Cacharelos e Baldreus, festa asegurada
Coma nas últimas semanas, a chuvia e o frío foron protagonistas indesexados tamén neste domingo de Entroido, o que obrigou, nalgúns casos, a buscar alternativas aos desfiles ao aire libre. Silleda estirou o Domingo de Baldreus desde a mañá ata a noite, Lalín combinou tradición e troula na Cacharela, e Rodeiro e Agolada reorganizaron a celebración baixo teito para non perder o ambiente

Desfile de Baldreus e compañía polo centro de Silleda / Bernabé/Javier Lalín

Cacharelos en Lalín e Baldreus en Silleda volveron ser protagonistas deste domingo de Entroido malia ás inclemencias meteorolóxicas. A chuvia acurtou os actos ou levounos a cuberto e, sobre todo, restou afluencia ás celebracións.
En Silleda, o Domingo de Baldreus debuxou unha xornada longa e con moito sabor a tradición recente. A festa arrincou de mañanciña coa alborada na Carballeira das Pedrosas, onde o inefable Juanito, en compaña de esforzados veciños, procura aos baldreus que andan ceibos. Ao mediodía chegou o Vermú de Mandís, coas rúas como escenario e a música dos Varacuncas. O Muro de Luz foi o punto de encontro para coller camiño cara os bares das rúas Trasdeza, Avenida do Parque ou O Progreso, convertendo o paseo nunha entrada progresiva á tarde grande.
O xantar popular, no lugar de costume, baixo a carpa calefactada instalada na Praza da Feira Vella, e co menú de sempre, cimentado en empanada e churrasco, xuntou este ano a medio milleiro de comensais, un cento longo por debaixo do récord do ano pasado. Din na organización que, amais do mal tempo, notouse a ausencia dalgún grupo incondicional por motivos familiares. O banquete deixou paso á tradicional poxa da salazón, antesala do prato forte.
Ás seis da tarde, o escenario trasladouse á Praza Siñor Afranio, onde empezaron a concentrarse baldreus e compañía (Demo de Carboeiro, Frei Lourenzo, Mono Cismón, Harpía e Vello Landrón), antes de emprender o desfile polas principais rúas de Silleda. A familia medra e desta volta foron catorce os baldreus que saíron á rúa, dous máis ca o ano pasado. Mesmo gozaron dunha tregua meteorolóxica durante o percorrido, animado tamén polos peque-baldreus da anpa do CEIP de Silleda e os frades da Escola de Música Municipal, amais da concorrencia que, con ou sen disfraz, se animou. Xa de volta na carpa, a festa seguiu ata avanzada a noite co Trío Meritxell, DJ Calvin e Juanito & Baldreu.
En Lalín, o protagonismo concentrouse no Barrio da Cacharela, cun programa que mestura tradición, participación e humor. O momento álxido produciuse coas dúas saídas dos cacharelos, dezaoito este ano, acompañados dos papamoscas e o boi. Logo da poxa, chegou a parte máis doce: postres elaborados pola veciñanza e peche con Pachi Show.
En Rodeiro, a cita carnavaleira tivo lugar, finalmente, no pavillón, por mor da chuvia. O Carnaval de Baranquilla fíxose co primeiro premio (500 euros), por diante de Tómbola total (400€), Coches locos (300) e Os Picapiedra (200). En grupos gañaron As galiñas cambotas en corentena, en adultos, e Os Furbies, en infantil (200€ cada un); en parellas e individuais, Trolls cambotes e A diva de España (100).
En Agolada, concentráronse as actividades no colexio. E, en Cerdedo-Cotobade, o concurso desenvolveuse no novo local social.
Actos para hoxe
Hoxe, luns, en Lalín, se o tempo o permite, os zancudos sairán á rúa ás 12:30 e a partir das 17:00 recibirán á xente xa na carpa do Campo da Feira Vello, onde haberá inchables e obradoiros de máscaras e maquillaxe, concurso de disfraces, espectáculo de circo e entrega de chuches.
Na Estrada tamén hai axustes no calendario. Así, a programación do Luns de Entroido queda aprazado para o domingo 1 de marzo. Para o martes, en cambio, as previsións do tempo son bastante boas, de modo que se manteñen as actividades e os horarios previstos.
Se algo deixa claro este Entroido é que, con carpa ou sen ela, o importante é que a festa siga.
Suscríbete para seguir leyendo
- La viguesa Marta Pardo, primera mujer en el TOP 10 mundial de Global Gurus, destaca en liderazgo y gestión
- Endometriosis, la enfermedad del silencio: ¿qué es y a quién afecta?
- Agencias de viaje temen cancelaciones en verano debido al conflicto en Irán
- Interceptado un conductor de patinete eléctrico en Vigo bajo los efectos de cuatro drogas diferentes
- El IEO documenta dos nuevos ejemplares de peces globo potencialmente tóxicos en aguas de Cangas y Pontevedra que evidencian la «tropicalización» de Galicia
- El gerente del Área Sanitaria de Vigo: «Los médicos sin MIR están de apoyo administrativo y no pueden ver pacientes»
- Galicia se prepara para un fuerte incremento de la inflación por encima del 3% este mes por culpa de la guerra en Oriente Próximo
- Stellantis planea dar entrada a inversiones de fabricantes chinos para reorganizar su capacidad industrial en Europa