Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música

Loita Amada «resiste» e triunfa na Estrada

A banda que lidera Jásper pechou a noite do sábado a súa proposta multicultural na discoteca local, onde tocaron xunto ao tamén grupo estradense Noxo. O grupo indicou que exposición fotográfica e os documentais nos cines tiveron boa acollida

Integrantes de Loita Amada, rodeados polo público na Sala Nicol’s. |

Integrantes de Loita Amada, rodeados polo público na Sala Nicol’s. |

A Estrada

As diferentes propostas culturais que tiña A Estrada nesta fin de semana, co Entroido e San Valentín compartindo data, non impediron que a banda Loita Amada tivera a súa parte de protagonismo. Liderada polo estradense Pablo Carracedo «Jásper», presentaron en directo o seu novo traballo discográfico, Resistir é Vencer, ante unha sala Nicol’s que colgou o cartel de completo e vibrou con cada canción ao longo da noite.

O evento tamén contou coa banda local Noxo, que sinalou que foi un pracer volver a tocar ante o público da Estrada, e mostráronse agradecidos de poder compartir escenario xunto a un grupo como Loita Amada. Estes foron os encargados de quentar os motores da noite, tras case un ano sen dar concertos. A experiencia musical formou parte ademáis dunha programación multidisciplinar que incluíu unha exposición fotográfica na antiga Fundación Abanca e a proxección de documentais e videoclips nos Minicines Central, rexistrando unha notable afluencia de público en todos os espazos.

Tralo éxito da fin de semana, Jásper amosouse profundamente emocionado pola resposta da súa vila natal. Aínda que comentou que o dito popular afirma que «ninguén é profeta na súa terra», o vocalista recoñeceu sentirse nunha situación privilexiada: «Eu non sei se son profeta ou non, pero síntome tan querido e respectado polos meus veciños!», confesou o artista, agradecendo o calor recibido durante as dúas xornadas.

O líder de Loita Amada quixo tamén poñer en valor o esforzo colectivo para sacar adiante un evento destas características nunha vila que carece de salas de concertos específicas. Por iso tivo palabras de gratitude para os responsables da Sala Nicol’s, para os do Minicines Central, e para os departamentos de cultura locais, así como para Noxo e tódalas familias e amigos que se desprazaron desde diferentes puntos de Galicia para poder disfrutar do concerto.

Tralo éxito na Estrada, Loita Amada pon rumbo a Santiago de Compostela, onde presentará o seu potente directo o vindeiro sábado. A banda continúa así a súa folla de ruta, onde teñen programados concertos cada semana por diferentes localidades galega ata o mes de maio, demostrando que, para eles, o máis importante é resistir e vencer.

Tracking Pixel Contents