«O obxectivo é ir ata Madrid, son 600 quilómetros nun día»
O estradense converteu a bicicleta no seu medio de vida e no seu maior desafío persoal. Desde a súa casa aos Lagos de Covadonga ou ao Angliru sen parar, facendo unha media de 15.000 quilómetros anuais, e ca mirada posta na capital

Manuel, a bordo da súa Pinarello, no Gran Fondo de Viana do Castelo. / EDUARDO CAMPOS
Hai persoas que tardan anos en descubrir a súa paixón, e unha vez o fan, non paran. Manuel Rodríguez é un deles. Este estradense comezou a andar na bicicleta de forma máis seria aos 38 anos, case por casualidade. Hoxe, 14 anos despois, o seu nome é xa recoñecido cando se fala de resistencia extrema no ciclismo afeccionado da zona, pois ten algunhas marcas que poucos se atreverán a superar, como os 503 quilómetros que fixo desde A Estrada ata os Lagos de Covadonga en menos de 20 horas. Agora, a súa nova meta é chegar ata os 600 en menos de dun día.
—A xente pensará que leva toda a vida enriba da bicicleta, pero o certo é que a súa afección comezou tarde. Como foi ese inicio?
Si, así foi. Sempre fixen deporte, pero nisto comecei con 38 anos, e xa teño 52. Ao principio saía de xeito máis ocasional con amigos como Jorge ou Óscar, que era cos que nos «picabamos» a ver canta distancia facía cada un, e pouco a pouco a cousa foi medrando.
—Fala de Óscar, perruqueiro en Pontevea, que tamén fai distancias longas. Vostede quixo probar ata onde podía chegar, e agora xa non hai quen lle compita...
Si, el andaba moi ben. Unha vez eu fixera 225 e el 260 quilómetros, e iso metéuseme na cabeza, e tiña que superalo. Cando merquei a bici nova dixen que tiña que chegar aos 300. Unha vez que pasas esa barreira, xa o corpo pídeche máis, e fun subindo a 350, 400, 475...
—Un dos seus retos máis coñecidos foi a ruta ata os Lagos de Covadonga desde a súa casa, na Estrada. Como a lembra?
Foi fai case cinco anos, o 20 de maio de 2021. Saín da miña casa, na Fernando Conde da Estrada, e fixen 503 quilómetros. Foron 20 horas rodando. É unha experiencia dura, pero tamén foi moi especial.

Imaxe da subida Clásica Covadonga no 2019. | / Cedida
—Nese tipo de rutas, é necesaria algunha planificación especial a nivel de alimentación ou loxística?
Cando é unha animalada destas hai que planificala con tempo. Os días antes descanso e mentalízome, penso que tal día vou arrincar e xa está. Tes que ter claro que vas saír e prepararte por dentro para iso. En canto á alimentación, levo normal dun ciclista, barritas e o que levas enriba. Despois vas avituallándote polo camiño, paras a comer ou beber algo. Non ten sentido saír cunha mochila chea de cousas. Despois alí ao chegar está ben contar con alguén que te recolla, facilita moito as cousas, porque se non, despois de chegar, aínda tes que organizar a volta.
—E antes desa dos Lagos xa fixera outras rutas de gran fondo?
Si, no verán anterior fixera unha de 473 quilómetros pola costa, cara Ribadeo e regreso. E antes xa fixera outras de 300 ou máis. Sempre me gustou facer rutas longas no verán
—E despois de Covadonga chegou o seguinte gran desafío: o Angliru.
Si, fun o ano seguinte, no 2022. Saín tamén da casa, e foron uns 390 quilómetros. Non cheguei arriba de todo porque xa na volta viña medio tocado con febre, e ademais o Angliru é unha barbaridade.
—Porque ademáis de facer estas «animaladas» como vostede di, traballa en Sergude, en Boqueixón, e vai na bicicleta tódolos días. Cando comezou esa boa costume?
Pois foi arredor do 2016, aínda coa bici vella. Son uns 20 quilómetros por traxecto pasando por Paradela e Sarandón. Levo case dez anos indo e vindo así. O raro é que colla o coche; só o fago se o tempo está moi imposible, coma estes últimos días. Indo en bici aforro gasolina, axudo ao medio ambiente, adestro e chego ao traballo moito máis activo. Saio da Estrada sobre as sete e cuarto para chegar a Sergude ás 8.30 horas. Á volta é sobre as dúas e media, paso por Pontevea, e ás veces, en vez de facer os 20 quilómetros directos, fago 25 ou 30 por variantes para non repetir sempre o mesmo percorrido e rodar algo máis.
—De esta maneira, cantos quilómetros acumula ao mes?
Depende, pero adoito estar entre 1.200 e 1.300 quilómetros mensuais. Algún mes cheguei ata os 1.800, pero non é o normal.
—E falando do seu material, a súa bicicleta tan máis quilometraxe que moitos coches.
Si, teño unha Pinarello de carbono que merquei en 2017. Agora mesmo ten 110.000 quilómetros, porque ando arredor dos 14.000 ou 16.000 quilómetros ao ano. É moito para unha bici, pero síntome cómodo con ela. Tiña unha aposta cun amigo, que me dicía que cando chegase aos 100.000 tiña que facerlle unha urna de cristal para gardala.
—E agora xa ten pensado cal é o seu próximo gran obxectivo? Falaba de ir á capital en menos de 24 horas, case nada.
Si, teño pensado ir ata a Madrid, que dependendo da ruta, son uns 630 ou 640 quilómetros, non coñezo moita xente que o fixera. Gustaríame facelo en menos de 24 horas. A data ideal sería entre maio e xuño, porque os días son máis longos e evitas os golpes de calor do verán, que poden ser criminais.
—E como se prepara un para estar un día enteiro sobre a bicicleta?
É todo mental. Non podo pensar ao saír da casa que vou a Asturias en bicicleta. Tes que marcar metas pequenas, como por exemplo, agora vou ata Ulla, agora ata o seguinte punto. Ir tramo a tramo. Fisicamente tes que estar ben, pero a cabeza é clave.
Suscríbete para seguir leyendo
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025
- El tiempo da un vuelco en Galicia: lluvia, aire frío y un respiro a mitad de semana en Vigo
- Galicia queda desconectada de Valencia en avión: tres aerolíneas diferentes cancelan las rutas desde Vigo, Santiago y A Coruña
- El pequeño pueblo a dos horas de Vigo que debes visitar este invierno: rutas por la naturaleza, paisajes increíbles y una de las mejores carnes gallegas