Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música e baile tradicional galego

Lorient agarda a Tequexetéldere

«É un soño cumprido». Desta maneira califica a agrupación estradense a súa primeira convocatoria para participar no festival intercéltico por excelencia, o de Lorient, na Bretaña francesa, do 31 de xullo ao 9 de agosto. Tequexetéldere será o representante de Galicia, unha «responsabilidade» e un «orgullo» para eles

Integrantes de Tequexetéldere e A Ponte Vella de Teo uníronse en 2012 para ir a Lorient. | TEQUEXETÉLDERE

Integrantes de Tequexetéldere e A Ponte Vella de Teo uníronse en 2012 para ir a Lorient. | TEQUEXETÉLDERE

A Estrada

Por fin. Despois de catorce anos de espera, Tequexetéldere representará a Galicia na 55ª Edición do Festival Intercéltico de Lorient, adicado este ano á rexión de Cornualles. Jose Garrido, xerente da agrupación, considera «un orgullo que a organización se decantase pola nosa candidatura. Era un desexo de todos os compoñentes, unha meta ca que se soñaba dende fai tempo».

Para explicar esta historia hai que irse ao ano 2012, cando varios integrantes de Tequexetéldere acudiron a Lorient cos compañeiros do Centro Cultural A Ponte Vella de Teo baixo a denominación Ás Beiras do Ulla. Foi cun proxecto conxunto co que gozaron e fixeron as delicias do público. Nos seguintes catorce anos o traballo da agrupación estradense continuou a súa andaina, con actuacións en escenarios de toda España, e tamén en terras belgas, francesas e italianas. Así, Tequexetéldere recolle o testigo de A Ponte Vella no 2023 e A.C.F. O Fiadeiro de Vigo no 2025, que tan ben fixeron mostra do folclore e baile tradicional galego en terras francesas.

«Somos unha agrupación que nos últimos anos se foi nutrindo en certa medida do traballo realizado nas nosas escolas, permitindo a continuidade e posta en valor de todo o material etnográfico que mantemos e que de forma constante imos actualizando grazas ás recollidas realizadas anos atrás», explica Garrido. «A nosa presenza no festival, é unha honra á vez que unha gran responsabilidade da que somos plenamente conscientes e para a que estamos traballando arreo co fin de deixar o mellor sabor de boca en terras francesas, dignificando o noso folclore». «Moitos de nós levamos décadas desfrutando con paixón do baile, da música, das risas, dos aplausos do público, dos aturuxos... dun mundo de folclore que desexamos que perdure e se vaia transmitindo aos máis novos, cousa que vemos que estamos acadando», engadiu.

A Tequexetéldere quédanlle meses de duro traballo para preparar a gran cantidade de actuacións que lles espera en terras francesas. Ao que haberá que sumar a actuacións xa confirmadas en Galicia e fora. «A día de hoxe xa temos confirmadas actuacións ao longo do ano, así como varias pendentes de confirmar, e que nalgúns casos dependerá da programación de ensaios e repertorio que levaremos a Lorient».

Con membros que abarcan dende os 16 anos ata rondar os 50, Tequexetéldere levará arredor duns 46 compoñentes, Garrido expón que a súa idea «é desfrutar, agradar e mostrar o labor de investigación realizado por toda a nosa xeografía, base da nosa escenografía e fonte de transmisión nas nosas actuacións e espectáculos etnográficos».

De momento, o xerente non quere avanzar máis sobre as montaxes que teñen en preparación. «As Noites Máxicas serán especiais, tanto pola localización e público, con máis de 10.000 persoas por noite, como pola montaxe que temos en proceso. Serán actuacións difíciles de esquecer e que seguramente nos porán a proba coma agrupación», apunta Garrido. «Temos moito traballo por diante, pero con gañas dos compañeiros e o gran traballo dos directores de cada sección –pandeireta, instrumental e baile– o resultado agardamos cumpra as expectativas e a confianza depositada na nosa agrupación».

Tracking Pixel Contents