A mal tempo, boa máscara
O Martes de Entroido volveu converter o casco urbano da Estrada nun fervedoiro de xente, coa música, o baile, as cores e a retranca como grandes protagonistas
Malia que as precipitacións obrigaron a sacar os paraugas durante o desfile, os Xenerais da Ulla de Santa Cristina de Vea pudieron lucirse nos seus «atranques»

Enfrontamento dos Xenerais. / BERNABÉ/JAVIER LALÍN
O Martes de Entroido na Estrada volveu ser moito máis ca unha festa, coa xente abarrotando a Rúa Calvo Sotelo e a Praza da Feira para ver desfilar as comparsas e os atranques dos Xenerais da Ulla. O evento, que representa a tradición e o respecto pola festa da comarca, seguiu adiante a pesar do mal tempo, con centros de estradenses armados con paraugas e chuvasqueiros, xa que ninguén o quería perder. O Concello decidiu manter a programación malia as nubes que ameazaban desde primeira hora, permitindo que a vertente máis tradicional tomase as rúas, enchéndoas de música, bailes e cores.

A galaxia de Stradanza. | / Bernabé/Javier Lalín
Foron finalmente dezanove as comparsas que se deron cita na Rúa Antón Losada Diéguez para iniciar un percorrido cheo de enerxía e diversión. Abriu o desfile Santa Cristina de Vea, cunhas carrozas con temas de actualidade, como son a autovía, e o confinamento das aves producido pola gripe aviar. Seguíulles Couso, cun musical sobre O Rei León e, tras eles, foron todas as Anpas, que eran as de Vea, Oca, Codeseda, O Foxo, Pérez Viondi e Figueiroa. Destacaron a Granxa de Oca e Figueiroa, e o Bosque Mitolóxico do Ceip Cabada Vázquez de Codeseda e os disfraces da natureza do Foxo, cun gran número de participantes en todas elas.

O elefante do Rei León de Couso. | / Bernabé/Javier Lalín
Tampouco faltou o tema relixioso, con dúas carrozas cheas de curas e monxas de Santo André e San Xuxo de Vea. San Miguel de Castro rescatou a esencia dos contos de palleiro, mentres que Riobó fixo unha homenaxe aos dentes de león. Logo chegou o dinamismo de Priscilla Zumba e o seu dance e a galaxia de Stradanza, que contaxiaron aos espectadores as ganas de moverse e cantar baixo a chuvia. Para rematar, pechaban o desfile a referencia á viticultura de Ribela, as balizas de Fernando Conde, un tema moi de actualidade, e o Grand Prix de Callobre, que volveu dar protagonismo ao famoso concurso da tele, no que os participantes ían disfrazados das míticas probas.

O Grand Prix de Callobre. | / Bernabé/Javier Lalín
Xusto cando parecía que a chuvia non ía dar descanso, e tódalas comparsas estaban xa chegando á Praza da Feira para prepararse para escoitar o pregón do Padre Xiao, comezou a escampar. Malia iso, o sermón do cura quedou aprazado para o día 1 de marzo, data na que tamén se realizarán o tradicional concurso e desfile de disfraces do Concello, que estaba posto para este pasado luns.

O baile de Zumba Priscilla Dance. | / Bernabé/Javier Lalín
Comezaron así os Xenerais da Ulla de Santa Cristina de Vea, sen apenas paraugas xa no medio no público, coa forza dos seus pequenos xinetes, que daban a benvida aos presentes e presentaban a reunión. Os temas a tratar foron os da actualidade, e xa os correos comezaron discutindo polas famosas balizas, que tanto levan dando que falar dende que se impuxo a nova lei, e que a xente celebrou con risas e aplausos. A seguinte parella centrouse no tema de Mazón e a dana de Valencia, onde dialogaron sobre se a culpa foi do presidente ou de Marlaska sobre a traxedia acontecida.

O viño de Ribela. | / Bernabé/Javier Lalín
Tamén se fixeron numerosas alusións á corrupción política no goberno do PSOE e de Ayuso, e non faltou tampouco o tema da autovía e Altri, onde os xenerais non deron chegado a un acordo, pero deixaban paso aos seguintes tralas súas verbas. O momento álxido chegou ca actuación dos últimos Xenerais, que tiveron una bonita pelexa verbal cos temas do Concello da Estrada, onde non deixaron ningún. Falaron da humanización da Farola, dos colectores do lixo, da falta de policía pola noite ou as fochancas da estrada nacional e o mal estado das pistas nas parroquias, o que conseguiu sacar un gran aplauso do numerosos espectadores, e facer sorrir incluso ás autoridades presentes, entre as que se atopaban o alcalde Gonzalo Louzao ou o conselleiro José López.

Os Xenerais non luciron os seus traxes pola chuvia e o frío. | / Bernabé/Javier Lalín
Silleda queima o Vello Baldréu
O Entroido chega hoxe ao seu fin coa máis triste das despedidas. Tamén este mércores 18 de febreiro, ás 21:00 horas, Silleda procederá ao apagado simbólico do Muro de Luz e á despedida dos Baldréus ata o vindeiro ano. E farao a través do lume purificador no que inmolará, un ano máis, ao Vello Baldréu na Praza da Feira Vella. Antes recibirá unha derradeira homenaxe na que o cortexo fúnebre, composto por carpideiras, choromiqueiros e demais ralea, percorrerá as rúas da vila cos seus laios baixo un ceo que tamén promete chorar polo pasamento.
SIC Iniciativas Culturais convida a toda a veciñanza a unirse á comitiva para despedir o Entroido como se merece.En Lalín, a Asociación Cultural O Naranxo decidiu onte á noite aprazar a Queima do Meco para o vindeiro sábado, 21 de febreiro.
- Cierra la cadena de panaderías Porto, con obrador en Vigo y media docena de despachos
- Una viguesa denuncia a su hija por okupar su piso que tiene en condiciones insalubres: su hijo la sacó de ahí «por su salud»
- Gaiarooms compra el Hotel Ipanema y lo transformará en el primer «alojamiento digitalizado» de Vigo
- Álex Calvo, vigués residente en Dubái: «Lo único que escuchamos son ruidos, como fuegos artificiales»
- De escapista a solidario: Pinki, el perro gallego que se hizo viral por plantarse en la plaza del pueblo
- Muere un trabajador tras caer desde una escalera en Mos
- «Cuando un niño te abraza y llora porque te vas, no hay palabras para describirlo»
- La otra represalia de EE UU contra España: el adiós al caladero de Boston para 70 pesqueros gallegos