Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entroido

«E logho que dighan que aquí non hai festa!»

Silleda pechou onte a súa programación de Entroido coa queima do Vello Baldréu. Debido á chuvia non houbo «procesión» ata a Praza da Feira Vella, e o acto concentrouse no Muro de Luz

A queima tivo lugar no Muro de Luz. | BERNABÉ/JAVIER LALÍN

A queima tivo lugar no Muro de Luz. | BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Silleda

O de Silleda é un dos entroidos máis novos da zona, pero grazas á participación veciñal e á creatividade das súas figuras leva camiño de converterse nunha cita obrigada para a xente de fóra. Onte tivo que mudar o seu programa a última hora polas inclemencias meteorolóxicas. Así, a «Queima do Vello Baldréu» non foi na Praza da Feira Vella, senón no Muro de Luz. A comitiva reuniuse ás nove da noite neste punto e recitou a letanía deste final de festa, co estribillo estreado xa o ano pasado, «Morreu, morreu, o Vello Baldréu. Entroido coma este nunca tal se veu».

As coplas que acompañan este ‘salmo’ fixeron un completo repaso da programación de Entroido organizada polo colectivo SIC Iniciativas Culturais: o venres sombreireiro, a omnipresencia de Juanito, a pixamada matutina do sábado ou o vermú de mandís. Fachendosa, a comitiva non dudou en afirmar que con estes eventos nos que a único requisito son as ganas de compartir diversión «enchimos as rúas da nosa Silleda. E logho que dighan que aquí non hai festa!». Houbo tamén momentos de lembranza (como ocorre en calquera velorio) das figuras de Entroido que puideron contemplarse nas fiestras do consistorio, así como dos Baldréus que se encargan de «zoupar e meter medo»

Para os que onte non puideron acudir á queima do Vello Baldréu e apagado do Muro de Luz en Silleda, precisamente o mal tempo dalles unha segunda oportunidade esta fin de semana para pechar o Entroido: será en Lalín, coa procesión de Santo Torrisco e a posterior queima do Meco, a partir das 21.00 horas en Lalín, e con saída dende o bar A Lola.

Tracking Pixel Contents