A Ruta do Románico en Silleda (III)
Santiago de Taboada
A fermosa igrexa de fábrica románica data de comezos do século XIII, mais ten reformas en época barroca

A Ruta do Románico en Silleda: Santiago de Taboada, en imágenes / FDV
Ángel Utrera Baza
Santiago de Taboada, no Camiño de Inverno a Compostela, e case que no límite entre os concellos de Silleda e Lalín, é outra das marabillas da Ruta do Románico que agochan as terras de Trasdeza. A historia de Taboada xira ó redor da ponte que comunicaba Deza con Trasdeza ou indo máis alá, Castela con Santiago, no Camiño da Maragatería. Dende sempre vencellada ao mosteiro de Carboeiro.
O lugar coñecido como Eirexe, no corazón mesmo da parroquia de Taboada, ten o orgullo de presentar aos camiñantes e peregrinos ao sepulcro do Santo unha pequena pero fermosa igrexa de fábrica románica malia ás reformas padecidas ao longo dos séculos que desvirtúan a súa auténtica orixe, que podemos situar no principio do século XIII. Segundo conta da lenda, os peregrinos deben dar coa cabeza tres golpes, na porta da igrexa, o que nos recorda o Santo dos Croques, no parteluz da catedral de Santiago.
Estamos a pouco mais de un quilómetro da milenaria Ponte Taboada, que nos permiten salvar as frías augas do río Deza. Trátase dunha ponte romana de selleira, en pedra e adoquinado en lousa de granito, típico das calzadas romanas que salva as augas do río sobre o Camiño de Inverno a Compostela, coincidindo co Camiño Real que viña dende Ourense.
Ponte milenaria
A ponte entre Prado (Lalín) y Taboada (Silleda) danos información da súa construción, nunha enorme pedra plana que atopamos ao borde do camiño na que se pode ler a seguinte inscrición, en caracteres latinos, conservada parcialmente, coa data de construción, o ano 912: (L) AVORABERUNT/(ES) TA PONTE/ERA DCCCCL/(E) T FVIT PERFECTA/(P) RIDIE KLEDS APLIS. Para Broz tradúcese da seguinte forma: «Construíron esta ponte na era 950 (logo sería o 912), e foi rematada o día antes das calendas de abril, polo tanto, o 31 de marzo». A primeira ponte da que se coñecen datos era de táboas de madeira (Pons tabulata), de aí o seu nome.
A igrexa de planta rectangular única, presenta aínda hoxe diversos motivos románicos, tales como a dobre arquivolta e columna con basamenta e capiteis esculpidos con motivos xeométricos e vexetais, sobre todo follas de acanto. Na fachada principal, a portada da acceso a nave central, cun fermoso tímpano no que se representa a loita de Sansón e o León, en tanto que na ábsida atopamos unha ventá con arco de medio punta con xambas e columnas, igualmente con capiteis rematados con adornos vexetais e figuras zoomorfas. O auténtico valor desta igrexa radica nesta portada, neste tímpano decorado e nas catro columnas acodilladas, apostatadas sobre basas molduradas, con fuste liso monolítico, rematadas en curiosos capiteis con decoración vexetal e arcos de medio punto peraltados.
A espadana e campanario, rematado en catro bolardos e cruz antefixa é obra posterior, concretamente, barroca do século XVIII, o mesmo que a sancristía. No lateral, sobre a teitume da sancristía, atopamos un Agnus Dei, feito de forxa de ferro.
Tímpano
Mención moi especial merece o tímpano do que xa falamos antes. Os tímpanos das igrexas no románico e no gótico íanse converter en libros de texto dende os que transmitir os ensinos das sagradas escrituras. Como mostra do que estamos a falar, recordamos a representación da escena da loita que relata a Historia Sagrada, de Sansón e o León, que atopamos aquí e noutras igrexas da contorna, como as de San Miguel de Oleiros (Silleda) ou San Xoán de Palmou (Lalín), na actualidade no Museo de Pontevedra. Pero tamén aparece en Abeancos, no concello de Melide, vemos a mesma representación no tímpano da igrexa de Moldes, na de Taboada dos Freires, en Taboada de Lugo, ou nas ourensáns de Pazos de San Clodio, en San Cibrao das Viñas, e Santa Baia de Beiro, aínda que este na actualidade atópase incrustado no muro dunha propiedade particular.
