Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Silleda enche marzo con seis funcións de teatro para todos os públicos

Arranca o 28 de febreiro na Bandeira cunha obra benéfica polo Día das Enfermidades Raras

Conde e Troitiño presentaron o ciclo dramático.

Conde e Troitiño presentaron o ciclo dramático.

REDACCIÓN

Silleda

O Concello de Silleda presentou a programación de Silleda Teatro, un ciclo que se desenvolverá do 28 de febreiro ao 28 de marzo con espectáculos pensados para todos os públicos e funcións repartidas entre os dous núcleos urbanos. A iniciativa combina montaxes para público adulto, propostas infantís e familiares e un peche con humor, coa finalidade de achegar as artes escénicas á veciñanza e manter unha actividade cultural estable durante estas semanas.

O calendario abrirase o 28 de febreiro, coincidindo co Día das Enfermidades Raras, no Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira, coa representación de ‘Historia de una enfermedad rara’, de Iván Ares, con raíces silledenses e afincado na comarca do Bierzo. A cita terá un marcado carácter solidario: a entrada contará cun prezo especial de 10 euros e a recadación destinarase ao Banco de Tejidos Neurológicos, dedicado á investigación de enfermidades neurolóxicas, psiquiátricas e raras con afección ao sistema nervioso.

Xa en marzo, o día 1, terá lugar a seguinte parada, tamén na Bandeira, con ‘Reconversión’, da compañía Ibuprofeno Teatro. Trátase dun espectáculo de gran formato para público adulto, con oito intérpretes músicos que conforman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo. A obra, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, revisita a memoria histórica da reconversión do naval na ría de Vigo desde unha óptica de teatro contemporáneo.

A programación trasladarase despois a Silleda. O 7 de marzo, no Salón Santa Eulalia, representarase ‘Marcho que teño que marchar’, de Inventi Teatro, unha sesión de contos con humor e reflexión arredor dos roles e das desigualdades de xénero, enmarcada no Día Internacional da Muller.

O 15 de marzo chegará a quenda do público máis novo e das familias con ‘Ninja’, de Teatro Ghazafelhos, a historia de Amelia, unha rapaza do rural que soña con ser ninja.

O ciclo continuará o 22 de marzo no auditorio Manuel Dopazo coa compañía Sarabela Teatro e ‘Made in Galiza’, unha produción recomendada para público adulto e xuvenil que mestura escenas cotiás con reflexións sociolingüísticas a partir do libro homónimo de Sechu Sende. A peza está protagonizada por uns avós que non se entenden coa súa propia familia por falaren en idiomas distintos e abre a porta ao humor reflexivo e á poesía.

O peche terá lugar o 28 de marzo en Silleda con ‘De algo hai que morrer’, de Malasombra Producións, dirixida polo estradense Xoque Carbajal. A montaxe, gañadora en 2024 do Premio do público no Festival de Teatro Galego, aborda con moito humor a historia de dous peculiares científicos.

Venda de entradas e bonos

Como no ano pasado, haberá funcións gratuítas e outras de pago, para as que se porán á venda entradas e bonos. A primeira obra, Historia de una enfermedad rara, será integramente solidaria. E este ano incorpóranse tamén descontos para menores de 14 anos.

Dúas das obras do ciclo, ‘Made in Galiza’ e ‘Marcho que teño que marchar’, están cofinanciadas a través do programa Máis Escénicas, da Deputación de Pontevedra. Dende a Concellería de Cultura, Mónica González Conde, que presentou o programa xunto coa concelleira de Educación e Igualdade, Ángela Troitiño Gil, anima á veciñanza a participar nas propostas que encherán as fins de semana do vindeiro mes.

Tracking Pixel Contents