Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura e tradición

Treixadura pon banda sonora á maxia de Portalén

O histórico grupo de música galega Treixadura presentou o seu último disco baixo o nome de Portalén, nunha adicatoria á porta cara ao outro mundo que, tal e como documentou o historiador Calros Solla, atópase no alto do monte Seixo

Calros Solla, ao pé de Portalén vinte e catro anos despois da súa descuberta. | CEDIDA

Calros Solla, ao pé de Portalén vinte e catro anos despois da súa descuberta. | CEDIDA

Cerdedo-Cotobade

O próximo día 14 de marzo, Treixadura presentará o seu novo disco en Vigo e entre o público estará un invitado especial, o historiador Calros Solla. Fai so uns meses, o mestre e escritor recibía una chamada de teléfono inesperada. Ao outro lado da liña estaba o gaiteiro Paulo Nogueira, integrante da histórica agrupación de música galega. O motivo desta chamada era informarlle da decisión de Treixadura titular o seu disco co nome de Portalén, importante símbolo da comarca de Terra de Montes, ademáis de adicarlle un dos seus temas ao mitolóxico monte Seixo que Solla e a asociación Capitán Gosende estudaron e puxeron en valor fai xa 24 anos. Gracias a eles, Portalén, a porta cara a o máis alá escondida nos montes da comarca, xa ten a súa propia banda sonora.

Solla recordou onte que a relación de Portalén e Treixadura ven de fai anos, cando subiu ao monte para colocar unha sinalización. Alí, xunto ao conxunto de pedras cargadas de simbolismo atopou ao propio Paulo Nogueira xunto a outros amigos como Tino Baz ou Luz Fandiño. Esa foi unha oportunidade única para explicarlles como xurdiu todo aquelo, desde a súa recollida de material nas casas dos pobos ao pé do monte Seixo como no seu camiñar. Aquel encontro fascinou aos integrantes de Treixadura que, agora decidiron honrar a porta ao mundo dos mortos adicándolle unha canción chea de sentimento e misticismo.

«É un comportamento que os honra. Hai moita xente que leva anos traballando para agasallar aos demais con todo o que van descubrindo nas súas investigacións», afirmou Solla. «É bonito que che recoñezan a orixe e autoría deste descubrimento e que poidas formar parte disto», engadiu lamentando «exemplos contrarios» de administracións ou escritores que se nin os nomean cando falan de Portalén.

Treixadura pon banda sonora  á maxia de Portalén

Treixadura pon banda sonora á maxia de Portalén / Cedida

O escritor mostrou a súa ledicia porque o nome de Portalén quede ligado tamén á música tradicional galega. Neste sentido contou unha anécdota, xa que o nome de Portalén nunca o utilizaron os veciños ao falarlle deste lugar no alto do monte Seixo. «Eles referíanse a el como portaliño ou o marco da ventana. Falaban tamén sen embargo da porta para o alén, da porta cara outro mundo. Eu busquei un nome máis eufónico. Así foi como naceu Portalén, unha denominación que penso que conecta a súa forma e a lenda á que está asociada», explicou.

«Debo recoñecer que o Proxecto Montaña Máxica superou todas as miñas expectativas: a montaña máxica do Seixo e o santuario pagán de Portalén son hoxe dous lugares arquicoñecidos da Galiza, fitos selleiros dunha comarca esmorecente e faltosa de alicientes. O plan de valorización e difusión, obviado polas administracións locais e autonómica e orfo de patrocinio, obtivo resultados abraiantes sen ter que agardar ao falecemento do seu promotor. Fai máis quen quere ca quen pode», manifestaba Calros Solla nunha das súas habituais colaboracións para FARO, nese caso para falar da “fascinatio” de Portalén.

Esa fascinación por Portalén é algo que segue sorprendendo ao escritor, que sempre considerou que o símbolo principal dun monte con trinta lugares marcados polas lendas e a presencia de seres míticos é o Castro Grande. «É o símbolo máis poderoso do Seixo. O santo Santorum. Sen embargo Portalén foi o que se converteu no símbolo referente. El ten o nome, a maxia e a forza para ser o elemento máis coñecido», afirmou diante do agarimo que agora lle mostra Treixadura.

Como o historiador sempre recorda, as lendas de Portalén e do Monte Seixo parten da memoria colectiva dos veciños da zona, aqueles que a comezo de século aceptaron una atípica proposta de Solla. «En xullo de 2002, non sen esforzo, dei xuntado no alto do monte unha selecta representación de confidentes, con cuxos gorentosos e inéditos testemuños fun quen de plasmar, negro sobre branco, a mitoloxía da parroquia de Cerdedo e mais do monte do Seixo. Citarme cos sabios da tribo fronte a un dos innúmeros penedos do monte do Seixo, para obter de primeira man a identificación da porta do Outro Mundo e mais escenificar in situ o seu ritual de ultratumba é argumento extraordinario para unha novela, sen necesidade de apelar a trangallada dos zombis ou dos alieníxenas», escribía o mestre nas páxinas de FARO.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents