Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Sábado de Piñata en Lalín con desfile, 2.000 euros en premios e orquestras

redacción

Lalín

Lalín estreará o 21 de febreiro de Sábado de Piñata, unha cita que combinará un desfile de comparsas co espectáculo musical de tres referentes da verbena galega. A programación inclúe 2.000 euros en premios repartidos entre as diferentes categorías de participación.

O desfile dará comezo ás 19.00 horas. As comparsas concentraranse previamente na rúa Penatoares, desde onde iniciarán un percorrido que discorrerá por Antonia Ferrín Moreiras, Luis González Taboada, Avenida da Estación, Enrique Vidal Abascal e Rosalía de Castro, onde quedarán estacionadas as carrozas. Para o desfile está prevista a activación dun dispositivo de reordenación do tráfico que implicará restriccións á circulación nas rúas centrais da vila.

En canto aos premios, establécense tres categorías principais. Na modalidade de grupos entregaranse 400 euros ao primeiro premio, 200 euros ao segundo e 100 euros ao terceiro. Na categoría de parellas, os galardóns serán de 250, 150 e 50 euros, respectivamente. Para participantes individuais, os premios ascenden a 100, 60 e 40 euros. Ademais, as comparsas optarán a premios especiais dotados con 500 euros para a clasificada en primeiro lugar e 150 euros para a que quede segunda.

Olympus e París de Noia

A festa continuará a partir das 22:00 horas no Campo da Feira Vello, ao abrigo da Carpa do Cocido, onde actuarán as orquestras Olympus e París de Noia, xunto co DJ Marcos Quintana. O prezo da entrada é de 12 euros en venda anticipada e 15 euros ese mesmo día na propia carpa. As entradas pódense retirar xa en Taberna Café e Tendas Bernabé de Lalín e en Bodegón Trujillo de Silleda ou mercalas a través da web entradas.ataquilla.com.

O evento está organizado polo Grupo Troula, en colaboración co Concello de Lalín, que achegará a infraestrutura da Carpa do Cocido para acoller a celebración.

Tracking Pixel Contents