Esta característica fixo dos tímpanos románicos, independentemente da súa función mecánica dentro da fábrica propiamente dito do templo, o lugar onde se van recoller as ensinanzas e mensaxes da Igrexa ao pobo analfabeto na súa inmensa maioría. Serán logo programas que abarquen todo tipo de catequeses evanxélicas, dende os más sinxelos ata os máis complicados, pero sempre coa finalidade de adoutrinamento que se pretendía e que continuará ao longo dos séculos co gótico.
Cruceiro e sartego
Diante do templo, no adro do mesmo, atopamos un fermoso cruceiro; un vello sartego antropomorfo ao seu carón, posiblemente de orixe altomedieval, que foi reutilizado como lavadoiro ou bebedoiro para bestas; e o monumento ao peregrino deseño de Francisco Alén e realizado pola escola taller de cantería de Silleda.
Trátase dun cruceiro procesional, visitado e descrito polo investigador Manuel Reimóndez Portela no seu libro ‘Cruceiros e Cruces do noroeste da Provincia de Pontevedra’ (1985), presenta basamenta en grada, con cinco graos de gran tamaño cuadrangulares. Pedestal que empeza en cilíndrico para rematar a cuadrangular. Ten mesa a modo de pousadoiro, para celebrar actos relixiosos e deixar repousar o cadaleito nos días de funeral, en tanto os fieis entoan cánticos e oracións baixo a dirección do párroco, apoiada en dúas laxes de bo tamaño sobre o último chanzo da plataforma.
Apreciamos unha pequena fochanca para auga bendita. O fuste de tipo cónico, en dous tramos, con profundas arestas. Capitel en tronco de pirámide cuadrangular invertido no que se nos presentan diferentes adornos con motivos vexetais, e catro anxos, un en cada cara. Sumamente traballado e moi artístico. Sobre o capitel levántase crucifixo, con imaxes. Trátase dunha cruz cilíndrica semellante a un tronco de árbore ou espiño, na que se representa Cristo ollando cara ao templo, e a Virxe pregando apoiada sobre unha peaña no anverso. De cinco ou máis metros de altitude, resulta maxestoso sobre o contorno da igrexa.
Este cruceiro aparece incluído o mencionado nas seguintes obras: Geografía General del Reino de Galicia, Vol III (Iconografía y heráldica), de Edicións Gallegas SA 1980; Galicia, historia e imagen (1979), de Ramón Blanco Areán; Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (2008), de Ángel del Castillo; e na ponencia Os cruceiros nos camiños galegos de peregrinación, presentada por Juan J. Burgoa e publicada nas actas do I Congreso galego sobre cruceiros e cruces de pedra (2009).
Casa de Carballeda
Dende aquí o camiño é de terra, en ocasións pista asfaltada e, logo de pasar por diante dos muros do Pazo de Trasfontao, entramos no casco urbano de Silleda. Ademais, a moi pouca distancia do templo, podemos visitar a Casa de Carballeda, no lugar do mesmo nome, e a capela baixo a advocación de San Roque e que foi propiedade no seu momento da familia Gil Taboada.
No interior da igrexa revestindo o altar maior, atopamos un impresionante retablo barroco no que os motivos e referencias a Santiago Matamouros e a súa aparición na Batalla de Clavijo, que nos recorda que é o santo patrón da parroquia. Sen dúbida algunha, Santiago de Taboada é outra moi boa mostra da arte románica que agocha a nosa comarca de Deza, cargada de historia e patrimonio.
Suscríbete para seguir leyendo
- Endometriosis, la enfermedad del silencio: ¿qué es y a quién afecta?
- Agencias de viaje temen cancelaciones en verano debido al conflicto en Irán
- Interceptado un conductor de patinete eléctrico en Vigo bajo los efectos de cuatro drogas diferentes
- La viguesa Marta Pardo, primera mujer en el TOP 10 mundial de Global Gurus, destaca en liderazgo y gestión
- El IEO documenta dos nuevos ejemplares de peces globo potencialmente tóxicos en aguas de Cangas y Pontevedra que evidencian la «tropicalización» de Galicia
- El gerente del Área Sanitaria de Vigo: «Los médicos sin MIR están de apoyo administrativo y no pueden ver pacientes»
- Galicia se prepara para un fuerte incremento de la inflación por encima del 3% este mes por culpa de la guerra en Oriente Próximo
- Stellantis planea dar entrada a inversiones de fabricantes chinos para reorganizar su capacidad industrial en Europa