Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte

Lalín programa oito exposicións en 2026 entre o Museo e Liñares

O programa inclúe mostras de Sobral, Tareixa Taboada, o grupo Grisalla, Ramiro Cimadevila, a Algarabía ou «Os monos de Laxeiro»

Unha das obras da exposición «Emporcarte», aberta ata o 18 de abril.

Unha das obras da exposición «Emporcarte», aberta ata o 18 de abril. / Bernabé / Javier Lalín

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Lalín

Lalín acollerá ao longo de 2026 unha programación con oito exposicións repartidas entre o Museo Municipal Ramón Mª Aller e o Pazo de Liñares, ademais das mostras permanentes destes espazos. A iniciativa foi presentada pola concelleira de Cultura, Begoña Blanco, que destacou que «apostamos na programación cultural municipal pola arte contemporánea, a creación colectiva e a posta en valor de grandes nomes da plástica galega, convertendo Lalín nun referente expositivo durante todo o ano».

O calendario arrincou o 16 de xaneiro no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa con «Antón Sobral: o silencio do mar», visitable ata o 28 de marzo e comisariada por Antón Castro, cunha proposta arredor da paisaxe mariña, o silencio e a materia. A segunda cita chegou o 14 de febreiro con «EmporcARTE», colectiva vinculada á Feira do Cocido que reúne arredor de medio cento de obras e poderá verse ata o 18 de abril.

Xa no Pazo de Liñares, entre o 28 de febreiro e o 14 de marzo abrirá «Converxencias», unha mostra colectiva comisariada por José Antonio Fondevila e coa participación do grupo Grisalla, que reúne artistas de linguaxes diversas arredor da idea da grisalla como xerme da creación. Serve de fío condutor dunha exposición que pon en valor o diálogo artístico, o respecto pola singularidade de cada obra e a riqueza da diversidade creativa.

A programación continuará no Museo Aller do 3 de abril ao 15 de xuño con «ZEIT», de Tareixa Taboada, un proxecto que parte do tempo como experiencia vital e colectiva e que incorpora instalacións, escultura e videocreación cunha mirada crítica sobre a sociedade contemporánea.

O 19 de xuño inaugurarase «Os meus camiños. Amor, arte e decadencia», de Ramiro Cimadevila, que permanecerá ata o 17 de agosto. Esta proposta itinerante consta de máis de vinte obras que dialogan cos camiños peregrinos a Compostela e os vitais do artista. É un proxecto itinerante que vai incorporando creacións en cada sede.

Entre o 21 de agosto e o 19 de setembro chegará a «Colectiva Algarabía», organizada pola Asociación Cultural O Naranxo, con participación de artistas locais de distintas disciplinas.

Do 25 de setembro ao 16 de novembro, o municipio recibirá «Os monos de Laxeiro», comisariada por Javier Pérez Buján e producida pola Fundación Laxeiro, que recompila por primeira vez o traballo gráfico xuvenil do artista (1928-1929) con viñetas e debuxos para a prensa.

O peche do ano quedará marcado pola XVII Xuntanza Internacional das Artes A Solaina de Piloño, a partir do 20 de novembro e ata finais de decembro, vinculada ao encontro da Fundación Paco Lareo.

A esta oferta súmanse as permanentes do Museo do Xoguete-Colección A. Chaves, a colección de Títeres de Galicia e a sala Loriga (no Pazo de Liñares), ademais das exposicións estables de Laxeiro e de Ramón Mª Aller no museo.

Programa Lalín con Arte

  • «Antón Sobral: o silencio do mar». Do 16 de xaneiro ao 28 de marzo. Museo Aller.
  • «EmporcARTE». Do 14 de febreiro ao 18 de abril. Museo Aller.
  • «Converxencias». Do 28 de febreiro ao 14 de marzo. Pazo de Liñares.
  • «ZEIT». Do 3 de abril ao 15 de xuño. Museo Aller.
  • «Os meus camiños. Amor, arte e decadencia». Do 19 de xuño ao 17 de agosto. Museo Aller.
  • «Colectiva Algarabía». Do 21 de agosto ao 19 de setembro. Museo Aller.
  • «Os monos de Laxeiro». Do 25 de setembro ao 16 de novembro. Museo Aller.
  • XVII Xuntanza Internacional das Artes A Solaina de Piloño. Do 20 de novembro ata finais de decembro. Museo Aller.
Tracking Pixel Contents