Música
Loita Amada inunda A Estrada de rock, arte e resistencia
O músico estradense Pablo Carracedo, Jásper, regresa á súa terra natal para presentar o último traballo do seu grupo, «Resistir é Vencer». A proposta trae este venres e sábado un concerto na Nicol’s, e exposicións fotográficas e nos cines

Loita Amada, co estradense Jásper no centro, nun concerto recente no TerraFest en Moaña. |
Loita Amada, a banda liderada polo músico estradense Pablo Carracedo, máis coñecido como Jásper, presenta este 14 de febreiro na sala Nicol’s da Estrada o seu novo disco, Resistir é Vencer, nun concerto no que estarán acompañados do tamén grupo local Noxo. A maiores da parte musical, virán a presentar unha exposición fotográfica e a proxección de videoclips e pezas documentais nunha proposta multidisciplinar que busca amosar a dimensión completa do proxecto á vez que dinamizan a vida cultural da vila.
A banda regresa ao seu fogar nun dos momentos máis sólidos da súa traxectoria, tras unha xira recente polo País Vasco e Francia. «A verdade é que foi xenial. Para nós actuar no País Vasco francés, cruzando a fronteira, era unha ilusión particular para o grupo. A experiencia foi algo excepcional, con máis de 400 persoas, uns días de confraternización cas bandas de alí. O cariño que nos mostran sempre é unha pasada. Cada vez que imos parece que medra», subliña.
Agora o grupo aterra na Estrada cunha programación que pretende converter a fin de semana nun encontro cultural arredor da banda. A xornada arrinca o venres ca inauguración ás 20.00 horas dunha exposición fotográfica na antiga Fundación Abanca, con imaxes en gran formato que retratan a vida do grupo, que tamén estará aberta o sábado. «Queremos que a xente da nosa vila vexa a dimensión real que ten o grupo, que non se quede nunha banda que vai tocar polo mundo adiante, senón que comprendan todo o traballo que hai detrás», explica Jásper.
O sábado, a actividade trasládase aos Minicines Central ás 19.00 horas, onde se proxectarán os seus últimos videoclips e pezas documentais. «Poder ver o traballo das rapazas que fan o noso audiovisual en tamaño cine é un agasallo para elas e un detalle para nós e mailo público», engade.
Con este impulso, presentarán logo Resistir é Vencer na Nicol’s, a partir das 21.30 horas, un traballo que supón un paso adiante na súa consolidación sonora e conceptual. Para Jásper, ademais, tocar na súa vila ten moito significado: «A Estrada para nós é un sitio moi especial. É onde vivo, e onde estivo o local de ensaio de todos os grupos que tiven. Sempre dicimos que somos de aquí», afirma.
Este proposta multidisciplinar quere responder tamén a unha inquietude do vocalista estradense, onde Jásper amósase crítico coa situación social actual: «Vemos que A Estrada, a nivel cultural, está moi morta. Funciona o deporte, pero a vida cultural é cada vez menor, non é unha cousa que vemos só en Loita Amada, outros veciños tamén. Por iso queremos darlle máis ‘vidilla’ ao pobo con estas propostas culturais gratuítas, para que a xente saia de casa».
Un disco cun toque vasco
O novo traballo foi gravado nos prestixiosos Estudos Garate baixo a produción de Kaki Arkarazo, ex-membro de Negu Gorriak, e que tamén traballou con Barricada ou Loquillo, nuns estudios onde estiveron grupos como Fito y Fitipaldis ou Crystal Fighters. Isto demostra a calidade técnica do disco, onde Jásper destaca a importancia de «gravar en analóxico, con pouca axuda dixital, amplificadores e sonoridades reais, é de un nivel top, como nos gusta gravar a nós». O disco conta con colaboracións que unen xeracións, desde o punk electrónico de Nuno Pico, de Grande Amore; a forza de Tanxugueiras; Xiana Lastra de A Banda da Loba; Vituco Neira de Ruxe Ruxe ou o trikitilari Joseba Tapia.
Sobre o título, Resistir é Vencer encerra unha mensaxe clara:. «Vivimos tempos difíciles, co auxe das extremas dereitas, as guerras e o imperialismo. Tócanos resistir, e nesas grandes resistencias están as grandes vitorias, como no tema de Altri». O evento cae nunha data especial, e Jásper recorda rindo que «na banda faciamos brincadeira dicindo que no Día dos Namorados, Loita Amada fai concerto amado na súa vila».
- «Durante casi 30 años sufrí un dolor que ni en el parto y lo tenías que ocultar»
- Interceptado un conductor de patinete eléctrico en Vigo bajo los efectos de cuatro drogas diferentes
- Balbi, «una pequeña ferretería del deporte» que resiste en Vigo tras casi 40 años de historia
- Inditex refuerza su presencia en la rúa Príncipe con una gran tienda de Oysho
- Once conductores de Uber en Vigo se quedan sin el «título habilitante» para circular
- El astillero francés Piriou se adelanta a Freire por el pedido de dos oceanográficos para Indonesia
- Salgueiros perde a un mozo comprometido, cofundador de Vai Nela
- El IEO documenta dos nuevos ejemplares de peces globo potencialmente tóxicos en aguas de Cangas y Pontevedra que evidencian la «tropicalización» de Galicia