problema é que despois, cando saen de festa cos amigos, o contexto cambia e é máis difícil que recorden esas advertencias. Por iso é importante insistir e traballar na prevención.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un barco de la viguesa Opnapa recaptura un atún patudo marcado por los científicos hace casi diez años
- Xunta y concellos entrarán ya a limpiar fincas en zonas de riesgo de incendios si el propietario incumple sus deberes
- Expectación en el Chuvi por un plazo para cambiar de hospital que podría agudizar sus demoras
- El TSXG otorga 250.000 euros de indemnización a un paciente que sufrió una demora «negligente» en ser intervenido de un ictus por falta de camas en el hospital Álvaro Cunqueiro
- El ourensano Juan Bouzo, que cumple 104 años, sigue tomando su vaso de vino al día «porque le da fuerza»
- De récord en récord: los extranjeros copan más del 65% de los nuevos empleos creados en Galicia
- Así son los MG, los coches chinos de la otrora marca británica que SAIC apunta a fabricar en Galicia
- Stellantis Vigo inicia la producción de las primeras furgonetas K9 de tipo 'low cost'