Entroido
Conta atrás para o Domingo de Baldréus
O prazo para reservar os tíckets do xantar do domingo pecha este mércores e a festa arrinca co “Venres Sombreireiro”, unha chamada a saír á rúa cos chapeus máis extravagantes

Pasarrúas dos Baldréus por Silleda de 2025. | BERNABÉ/ÁNGEL ABELEDO

Quedan xa días contados para o Entroido e Silleda volve poñer en marcha a súa particular maquinaria festiva, coa vista posta no Domingo de Baldréus. Desde SIC Iniciativas Culturais lembran á veciñanza que este mércores, 11 de febreiro, remata o prazo para reservar os tíckets do xantar e que, a partir dese momento, non se venderán máis nin se admitirán novas reservas, polo que animan a quen teña pensado participar a pechar a súa compra canto antes.
O xantar celebrarase no lugar de costume, na praza da Feira Vella, onde se instalará unha carpa totalmente cuberta, con calefacción, e acondicionada para que a xornada se desenvolva con comodidade. A proposta gastronómica mantén o formato habitual do encontro, con empanada, churrasco, sobremesa, bebida e café, un menú pensado para compartir mesa e festa nun ambiente popular. Quen precise retirar os tíckets aínda pode facelo en Carmiña Moda, Carmiña Floristas e Mamasunción.
O xantar do Domingo de Baldréus converteuse nun punto de encontro que, desde 2023, reúne a veciños e xente achegada arredor dunha mesa común para celebrar o Entroido «como se merece». A organización salienta ese espírito de reunión e convivencia que marca a xornada, coa praza como escenario principal e coa carpa como refuxio e punto de encontro ao longo do día e tamén á noite. A programación está pensada tamén para quen prefira manter a tradición de xantar na casa: «En calquera outro momento do día» –subliñan desde a organización– hai opcións para sumarse á festa, xa sexa pola mañá, ao mediodía ou coa tarde ben avanzada.
Con todo, o Domingo de Baldréus non se reduce á comida. O programa debuxa unha xornada longa, con propostas para ir entrando en ambiente desde primeira hora. Arrinca coa alborada ás 8:30 da mañá, na que Juanito convoca á veciñanza a acompañalo na busca dos Baldréus que andan ceibos pola Carballeira das Pedrosas. Continúa co Vermú de Mandís a partir das 12 polas rúas da vila, coa música dos Varacuncas. Logo do xantar e da tradicional ‘Poxa da Salazón’, ás 18 horas, chegará o pasarrúas dos Baldréus, outro dos intres en que o Entroido toma as rúas. Unha hora máis tarde, de volta na carpa, seguirá a festa animada por Trío Meritxell, DJ Calvin e Juanito & Baldréu.
E aínda que o domingo é a gran xornada, o Entroido silledense comeza antes. Este ano repite o ‘Venres Sombreireiro’, unha convocatoria inspirada na figura de Juanito Muñiz Campa, persoeiro histórico do Entroido na vila, que chama a saír á rúa cos chapeus máis estrafalarios e con ganas de pasalo ben. A saída está fixada na esquina das rúas Trasdeza e Progreso, xunto ao mural de homenaxe ao propio Juanito, e a noite contará coa música do grupo Varacuncas nun ‘pasabodegas’ que servirá como pistoletazo de saída á fin de semana festiva.
- El enredo judicial en torno a la cúpula acristalada del Celta
- De aldea vaciada a destino internacional: el proyecto en el rural de Ourense de Jonathan y Adrián
- El Gobierno de Portugal aplica una rebaja «extraordinaria» de los impuestos a la gasolina por la guerra en Oriente Medio
- El otro milagro de Madonna con el Celta: «Hola Borja Iglesias, quería pedirte un favor; yo soy del Dépor...»
- La AP-53 se sitúa entre las autopistas de España que más tráfico ganó en 2025
- El tiempo da un vuelco en Galicia: lluvia, aire frío y un respiro a mitad de semana en Vigo
- Galicia queda desconectada de Valencia en avión: tres aerolíneas diferentes cancelan las rutas desde Vigo, Santiago y A Coruña
- El pequeño pueblo a dos horas de Vigo que debes visitar este invierno: rutas por la naturaleza, paisajes increíbles y una de las mejores carnes gallegas