Románico e aldea, musas para a familia «baldroeira»
Nacidos en 2023 para evitar que Silleda quedase sen festa, os Baldréus recuperan un Entroido de raíz aldeá, ruidoso e feito co que hai na casa. Ao seu redor medran personaxes inspirados na Lenda do Demo de Carboeiro, na arte románica do concello e na memoria popular de Juanito

Frei Lourenzo. / Bernabé/Javier Lalín

O Entroido de Silleda volveu acenderse case de cero arredor dunha mesa de cafetería. En xaneiro de 2023, tras os anos de parón pola pandemia e coa sensación de que a vila ía quedar outra vez sen festa, un grupo de veciños decidiu falar cos colectivos locais e, baixo o paraugas de SIC Iniciativas Culturais, poñer en marcha unha festa que non quería perderse. A idea era sumar ás comparsas un fío común: recuperar o espírito aldeán, común a moitos outros entroidos de toda Europa, dunha festa que celebra o paso do inverno á primavera e que se constrúe a pé de rúa.
A peza que vertebra a celebración é o Baldréu: un «desfarrapado» de estética humilde, armado co que ofrece a contorna e a memoria. A confección responde a esa lóxica de aproveitar o próximo: vasoira de xesta, sombreiro de palla, mimosas, carochas de millo, retallos de tea e lá de ovella. «Puxemos unha pequena parte animal, a ovella, ainda que aquí somos máis terra de vacas que de ovellas tamén é un elemento que pode ser perfectamente común a Silleda», explica Xosé Filloy González, presidente de SIC. A máscara é deliberadamente simple, unha tea con buratos para ver e respirar, coma se o importante fose a presenza colectiva e non a individualidade. E hai un elemento engadido que marca o paso: o ruído. Chocas e axóuxeres cobran protagonismo –de cinco a sete por baldréu este ano– e converten o desfile nunha chamada sonora, reforzada pola percusión da banda.
O propio nome xa é toda unha declaración: Baldréu, coa forma local rematada en ‘u’ e co acento no ‘é’, para que a palabra soe «a aquí» e non a un molde importado. Aínda que na Real Academia Galega (RAG) aparece o termo como «baldreo», a organización optou polo dialectalismo, recollido tamén no Diccionario Estraviz.
A partir desa base, o Entroido quixo facer do patrimonio un escenario vivo. A narrativa do Domingo de Baldréus viaxa á ponte de Carboeiro e á Lenda do Demo enganado polos frades, que dá pé a unha das figuras máis potentes: o Demo de Carboeiro. En fronte, como contrapunto, aparece o abade cabezudo Frei Lourenzo, tamén herdeiro da tradición de cabezudos que se lembra en Trasdeza.
O Mono Cismón, o Vello Landrón, a Harpía...
O románico multiplica as máscaras. As dúas figuras contrapostas na baixada á cripta do mosteiro inspiran o Mono Cismón, máis agresivo e cuberto de eucalipto, e o Vello Landrón, sereno e sabio, vestido de carballo. E desde a igrexa de Santiago de Breixa chega a Harpía, que afonda na adaptación da iconografía das igrexas románicas para crear novas personaxes e, ao tempo, divulgar un patrimonio que se mira pouco.
Na memoria popular agarda Juanito. Na metade do século XX era a figura máis querida: chegaba o domingo vestido de vello, tras os Xenerais, cun sombreiro de palla recheo do que atopaba ao longo do ano. «Se non había Juanito, non había Entroido», lembran os máis vellos do lugar. Hoxe o personaxe volve como «catalizador», o que dirixe e comanda o desfile.
O obxectivo é medrar cara dentro: mellorar sen ansia de fama e conseguir que a veciñanza sinta como seus os Baldréus e a arte románica. E nas rúas xa se nota: hai nenos vestidos de Baldréu e, como proclama o cartel, no domingo de Entroido iso de ir a Silleda «xa non se pregunta».
- La otra represalia de EE UU contra España: el adiós al caladero de Boston para 70 pesqueros gallegos
- Cierra la cadena de panaderías Porto, con obrador en Vigo y media docena de despachos
- Álex Calvo, vigués residente en Dubái: «Lo único que escuchamos son ruidos, como fuegos artificiales»
- «Cuando un niño te abraza y llora porque te vas, no hay palabras para describirlo»
- Rías Baixas quiere congelar la producción de uva ante el desplome del consumo
- Tres heridos en un accidente con cuatro coches implicados en la VG-20 en Matamá
- El precio de la gasolina coge máxima velocidad: dos estaciones gallegas, entre las 30 más caras de la península
- Siete empresas compiten con Vitrasa por el nuevo contrato del autobús en Vigo de 468 millones de euros: Alsa, Arriva o la lusa Barraqueiro