Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Sanches Aríns, no Duil Fest da India

A autora estradense viaxou ata o estado de Assam estes días para participar nun circuito de charlas literarias xunto a outros 180 estudosos i escritores de todo o mundo organizado pola Focal Foundation

Aríns (segunda pola esquerda) xunto a outras poñentes.  |

Aríns (segunda pola esquerda) xunto a outras poñentes. |

A Estrada

A autora de ‘Seique’, ‘SuperUlex’ e ‘Arte menor’, Susan Sanches Aríns, atópase estes días participando nun circuíto de charlas literarias en Dibrugarh, cidade do estado de Assam, na India. A estradense viaxou hai catro días ao xigante do sur de Asia para formar parte dunha serie de mesas redondas en torno á literatura, a crítica e o feminismo, entre outras cuestións. Concretamente, trátase do festival Duil Fest, organizado pola Focal Foundation en asociación coa Universidade Internacional de Dibrugarh. Nel participan uns 180 autores e autoras de todo o mundo, polo que resulta reseñable a presenza de talento estradense entre a extensa lista.

Como mencionabamos anteriormente, Aríns integrou dúas mesas redondas celebradas o mércores e o xoves. A primeira tratou de crítica feminista e a segunda versou sobre as diversas literaturas dentro do territorio español. Así mesmo, se ben a autora xa participou en iniciativas similares no pasado, chegando incluso a viaxar a Estados Unidos para formar parte dun circuíto semellante, esta experiencia resultoulle completamente diferente e especialmente gratificante.

«A miña viaxe a Estados Unidos foi similar se temos en conta que tamén se producía nun contexto universitario, pero tamén moi diferente, porque aquí cóntase cunha altísima participación do estudantado, que é o que a min máis me interesa», relata a estradense. Neste sentido, expón que mentres o programa ‘Spain Writes, America Reads’ da Universidade de Georgetown era máis limitado e académico, no Duil Fest a intervención do alumnado é reseñable.

Porén, isto non é o único do que sacou proveito Aríns, senón que tamén está a desfrutar das conversacións que se xeran con expertos de todo o mundo, especialmente no que respecta á situación de linguas case marxinais, como acontece co galego.

«É moi interesante poñer en común posicións que moitas veces son parecidas. Aquí na India hai un gran número de linguas que se atopan nunha posición semellante á do galego ou ao éuscaro, e sérvenos para comprobar que ás veces parece que as nosas problemáticas son moi particulares, cando en realidade se están a vivir en outros moitos lugares do mundo», sinala a tamén poeta, que engade: «De feito, gustoume o feito de que dende a propia organización do festival se fixese fincapé no emprego das nosas linguas autóctonas como un xeito de animar ao alumnado a que empregue tamén a súa».

Neste senso, cómpre lembrar que no estado de Assam a lingua oficial é o asamés, un idioma con millóns de falantes que convive con outras moitas linguas nun territorio de extraordinaria diversidade. Unha realidade que dialoga coa reflexión compartida pola autora e que confirma que os retos das linguas minorizadas non son unha excepción, senón parte dun debate global.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents