Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Hai unha cuestión universal: o dereito a vivir dignamente no lugar de orixe»

Perda de poboación paulatina, de servizos básicos, de oportunidades para a xente nova... parece un relato actual de calquera área do rural galego, mais é o que levou a comezos dos 90 a un dos maiores exemplos de unión e participación cidadá da historia recente do país. As Movidas da Fonsagrada son descoñecidas para moitos, pero volven agora ao foco, quizais nun dos momentos máis oportunos para lembrar.

Silva Fernández (dereita), durante a rodaxe dunha das esceas.

Silva Fernández (dereita), durante a rodaxe dunha das esceas.

A Estrada

A estradense Ariadna Silva Fernández compite este ano na categoría de Mellor Documental dos Premios Mestre Mateo co filme 360 curvas, codirixido xunto a Alejandro Gándara Porteiro. A longametraxe chega aos Minicines Central o próximo venres 13 de febreiro, se ben os horarios e detalles das proxección iranse publicando nos próximos días. Mentres, a fotógrafa e cineasta fala con nós un pouco máis en profundidade deste novo proxecto.

-Para comezar, noraboa pola nominación aos Mestre Mateo. Que significa para vostede optar ao premio de Mellor Documental?

Moitas grazas. Atoparnos entre os finalistas é un recoñecemento a un proceso que abarca varios anos de traballo: preproducción, escritura de guión, desenvolvemento conceptual da visión da dirección, rodaxe, montaxe, posprodución e, agora, a estrea en salas. Sei que soa a tópico, pero é un gran logro ter chegado ata aquí. É unha película “pequena”, concebida por un equipo pequeno. Ademais, é a primeira longametraxe documental que codirixo, polo que a satisfacción é, se cadra, maior.

-Como acaba formando parte deste proxecto?

A proposta de traballar arredor da historia das Movidas chégame a través dos meus compañeiros de equipo: Adrián Méndez, Manuel Lucas (ambos integrantes da banda De Ninghures) e Alejandro Gándara. Adrián é fonsagradino (aínda que naceu en Bilbao) e foi quen accedeu ao arquivo audiovisual de Manuel Fernández, o fotógrafo da Fonsagrada. Cando se cumpriron 30 anos das Movidas, en 2022, circulaban entre a veciñanza eses vídeos daquela época e Adrián propúxolle a Manuel Lucas emprender un proxecto audiovisual coa intención de recuperar a memoria e recoñecer aquela proeza colectiva ante a sombra do abandono e esquecemento que os ameazaba. Nun principio tiñan pensado rodar unha curtametraxe, pero axiña se percataron de que se lles quedaría pequena. Contactaron con Alejandro, que xa traballara con arquivo como forma de transmisión de memorias en Dorothé na Vila (2020) e, posteriormente, Alejandro falou comigo porque coñecía algunha das curtas que dirixín, como O intruso (2021), ademais dos meus proxectos fotográficos relacionados coa identidade, memoria e territorio. Cando comezamos a traballar aínda non tiñamos un organigrama definido, pero si compartiamos un mesmo parecer: a fascinación pola historia das Movidas e a necesidade de transmitila e recoñecela desde o relato audiovisual contemporáneo.

-Coñecía a historia das Movidas antes de entrar en contacto co arquivo audiovisual de Manuel Fernández?

En absoluto. A historia das Movidas é ben coñecida na contorna da Montaña de Lugo pero, cando superas o límite desas 360 curvas, faise un silencio. Penso que este descoñecemento é sintomático e habería que preguntarse por varios porqués ao respecto. Parte do arquivo que aparece na película é inédito. Manuel Fernández, a quen lle agradecemos moito a súa colaboración, permitiu que dixitalizaramos as súas cintas para poder ter os materiais en bruto. Traballar con este arquivo deume a oportunidade de abrir unha ventá ao pasado mediante a que me puiden adentrar na historia das Movidas desde un punto de vista subxectivo. Sen dúbida, foi unha sorte ter a posibilidade de acceder a un material tan rico, único, tan próximo e humano. É parte do noso patrimonio audiovisual e agora está a disposición do público por medio desta película.

-‘Nacer a medio camiño, morrer porque non chegas a tempo’, así abre este filme mentres o espectador percorre parte dese trazado viario. Como axuda este inicio a vertebrar o relato do documental?

Esta frase é unha alusión directa a un dos temas centrais da película: a distancia. As curvas desta estrada son coñecidas por ser lugares de parto para varias nais que non conseguían chegar a tempo ao hospital de Lugo. Son curvas que teñen nome: por exemplo, o caso dunha rapaza á que lle puxeron de nome Cruz, en recordo da ambulancia da Cruz Vermella que asistiu o parto e a viu nacer. Esta estrada é símbolo da marxinación, da emigración e marca a separación cos lugares nos que se toman as decisións. A veciñanza da Fonsagrada armouse de pas para borrar unha desas curvas. O clima de unión e optimismo xerado durante As Movidas foi o xerme da necesidade de acortar a separación co habitable. O feito de suavizar aquela curva permitiu, de xeito simbólico, abrir o camiño para facilitar o retorno da xente, das novas xeracións. A película, polo tanto, é tamén unha viaxe de ida e volta entre persoas, lugares e memorias.

-‘360 curvas’ constrúese a partir dun arquivo que recolle a memoria colectiva e dialoga co recordo individual e íntimo a través de diversas testemuñas. Que matices vos permite recoller este formato, e como foi buscar o equilibro entre ambos?

Hai tantas curvas como historias. Ademais do arquivo audiovisual, traballamos tamén con outras fontes documentais que igualmente se amosan na película, como fotografías, materiais gráficos ou recortes de prensa que gardaban varias veciñas nas súas hemerotecas persoais. O interesante destes materiais é que comparten co arquivo audiovisual un mesmo punto de vista, que é a voz en primeira persoa. Polo tanto, desde a dirección consideramos que o peso da narración debía recaer nas personaxes e nós, como directores, debiamos asumir o papel da mediación. Hai unha interacción orgánica entre o arquivo e quen o mira e o sostén: os recordos das Movidas encandean con outras vivencias persoais, como poden ser persoas que xa non están, paisaxes que xa non son o que eran ou momentos de celebración, como vodas e outros festexos. Adoptamos a metodoloxía da cartografía emocional para afondar no arraigamento, na relación afectiva entre persoas e lugares. Deste xeito, podemos comprender a individualidade e a comunidade a partir do retrato colectivo. Con esta idea pretendemos amosar o impacto emocional da perda, do abandono. Non buscamos retratar o rural como un ente abstracto, senón como unha paisaxe humana cun valor emocional, persoal, ligado a persoas e vivencias concretas. É unha película que fala tamén do amor: do amor entre seres queridos e, por suposto, do amor á terra.

-Un arquivo en bruto sobre unhas protestas que supuxeron moito para a veciñanza da Fonsagrada e que todavía están recentes para os seu protagonistas. Como foi o proceso de depurar e escoller que imaxes engadir? Cal era a prioridade?

Un dos aspectos máis difíciles, sobre todo na montaxe, é aceptar a renuncia. Saber con que quedarse, a pesar de que haxa descartes que teñen moita forza narrativa e visual. Tivemos que acotar e quedarnos co esencial para que as imaxes do arquivo falasen por si solas e, do mesmo xeito, servisen como apoio mutuo ás testemuñas das persoas que retratamos desde o presente. Deste xeito, podemos ver imaxes do peche no concello, do Nadal, da manifestación en Santiago ás portas da Xunta, do desaloxo do consistorio con antidisturbios, do recibimento dos presos ou do momento no que a veciñanza eliminou coas súas mans a primeira desas curvas. O arquivo permite artellar a liña do pasado para chegar ao retrato coral do presente. Un presente que, ao mesmo tempo, albisca un porvir cheo de incertezas, desexos e certa esperanza.

Fotograma do documental.

Fotograma do documental. / Cedida

-A cámara mantén unha proximidade moi coidada cos testemuños, o cal nos permite aos espectadores entrar na intimidade do seu fogar, non só da súa memoria. Como se traballa esa confianza durante a rodaxe e que buscan esas escenas que nos sacan do formato documental tradicional?

