Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Política

O BNG acusa ao PP de querer «baleirar de contido político» a Castelao

redacción

A Estrada

O BNG da Estrada denunciou onte o que cualifica de «cinismo» por parte do PP tras anunciar a instalación dun conxunto escultórico en homenaxe á familia de Castelao na Praza da Farola. A formación nacionalista celebra a iniciativa, pero lembra que se trata dunha proposta que o propio BNG levou a pleno e que foi rexeitada polos populares. «Queren presentar como propia unha moción que votaron en contra», afirmou oo portavoz, Xoan Reices.

Os nacionalistas vinculan este anuncio co recente voto negativo do PP no Parlamento galego á Iniciativa Lexislativa Popular que buscaba garantir o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao. Para Reices, este veto supón un «ataque ao patrimonio máis emblemático do noso pobo» e evidencia que Castelao continúa a ser unha «figura incómoda» para os populares.

O voceiro do BNG comparou a actitude do PP na Estrada coa da súa dirección en Santiago: «Estatuas para a foto, vetos para a cultura». Segundo denunciou, o PP pretende «baleirar de contido político» a figura do Pai da Patria Galega e reducir o seu legado a un elemento decorativo. Sostén que unha homenaxe real debe ir acompañada da difusión do pensamento e da protección do patrimonio artístico de Castelao, e adverte de que non permitirá que se empregue a súa memoria «como decorado para branquear o desprezo pola identidade nacional galega».

Tracking Pixel Contents