Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Tania Gerpe Amor Científica e investigadora

«Da ciencia aprendes que fallar non é un fracaso, senón unha oportunidade»

A estradense vén de recibir unha das bolsas de investigación máis prestixiosas a nivel internacional –a beca Marie Curie– converténdose nunha das 1.500 seleccionadas entre 17.000 aplicantes de diferentes ámbitos y procedencias

Tania Gerpe Amor.

Tania Gerpe Amor.

A Estrada

—Acaba de recibir unha bolsa Marie Curie. Podería explicarnos en que consiste?

—Trátase dunha bolsa posdoutoral de ámbito europeo, altamente competitiva, xa que o número de proxectos financiados é reducido. Na miña convocatoria presentáronse arredor de 17.000 propostas e foron concedidas aproximadamente 1.500, pertencentes a distintas áreas do coñecemento.

—Supón, polo tanto, un logro importante. Como recibiu a noticia?

—O certo é que estou aterrizando aínda, pero estou moi contenta e recibín a nova con moita satisfacción. Foron meses de traballo intenso na preparación da proposta e, dada a elevada competitividade, non esperaba acadala, a verdade. Por iso, a concesión foi unha grande alegría.

—Sobre que versa o proxecto que presentou?

—O proxecto, chámado «Link-it», baséase en aproveitar a «linguaxe natural» coa que as células se recoñecen. Está baseado nos azucres e busca crear moléculas máis precisas. Combino un péptido e un azucre e sepároos estratexicamente para que así poidan distinguir entre células sas e células bacterianas.

—Como se traduce para alguén que non teña un contexto científico?

—No corpo, as células recoñécense grazas a sinais na súa superficie, e moitas son azucres especiais que funcionan como etiquetas. Eu combino pequenos fragmentos de proteína chamados péptidos, que poden atacar bacterias ou tumores cun azucre etiqueta que lles axuda a recoñecer mellor o seu obxectivo. A clave está en mantelos á distancia adecuada para que cada parte poida facer a súa función e traballen xuntos de maneira máis específica para terapias, reducindo a toxicidade en terapias fronte a infecións ou cancro.

—Continúa unha liña de investigación previa ou trátase dun novo enfoque?

—É unha combinación de ambas cuestións. Durante o doutoramento investiguei sobre azucres tumorais e bacterianos e o seu recoñecemento polo sistema inmunitario. Agora incorpórome a un grupo especializado en péptidos antimicrobianos. A bolsa permite desenvolver unha idea propia dentro dun novo grupo, polo que integra a miña experiencia previa cunha nova contorna científica.

—Que implica obter esta bolsa? Supón mobilidade internacional?

—Representa un punto de inflexión. Ademais de financiar o proxecto, proporciona maior independencia investigadora. Tamén facilita optar posteriormente a outras convocatorias, como o programa Ramón y Cajal, e avanzar cara á consolidación como investigadora independente. En canto á mobilidade, si contempla a estadía temporal en Alemaña, pero de momento estou a desenvolver a investigación no CiQUS de Santiago de Compostela.

—Ten previsto continuar na carreira investigadora a longo prazo?

—Si. O meu obxectivo é consolidarme como investigadora e, cando esta liña de traballo estea máis madura, liderar un proxecto propio e establecer unha nova liña de investigación.

—Este sector considérase precarizado. Que lle aporta para seguir apostando por el?

—No meu caso, a min sempre me gustou facerme preguntas e buscarlle respostas con rigor. Gústanme as verdades absolutas. A ciencia é esixente, mais tamén profundamente creativa. É certo que a financiación é limitada e que queda moito por mellorar. Eu incluso tiven que traballar en industria ata conseguir fondos para seguir investigando.

—Que lle diría a eses xoves que están a decidir o seu futuro e poidan sentirse intimidados pola ciencia?

—Diríalles que a ciencia e a investigación é como resolver un quebracabezas moi complexo. Debes probar diferentes pezas e buscar a forma máis intelixente e eficiente de resolver o encrucillado. Nese sentido parécese un pouco ao que é a propia vida. Cometes erros, probas ata que melloras. E dalgún xeito aprendes que está ben fallar e equivocarse. Que algo non saia ben á primeira non é sinónimo de fracaso, senón unha oportunidade de aprendizaxe.

—Para rematar, que cualidades non científicas considera imprescindibles para dedicarse á investigación?

—Considero imprescindible aprender a comunicar. Tes que expoñer e defender o teu traballo, e necesitas poder facelo con precisión. Tamén é importante saber traballar en equipo, e adaptarse a outras culturas, idiomas e maneiras de entender as cousas. Eu estiven varios anos cursando o doutoramento en Nápoles, por exemplo, e deime conta da importancia de coñecer linguas, comprender ao outro e traballar en contextos internacionais.

Tracking Pixel Contents