O documental parte dunha mirada cálida, próxima e incluso reconfortante grazas a esa intimidade. Unha intimidade que, inevitablemente, impregna o colectivo e busca unha perspectiva horizontal do relato para que o público se sinta identificado, sexa do lugar que sexa. Penso que fomos quen de acadalo grazas a que varias persoas nos abriron as portas dos seus fogares, e isto non tería sido posible sen a confianza que lles ofreceu o noso compañeiro Adrián. Ademais de exercer como xefe de produción, é, xunto con seus pais, un dos protagonistas da película. A familia Méndez articula unha historia de emigración: os pais que marcharon e o fillo que volve. Por outra banda, non pretendemos dar por explicado todo, senón deixar espazo á reflexión e convidar á libre interpretación da película.

-Pasado, presente e futuro, ‘360 curvas’ amosa o contraste entre unha Fonsagrada viva e poboada a finais do século pasado. Pouco máis de 30 anos despois vemos un retrato completamente diferente, mais tamén unha xuventude que reflexiona como o porvir da súa terra e o retorno a ela. Que buscabades con esta interacción entre diferentes momentos temporais?

O certo é que cando sucederon as Movidas xa estaban padecendo unha sangría demográfica. No ano 1900, A Fonsagrada tiña 18.000 habitantes, tantos coma Ourense ou Vigo. A comezos da década dos 90 tiña 7.000 mil habitantes e, hoxe, apenas chega aos 3.000, a pesar de ser o concello máis extenso de Galicia. Polo tanto, este xogo de espellos entre pasado e presente pretende dar continuidade a unha serie de problemáticas que se manteñen no tempo, como poden ser a privación de servizos públicos básicos ou o éxodo de poboación. A xeración das Movidas eliminou unha das curvas para favorecerlle o paso á mocidade que hoxe quere construír un futuro na súa terra. A tarefa non é doada, pero na película albíscase a férrea vontade que teñen por seguir abrindo camiño.

-A historia sitúase na Fonsagrada, pero dialoga con outras realidades rurais galegas. Que resoou con vostede, como persoa que creceu na comarca de Tabeirós-Terra de Montes?

Hai unha cuestión universal que atravesa toda a película, que é o dereito a estar e vivir dignamente no lugar de onde un é. Penso que transcende a calquera territorio, en especial, ás contornas rurais. Polo tanto, a pesar de que A Estrada e A Fonsagrada estean separadas por algo máis de 170km, empatizo totalmente con ese sentimento de pertenza. A progresiva morte dos lugares, a precariedade e a falta de oportunidades son problemas que, por desgraza, padecemos en maior ou menor medida.

Un dos símbolos das Movidas.

Un dos símbolos das Movidas. / Cedida

-Como impregna a fotografía de Ariadna Silva Fernández este traballo? Cal era a súa visión a nivel técnico á hora de levar a cabo este proxecto?

Penso que hai una clara inclinación cara o documentalismo lírico. O director de fotografía, Manuel Lucas, soubo encaixar técnicamente esta premisa artística en relación á construción da atmosfera visual. Interésame ter unha fotografía coidada, baseada na mirada poética e sensible sen perder a connotación crítica. Así, a gravación minuciosa de paisaxes ou as reconstrucións visuais en estudo combínanse cun xeito de rodar máis cru e imperfecto que mantén a película nunha dimensión doméstica e espontánea.

-Humor como ferramenta de protesta. O pobo da Fonsagrada amosa o seu enxeño en moitas das coplas, pancartas, e mesmo máscaras de Entroido. Como valora vostede este xeito de reivindicar?

Sen dúbida, ese uso da retranca foi unha das cousas que máis me chistou da historia das Movidas. A frase “Tranquilos: imos vivir do mar”, que aparece en pintadas e pancartas, dá boa conta dun sentido do humor moi fino, e dunha lucidez tremenda. Creo que hai unha idea moi poderosa no feito de reivindicar desde a festividade: é dicir, protestan, pero tamén o pasan de marabilla. E iso, inevitablemente, tamén fai comunidade.

-Despois de todo o proceso creativo, que lle gustaría que permanecese no espectador ao rematar a proxección de ‘360 curvas’?

Penso que 360 curvas pode abrir moitas preguntas e ofrecer numerosos debates de actualidade. Así está sendo, de feito, nos coloquios que fixemos ata o momento. A peli chega porque toca a realidade de moitas persoas e aporta unha profundidade emocional que vai máis alá do contexto político. O tempo dirá, pero agora é o momento de que a película vaia trazando o seu propio camiño.

Tracking Pixel Contents