Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Patrimonio

O San Brais e a Candeloria en Chapa

A capela desta parroquia, entre barroca e neoclásica, foi construída a medidos do século XVIII, poida que sobre un antigo lugar de culto pagán

A capela encheuse de devotos nas misas cantadas e rezadas. | D.G.A.

A capela encheuse de devotos nas misas cantadas e rezadas. | D.G.A.

Silleda

A chuvia impediu as procesións das celebracións do San Brais e da Virxe da Candeloria, que tiveron lugar os días 2 e 3 do presente mes na capela que o santo avogoso contra os males da gorxa, ten na parroquia de San Cibrao de Chapa en terras de Silleda, que se encheu de crentes nas misas rezadas e cantadas polo párroco de Silleda, Xosé Pérez e a coral da Bandeira, nas dúas xornadas. Nin sequera os mais devotos puideron achegarse a fonte da Virxe a beber, bañar aos cativos para libralos do enganido, ou coller a auga milagreira para as casas, que agora xa non se leva. Por non haber non houbo música, nin foguetes, nin rosquilleiras coma en anos anteriores nos que asistimos a esta ancestral romaría, que nalgún tempo tiña festa campestre nas carballeiras que rodean a capela, da que ao estar illada das casas, os ladróns levaron as imaxes do retablo e ata a da fornecina da fachada principal. Agora as que se gardan no pequeno retablo neoclásico, son relativamente novas : a do San Brais de madeira policromada, un Cristo crucificado, unha da Virxe feita de estuco e outra sedente de ´pedra coa Virxe e o Neno, replica en menor tamaño da que fora espoliada hai anos. Coa capela e a fonte, forma conxunto un vello cruceiro que antano presidía unha encrucillada próxima.

Cegoñas disputan aniñan na cheminea da casa grande de Chapa. | D.G.A.

Cegoñas disputan aniñan na cheminea da casa grande de Chapa. | D.G.A.

Do monumental conxunto relixioso, da romaría e dos muíños existentes na contorna, xa temos publicado noutra ocasión e tamén da igrexa románica e a festa do patrón, do castro local e da ruta de peregrinación a Compostela, pola que van xuntos os dous camiños xacobeos que atravesan a comarca dezá, que pasa polas inmediacións, así coma da senlleira sobreira de Goriño, que destaca por riba do tellado dunha espléndida casa labrega, visible dende a capela.

Cegoñas e mimosas

Indo cara a capela nesta celebración do San Brais é doado atopar cegoñas, pousadas ou voando, que nestes días procuran e disputan polos niños para criar. No val do Toxa no que se atopan estas terras, crían unha vintena de parellas, máis da metade concentradas entre as veciñas parroquias de Escuadro e Fiestras, algunhas xa non emigran e botan o ano enteiro nestas terras que regan o río Toxa, o da famosa fervenza e o seu afluente o Escuadro, que tamén se chimpa en cascada a pouco do seu nacemento. Un niño que disputan ata tres parellas de cegoñas nestas xornadas, é o da cheminea casa grande de Chapa, e non lonxe onda a Ponte Pedriña, hai anos construíron outro na erguida cheminea do serradoiro, baixo do grande muíño de Covián e a ponte medieval sobre o río Toxa.

Dan color as paisaxes verdes de abundantes pradeiras que manteñen unha grande cabana de gando vacún, varias colonias de invasoras mimosas e tamén vellas camelias, que gustan do clima doce destas terras que inclinan dende o San Sebastián da Rocha, cara o Deza e o Ulla que nestas datas de invernía van desbordados, como poucas veces se teñen visto.

Non é a única devoción que o San Brais ten en Deza. Xa temos publicado aqui das que se celebran ou celebraban en Gurgueiro, Berredo e Brocos , no concello de Agolada; da de Vila de Cruces; da de Galegos no de Lalín, e a da capela que o santo ten na casa grande dos Chaos en Cortegada deste municipio de Silleda e vense imaxes deste santo en non menos de unha vintena de igrexas de Deza.

Tracking Pixel Contents