Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Daniel Sousa Rodríguez presentador do pódcast «Vergüenza»

«A xente xa non se escoita entre ela, nin na rúa nin nos medios de comunicación»

A plataforma Podimo estreou esta semana o primeiro dos oito capítulos de «Vergüenza». Son historias reais que abordan o suicidio, a fama ou as estafas amorosas, da man do xornalista agoladés Daniel Sousa Rodríguez

O xornalista Daniel Sousa, nunha rúa de Madrid.

O xornalista Daniel Sousa, nunha rúa de Madrid.

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Agolada

—Vostede acostuma a contar que descubriu o xornalismo cando con 13 anos escribiu en FARO queixándose da falta de aparcamento en Lalín. Agora ten 32, traballou en diferentes medios e sempre lle tirou o xornalismo social, que pón ás persoas no centro da noticia, e polo que xa ten recibido diversos premios. Como xurdiu o proxecto de Vergüenza?

Pois comezou xa o ano pasado, é un experimento sonoro con Verónica Figueroa no que traballamos con catro elementos fundamentais do audio: a voz, a música, os efectos e o silencio. Nesta primeira tempada ofrecemos oito episodios, de 20 minutos cada un [nos que se condensa un traballo previo de ás veces hora e media], e nos que tras unha breve intervención miña fala só o ou a protagonista. Partimos da premisa de que a xente xa non se escoita, nin na rúa nin moito menos nos medios. Pensemos, por exemplo, nas tertulias da radio ou da televisión: son falsos diálogos e algúns dos participantes están só pendentes de que saquen o seu minuto viral. Incluso nas redes sociais dos media ves os xornalistas contando historias, en vez de contalas os seus protagonistas. Nós quitamos o narrador e cedemos ese protagonistas, porque o noso papel é dar a palabra, máis que tela.

—E esas personas non se sinten intimidadas? Ou pesa máis saber que coa súa historia poden axudar a xente que pasa por situacións similares? Permítame citarlle á poeta Yolanda Castaño, que di que «un poema non é de quen o escribe, senón de quen o necesita».

Non se sinten intimidadas, porque todas as entrevistas foron feitas na súa vivenda ou en espazos habituais e cómodos para elas a diferencia de, por exemplo, as entrevistas por teléfono. Hai que reivindicar a cercanía para verse as cara e ver qué sinte a persoa coa que estás falando. E teño que confesar que a min tamén me axuda que aparento menos idade, era algo que ao comezo me molestaba porque sentía que a xente pensaba «mira, mandan a este chaval que non se entera da pataca». Pero cos anos funlle atopando o lado positivo a isto, porque a xente non me ve como un interlocutor e empatiza comigo. E en «Vergüenza» ocorre o que mencionas sobre a poesía, falamos de historias que lle poden suceder a calquera e non se refiren á vergoña que poda sentir un, senón tamén respecto a unha situación que se mantén no tempo ou que che fixeron vivir. Son historias que lle poden pasar a calquera, pero o audio, a diferencia da poesía, é a posibilidade de escoitar a esa persoa falando coas súas propias palabras, de acompañala neses silencios mentres tenta atopar unha palabra. Os xornalistas falamos moito, e deberíamos deixar falar máis á xente.

—O primeiro episodio estreouse este martes, co cantante Manel Navarro, representante de España en Eurovisión en 2017 e que quedou en última posición. Quen son os outros sete protagonistas?

Manel Navarro é o único famoso. Hai 10 anos que este cantante estaba esquecido e o tráiler xa leva dous millóns de reproduccións. Eu insisto en que as persoas que teñen vidas extraordinarias son as persoas anónimas, non as famosas. Cada martes falaremos con, por exemplo, unha muller que sufriu unha estafa amorosa dun italiano que coñeceu a través dunha aplicación de citas, un pai ao que se lle suicidou un fillo ou o acoso laboral que sufriu un policía local de Torrevieja.

—De onde saca a inspiración para estes temas? Eu acostumo a ter unha libretiña na mesiña de noite por si esperto ás cinco da madrugada cunha idea que sei que vou esquecer ao volver durmir.

Eu organízome moi mal, teño que recoñecelo, así que vou facendo notas no móbil con cousas que me chaman a atención. Pero é certo que para temas interesantes necesitas tempo, e o bo desta profesión é que che permite falar con xente que, doutra maneira, non poderías contactar con ela.

—Dicíame antes que «Vergüenza» é un exercicio de empatía. Neses monólogos, hai momentos en que xorde o humor rememorando esa vergoña? Viktor Frankl, un psiquiatra que sobreviviu aos campos de concentración nazis, dicía que o humor axuda a quitarlle ferro a situacións complicadas, das que ademais é necesario falar.

É que o humor funciona como ferramenta para desprendernos das cousas malas, é un filtro que nos permite analizar a realidade e falar de cousas moi serias. A vida en si é traxicómica e nestes episodios tense dados situacións de rir e de chorar. E tenme pasado que ao remate dalgunha sesión a persoa deume as grazas.

—Aos 18 anos deixou Agolada para estudar en Madrid, pero vén con frecuencia a Galicia, como xurado do Parlamento Xove, por exemplo. Dá máis xogo a política local agoladesa ou a madrileña?

Ui, non se sabe tanto da política local de Madrid como se sabe da de Agolada, porque aquí fálase máis de política pero a nivel de comunidade madrileña ou estatal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents