Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Dolores Servide Loudeiro Traballadora do SAF da Estrada

«Temos semanas de 57 horas, acabamos esgotadas e é un perigo»

Traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da Estrada Dolores Servide (50) asistiu o pasado xoves ao pleno para aprobar os presupostos municipais de 2026. Cando chegou o momento de rogos e preguntas, ergueu a man sen titubeos: debía trasladar á corporación a situación na que traballan dende hai anos ela e as súas compañeiras. Unha medida despeserada, pero necesaria.

A entrevistada, Dolores Servide Loureiro.

A entrevistada, Dolores Servide Loureiro.

A Estrada

-Cales son as principais demandas da plantilla do SAF estradense hoxe en día?

-As mesmas que levamos facendo dende hai anos. Que se acaben os excesos de xornada, que en caso de modificación horaria por algunha urxencia ou necesidade de obra nolo comuniquen coa suficiente antelación, e que se cumplan os descansos obrigatorios. Dende que comezamos a esixir o respecto polos nosos dereitos conseguiuse mellorar un pouco, pero é que partíamos de cero. Agora segue habendo moita precariedade.

-A que se refire cando fala de que se cumpran os descansos?

-Pois que actualmente, na práctica totalidade dos casos, non pasan doce horas dende que unha traballadora do SAF remata unha xornada e comeza outra. É dicir, saes de traballar ás dez da noite e ao día seguinte xa tes un servizo ás oito da mañá. Este é tamén un dos puntos que nos gustaría modificar. No convenio o límite de peche de xornada está establecido para as 22.00 horas, para nós é demasiado tarde. Hai que ter en conta que tratamos con xente maior, que se deita cedo.

-Exceso de xornada e pouca antelación. Como se traduce isto no voso día a día traballando?

-É a peor parte. Se ti tes unha semana de 39 horas, de repente miras o horario e aparéceche unha garda. Acabas facendo turnos semanais de ata 57 horas, que te deixan completamente esgotada. Non só supón un perigo para nós, que ademais botamos moito tempo na carretera, senón para os usuarios, xa que compromete a calidade do servizo. Estamos en contacto con persoas, dámoslle a medicación, coidámolas. Por iso é importante que nós mesmas estemos descansadas e en boas condicións de saúde. A maiores, impídeche conciliar coa túa vida persoal, e moitas de nós temos familia e xente ao noso cargo, polo que precisamos poder organizarnos.

-Foi recurrir a pleno de febreiro unha medida desesperada?

-Un pouco si. Chegados a este punto, parecía a única forma de trasladarlle de xeito efectivo as nosas queixas ao goberno local, xa que a través da empresa parece imposible. O único que queremos é sentarnos a negociar, poder dialogar e chegar a un acordo entre ambas partes, pero está máis que comprobado que non hai vontade do outro lado. Todo o que se conseguiu foi a base de tirar nós, de non ceder, de unirnos e informarnos, da parte da empresa nunca houbo disposición.

-Supuxo un cambio importante na vosa loita o feito de sindicalizarvos?

-Por suposto. Fíxonos moito máis fortes. Para comezar, deunos información, que é unha arma moi potente. Antes a empresa xogaba moito a carta do noso descoñecemento para presionarnos. Ameazábannos con cousas que en realidade non podían facer, pero nós non o sabíamos, e tiñamos medo. Agora estamos unidas e informadas, por iso podemos facer máis forza. A unha persoa bótala, pero a vinte xa non é tan doado.

-Agora estanse a redactar os pregos para sacar unha nova licitación do servizo. Como afecta isto á plantilla?

-Practicamente nada. Nós somos absorbibles pola nova empresa, en caso de que gañe o concurso outra entidade. Se non, quedamos como estamos. O que realmente suporía unha mellora radical non só nas nosas condicións, senón na propia calidade do servizo e na xestión económica deste, sería a súa municipalización.

-Fáleme máis deste tema. Que melloras implicaría a municipalización?

-Para comezar, os nosos dereitos laborais serían respectados, algo que agora non sucede. Teríamos turnos regulados e unha distribución do traballo máis organizada. Tamén consider que se nos daría maior valor e visbilidade. Pero xa non é iso. Cando quen xestiona é unha empresa privada, estanse perdendo cartos públicos que van á súa marxe de beneficios, cando todo o invertido podería destinarse integramente á calidade da atención.

-Como acabou vostede traballando no SAF?

-Foi fai nove anos. Antes era administrativa, e vivía fóra da Estrada. Tiven que virme para coidar a familiares, e busquei algo que me permitira estar preto e certa flexibilidade. A min sempre me gustou estar coa xente maior, e realmente estou namorada do que fago. É moi satisfactorio ver como axudas e acompañas a alguén vulnerable, e como alivias a carga das familias. Eu vivino dende ambos lados e por iso sei o importanta que é este servizo, aínda que non sempre se nos valore como debería.

-A poboación cada vez está máis envellecida. Notades un aumento na carga de traballo?

-Este é un dos aspectos nos que se conseguiu mellorar un pouco nos últimos anos. Antes a presión de traballo era cíclica, pasabas de ter dez altas de repente a moitas baixas e poucas horas de servizos. Agora estase máis ao día, e cando se produce unha baixa, case de xeito inmediato dase unha nova alta.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents