Cine galego
«Estar no medio de ‘Antes de nós’ e ‘Sirât’ xa é unha victoria»
A produtora estradense Silvia Fuentes, nomeada á Mellor Dirección de Produción por «As liñas descontinuas» xunto a súa socia en Sétima, Anxos Fazáns, celebra as 11 candidaturas aos Mestre Mateo. O filme estrease o 20 de febreiro

Silvia Fuentes, á esquerda, durante a rodaxe. | SABELA EIRIZ
Os once nomeamentos de As liñas descontinuas aos XXIV Premios Mestre Mateo colleron á estradense Silvia Fuentes no medio dunha xornada laboral calquera. A produtora, socia de Anxos Fazáns en Sétima e responsable da Dirección de Produción do filme, recoñece que o momento e os primeiros días foron de asimilación: «Estamos moi contentas, aínda un pouco dixerindo a boa nova, pero moi felices», confesa.
A película, dirixida por Fazáns, iguala en número de candidaturas a Sirât, de Oliver Laxe, e sitúase soamente por detrás de Antes de nós, o gran fenómeno do ano, cun total de 18. Un contexto que, lonxe de intimidar, Fuentes interpreta como unha oportunidade. «Para nós é un paso adiante, e un momento moi bonito antes da estrea nos cines. Este foco que reciben as películas cando son finalistasantes da gala do 21 de marzo é un impulso, e queremos aproveitalo para que a xente veña ás salas», explica.
As liñas descontinuas chegará aos espectadores o vindeiro 20 de febreiro, apenas 4 semanas antes da gala. Un calendario axustado, pero tamén estratéxico. «Non falamos tanto de expectativas como de ganas. Estes nomeamentos son un empurrón para chegar á sala con forza. Estamos a traballar moi duro co equipo de distribución, prensa e comunicación para tentar que a película chegue ao máximo público posible, porque cremos que é unha película de público», subliña.
Silvia Fuentes volve a optar á Mellor Dirección de Produción, tras ser finalista o ano pasado con As Neves. Nesta ocasión, comparte novamente protagonismo no departamento con Nati Juncal. «Levamos mantendo o equipo dende hai case 10 anos. Ela veu traballar a Sétima en As liñas descontinuas e eu fun a Cósmica en As neves. Non é doado cadrar, pero sempre foi un equipo que funcionou, porque entendemos o cine da mesma maneira e hai moita confianza, por iso intentamos manter esa dupla», comenta sobre a súa colaboración entre as produtoras Sétima e Cósmica.
No caso do éxito colectivo dos 11 nomeamentos da película, a produtora destaca sobre todo o carácter grupal do proxecto: «Foi unha película moi loitada, cun equipo que foi unha piña desde o principio, onde todos tiñamos claro que tipo de película queriamos facer». Un equilibrio coa súa parte complexa entre creación, emocións e financiamento. «Conseguimos trenzar todas esas partes, e todos remamos na mesma dirección para facer unha película cunha alma moi propia», sinala. Ese traballo, considera, foi recoñecido pola Academia Galega do Audiovisual. «Os equipos de rodaxe en Galicia teñen moito nivel e moita implicación, pero non sempre se chega ata aquí. Neste caso, os académicos souberon velo e apoiarnos, e eu estou moi agradecida, estamos moi felices», engade.

Anxos Fazáns e Silvia Fuentes, ambas nomeadas nas súas categorías. | / Sabela Eiriz
En canto a relación profesional entre Silvia Fuentes e Anxos Fazáns, esta xa vén de lonxe. Ambas traballaran xuntas en A estación violenta (2017), o debut da directora antes de formar Sétima, que daquela sumou oito nomeamentos, aínda que sen premio. A comparación, porén, non lle resulta doada: «Son contextos distintos, pasaron moitos anos e o sector cambiou moito. Neste 2026, o nivel da competición é moi alto e hai moitísimo talento. Sirât ten unha pegada internacional moi forte, Antes de nós tivo unha acollida enorme do público galego... Estar aí no medio xa me parece unha vitoria», afirma con sinceridade. Sobre a posibilidade de levar unha estatuíña, Silvia mantén a prudencia. «Non lle damos moitas voltas ao premio en si. Todo o que veña será agradecido e ben recibido», conclúe.
Lonxe de vivir este momento como unha culminación, Fuentes interprétao como unha etapa máis dun camiño que continúa para Sétima xunto a Anxos: «Vivímolo como un paso máis no proceso de consolidación da empresa. É un momento bonito, agradecido, pero imos con tranquilidade. Vivímolo xuntas, como amigas e como socias, cunha visión de futuro moi semellante».
O futuro é Setima
Ao falar do próximos anos, recoñece a dificultade de analizar a súa propia traxectoria. «É complicado ter perspectiva sobre unha mesma», admite. Aínda así, ten claro o rumbo: «Vexo isto como un paso máis no proceso de asentamento da empresa e tamén na industria en xeral». Sen perder de vista o presente, aposta por mirar adiante. «O feito xa está feito, o presente é bonito, hai que agradecer o que está pasando e seguir. Vexo o meu futuro ligado a Sétima, traballando no seu camiño nacional e internacional», di confiada.
Máis alá do que aconteza dentro de mes e medio en Lugo na gala dos Mestre Mateo, Silvia ten claro o que é o verdadeiramente importante para ela e para os seus compañeiros: «O que me gustaría é que a xente vaia ao cine, que desfrute da historia, que seguro a van desfrutar, e conseguir que o público o pase ben vendo a película nesas pequenas salas, e nos conte o que foi o que sentiu».
Suscríbete para seguir leyendo
- Álex Calvo, vigués residente en Dubái: «Lo único que escuchamos son ruidos, como fuegos artificiales»
- Vigo cierra al tráfico Torrecedeira desde y hacia Praza da Industria por la reconstrucción de un pozo
- La RFEF contempla más renuncias de sedes para el Mundial 2030: Vigo y Valencia ganan enteros para estar presentes en la cita
- La científica viguesa Sara Abalde regresa a Galicia con una prestigiosa Consolidator Grant para estudiar la comunicación individual entre células cancerígenas e inmunes
- Una persecución nocturna acaba con un coche policial volcado en un solar en Pontevedra
- El ataque de un perro Shar pei en Vigo suelto y sin bozal deriva en una indemnización de 13.400 euros
- Oportunidad de negocio por 85.000 euros: se vende albergue en el Camino de Santiago
- Siete empresas compiten con Vitrasa por el nuevo contrato del autobús en Vigo de 468 millones de euros: Alsa, Arriva o la lusa Barraqueiro