Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Recoñecemento

«Cociñando historias: as mulleres de La Bombilla»

A cociña nunca foi cousa de modas nin de fogos artificiais. Non se trata de tendencias efémeras nin de pratos que existen para saír nas redes sociais. La Bombilla forma parte , canda outros, desa memoria colectiva

As irmáns Porto e Ricardo Terceiro

As irmáns Porto e Ricardo Terceiro / RT colección

Ricardo Terceiro

A Estrada

Desde hai varios anos, Lois Docampo cédeme este espazo nesta edición de Deza e Tabeirós coincidindo co 8 de marzo, un día no que se celebra a forza, a presenza e a historia das mulleres. Cada vez que me sento a escribir, penso que é tamén unha oportunidade para lembrar espazos, oficios e xentes que teñen deixado pegada, co corazón e as mans. La Bombilla é un deles.

A cociña nunca foi cousa de modas nin de fogos artificiais. Non se trata de tendencias efémeras nin de pratos que existen para saír nas redes sociais. A verdadeira cociña é paciencia, constancia, mans firmes e moitas horas diante do fogón. É o oficio que se aprende co tempo e co cariño, e que se transmite de xeración en xeración. Restaurantes e/ou casas de comidas de hoxe e de onte como Renda, A Brasa, O Quinteiro, Velis Nolis, O Xulia, Nixon, Casa Neira, Regengo, Leo, Regatos, Samaná, Gran Vía, A Riala, Navegación, Argentinos Burger, Manxares, Tasmania, Eureka, Andalucía e outros que se van a ·cabrear por non citalos e, por suposto, La Bombilla, forman parte desa memoria colectiva. Cada prato é unha historia, cada sabor é unha lembranza que nos transporta á casa e ao traballo ben feito.

As orixes do establecemento estradense.

As orixes do establecemento estradense. / RT colección

Detrás dese saber facer case que sempre houbo, e hai, mulleres. Mulleres que cociñaron e cociñan con entrega, con carácter, con humor e, ás veces, con paciencia infinita mesmo cando todo parece torcerse. Erundina, Lola Carballo, Lucía Casal, Gerucha, Lourdes Martínez, Paula, María Jesús Paz, Mónica, Marta Ventura, Ana, Marisol… fixeron da cociña un acto de resistencia diaria, de coidado e de amor. Alimentar é tamén facer historia, e grazas a mulleres estradenses como Nieves Feros, en Cociña Tradicional Galega, Mari Carmen Rodríguez en De madres a hijas ou Lina Varela en As receitas de Lina, parte desa historia quedou por escrito.

O antigo negocio.

O antigo negocio. / RT Colección

Comidas de traballo

Hoxe quero centrar o meu artigo nese gremio que nos dá de comer no sentido máis literal da palabra, e facelo a través dun restaurante que, durante case setenta anos, pasou dos pais ás súas fillas sen perder nin un ápice do seu sabor nin da súa esencia tradicional. Reformado, actualizado, con novas xeracións, con outras costumes, pero conservando ese espírito Bombilla. Un espírito que non se aprende, que non se compra, que se respira en cada prato e en cada sorriso.

Naquel restaurante xuntábanse clientes habituais, algúns case diarios. A pandemia cambiou todo, separounos e obrigounos a aprender a cociñar máis alá dunha ensalada de leituga e tomate ou dunha tortilla francesa. Os tutoriales mexicanos ensinábanos a limpar as sartens, e o Fairy, a Spontex e a Vileda convertéronse en aliados imprescindibles no fregadoiro.

Pero cando a situación sanitaria se normalizou, Pili, Ana e Marga recuperaron a tradición con toda a súa forza. Cando se achegaba a Festa do Salmón, ofrecíannos probar as súas innovacións para as receitas do ano, como se foramos un xurado dun Talent show ou A Liga dos Cantantes Extraordinarios. Eu pouco podía aportar: sempre dixen que «eu como por obriga, non por devoción». Pero iso non importaba. O que realmente contaba era a emoción de participar, de ser testemuña de tanto coidado e tanto talento. E tamén de tantas risas, momentos de complicidade e historias que quedaban gravadas na memoria.

Tampouco faltaban as orellas coas que nos agasaiaban nos carnavais, nin o noso espazo reservado no comedor para «as cousas de tratar». Eses pequenos detalles, repetidos mes a mes, ano tras ano, convertían La Bombilla nun lugar máis que un restaurante: un espazo de comunidade, de encontros, de memoria viva.

Os tempos mudaron.

Os tempos mudaron. / RT colección

A casa (de comidas) rectoral

La Bombilla era un dos restaurantes máis históricos da zona que se mantivo en activo ata hai apenas uns días. Pili, Ana e Marga coidaban o local co mimo que só dan os anos de experiencia e a herdanza familiar. Julio César Luis Gonzaga Donato Alejandro Porto Porto – con eses seis nomes do seu pai que Ana me lembrou - e que el quixo que figuraran na súa esquela. Para todos, simplemente Julio, un home que deixou pegada na maneira de facer sentir aos clientes como en casa.

Outro dos irmáns Porto Pazos, Jesús, foi cura en Paradela durante anos, nos que había que atender cada unha das 51 parroquias de A Estrada. De cando en vez, Jesús convertía La Bombilla nunha especie de «Basílica de San Pedro», un cónclave culinario onde os curas resolvían problemas do clero e da parroquia, discutían e, ás veces, saía a «fumata branca» da solución. Pasaron de máis de corenta a só sete curas activos, algúns celebrando varias veces ao día «o corpo e o sangue de Cristo» en distintas parroquias, arriscando a dar positivo nun control rutinario.

Pili, Ana e Marga notaron a marcha de Chelo que tivo que deixalo para coidar á sua nai. Chelo era a camarera que aliviaba a presión da cociña e facía de enlace cos comensais. Ela era quen de soportar todo, organizar o comedor, tranquilizar aos clientes e manter a armonía dun restaurante en funcionamento.

Un espazo de vida social

La Bombilla non era só un restaurante, tamén era hotel. Un dos poucos que quedan en A Estrada para acoller viaxeiros. Conta con 20 habitacións e 38 prazas, e aínda hoxe Ana e Marga seguen anotando á man, nunha axenda, as reservas, entradas e saídas dos hóspedes. Aínda que tamén o facían no ordenador, a axenda de papel seguía sendo a mellor copia de seguridade, un verdadeiro disco duro humano.

Ali celebrábanse bodas, banquetes, cumpreanos, entrega de premios, ceas deportivas de fin de tempada, reunións e concentracións. Cada evento deixaba pegada no local e nas persoas que pasaban por el.

La Bombilla era máis que cociña: era memoria, tradición, vida social, unha comunidade que se nutría de historias, sabores e xentes de todos os camiños da vida.

Tracking Pixel Contents