Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte

Silleda estreará unha mostra permanente de Fondevila

redacción

Silleda

O Concello de Silleda inaugura este sábado, ás 19:00 horas, na Casa do Concello, a mostra fixa permanente de obras de arte donadas á entidade polo pintor e escultor silledense José Antonio Fondevila García. A exposición reúne unha selección representativa da extensa traxectoria creativa deste artista nacido en Fiestras en 1952, diplomado pola Universidade Internacional de Arte de Miami INTERART e con máis de tres décadas de labor artístico. Fondevila ten realizado múltiples exposicións individuais e colectivas en España e no estranxeiro, participando en salóns internacionais e certames en cidades como Madrid, Barcelona, Frankfurt ou Florencia, así como en varias feiras de arte contemporáneo. A súa obra abarca propostas pictóricas e escultóricas caracterizadas por unha sensibilidade reflexiva que transcende tendencias e movementos concretos.

A iniciativa responde ao compromiso do Concello de recoñecer e preservar a aportación cultural e artística de creadores locais, facendo accesible ao público a colección permanente e permitindo á cidadanía coñecer mellor a obra dun dos seus artistas máis recoñecidos. A alcaldesa, Paula Fernández Pena, sinala que «José Antonio Fondevila non só enriquece o patrimonio artístico de Silleda, senón que tamén transmite a forza e a autenticidade do seu percorrido vital e creativo». O acto deste sábado está aberto ao público.

Tracking Pixel Contents