Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os Xenerais da Ulla viaxan da Riala a Nova York

O fotógrafo santiagués Eutropio Rodríguez inaugurou este luns na Estrada unha exposición fotográfica sobre os Xenerais da Ulla. Nas vindeiras semanas, viaxará aos Estados Unidos para presentar o seu foto-libro «VIVA! Os Xenerais da Ulla» na Casa Galicia e no prestixioso Bronx Documentary Center.

Eutropio Rodríguez, ante a súa mostra na Taberna A Riala.

Eutropio Rodríguez, ante a súa mostra na Taberna A Riala.

A Estrada

A Taberna A Riala da Estrada converteuse desde este luns nun espazo de memoria, identidade e celebración do Entroido coa inauguración da exposición VIVA! Os Xenerais da Ulla na Estrada, do fotógrafo santiagués Eutropio Rodríguez, que a vindeira semana volverá a América do Norte para ensinar as súas fotografías en dúas exposicións. A mostra reúne unha ampla e variada selección de imaxes centradas nos Xenerais da Ulla, cunha atención especial aos que se celebraron nos últimos anos no concello estradense. A mostra poderá visitarse durante todo o mes de febreiro, coincidindo xustamente con este tempo de festas, onde os Xenerais participan en numerosas parroquias dos arredores.

A exposición combina fotografías pertencentes ao proxecto documental do foto-libro VIVA! Os Xenerais da Ulla, no que traballou con Javier Iglesias, con outras realizadas nos últimos anos, xa fóra do período no que se desenvolveu o traballo principal. Tal e como explica o autor, «hai fotos do proxecto do libro VIVA! e outras máis recentes, porque houbo anos nos que non se celebraron os Xenerais mentres estabamos facendo o libro, como por exemplo pasou en Couso, que recuperaron o seu Entroido fai tres anos», sinalou.

Eutropio destaca a importancia de presentar este traballo na Estrada antes de dar o salto internacional, pola unión que ten ca nosa vila. «Sempre me chamou moito a atención o Entroido da Estrada porque é un Entroido máis urbano, cun percorrido polas rúas, algo que o fai moi singular», sinala. Xunto a iso, subliña tamén o peso doutros entroidos do concello, como o da parroquia de Santeles, ao que cualifica de «moi importante», destacando o papel de Luís Montáns como figura clave na evolución estética dos traxes actuais dos Xenerais. «Montáns, o xastre, foi fundamental no desenvolvemento da arte actual», afirma Rodríguez.

Outro dos puntos que máis chamou a atención do fotógrafo foi o Entroido de Couso, onde valorou especialmente a participación veciñal e a conservación dunha festa moi tradicional: «Sorprendeume gratamente toda a implicación que hai, de veciños e asociacións, e sobre todo, o puro que se mantén».

Nese contexto sitúa tamén a Taberna A Riala e ao seu responsable, Álex Brey, presidente da asociación A Xesteira, a quen define como «un dos grandes dinamizadores do Entroido de Couso», implicado activamente na vida cultural da parroquia.

Volta á Gran Mazá

Trala presentación na Estrada, Eutropio Rodríguez viaxa esta mesma semana a Nova York para presentar o foto-libro VIVA! Os Xenerais da Ulla na Casa Galicia. A exposición será o venres 13, dirixida principalmente á colectividade galega da cidade. Uns días despois, o mércores 18, repetirá no Bronx Documentary Center, unha institución de referencia na fotografía documental nos Estados Unidos. «É unha institución punteira hoxe en día», explica o fotógrafo, que mantén unha vinculación persoal con este centro, xa que estudou fotografía documental na Gran Mazá e impartiu uns cursos de fotografía para nenos desfavorecidos no propio Bronx.

Rodríguez lembra que a súa relación coa cidade americana vén de lonxe. «Fun por primeira vez no ano 97 cun encargo da Deputación da Coruña para documentar a vida dos galegos en Nova York», relata. Asegura que a comunidade galega alí segue a estar moi activa, con clases de lingua galega, música e actividades culturais da nosa terra, e define a Casa Galicia como «unha institución moi solvente e moi ben organizada».

A idea de manter a tradición

A proxección internacional do proxecto responde a unha das motivacións orixinais do seu traballo. «Fixemos isto para que se coñecera a tradición e para deixala fixada neste momento», explica Eutropio. Segundo o fotógrafo, este tipo de manifestacións culturais xeran mesmo máis interese fóra que dentro. «O incrible é que en Estados Unidos chama moitísima máis atención que aquí», afirma, lembrando experiencias previas con outros proxectos documentais que levou, que trataban sobre a Semana Santa de Santiago ou a Rapa das Bestas de Sabucedo.

Despois de catro anos de intenso traballo e dun arquivo de máis de 50.000 imaxes, levar VIVA! a Nova York supón para Rodríguez un paso natural. «Cando fas un proxecto así e invertes tanto tempo, tanto esforzo e tantos recursos intelectuais, tamén queres que siga o seu camiño. É xustiza para o traballo. É un traballo que é unha inversión», reflexiona. Ademais, considera que o Entroido da Ulla ten un enorme potencial visual e simbólico: «Eu estou convencido de que vai chamar moitísimo a atención no ámbito fotográfico, porque é algo único no mundo. É como unha catedral inmaterial».

Aínda que o proxecto está pechado, o fotógrafo continúa documentando tradicións galegas, como a danza de espadas de Redondela, as danzas brancas da Costa da Morte ou a esfolla do millo en Galicia. Mentres, os Xenerais da Estrada poderán verse na Riala, ofrecendo unha mirada distinta, a dun artista que percorreu centos de lugares buscando ensinar as nosas tradicións ao mundo.

Tracking Pixel Contents