«É incrible ver signar a 80 persoas xuntas»
Anacos Educativos estrea hoxe o primeiro curso oficial de Lingua de Signos impartido na Estrada, que esgotou as 20 prazas en poucos días. Ao mesmo tempo, o mércores abre as portas do seu curso de Memoria para fomentar o envellecemento activo, apostando pola diversión e a convivencia.

Xuntanza dos participantes de Anacos no Restaurante Río Liñares.
A empresa estradense Anacos Educativos segue a dar importantes pasos no ámbito da formación e da inclusión social coa posta en marcha do que podería ser o primeiro curso oficial de Lingua de Signos impartido na Estrada. A iniciativa, que esgotou as súas 20 prazas en apenas unha semana e se estrea hoxe, convive tamén cunha xornada de portas abertas do seu curso de Memoria para maiores, unha actividade que buscan consolidar na vila.
«Non recordamos que se impartise nunca un curso oficial de Lingua de Signos na Estrada, por iso criamos que podía funcionar. Sacamos o cartel o luns e o venres xa estaban cubertas as 20 prazas. Foi unha pasada, a verdade, superou todas as expectativas», sinalou Andrea Piñeiro, unha das fundadoras de Anacos Educativos.

Curso de aerobic na sede da Estrada. / Cedida.
O curso comeza esta semana, cunha duración de 30 horas e impártese un día á semana pola tarde. A formación está a cargo da Federación de Persoas Xordas de Galicia, entidade especializada coa que Anacos decidiu colaborar para garantir a calidade e o carácter oficial do programa. «Contratamos directamente á Federación para que manden un instrutor que veña a impartir o curso, porque nós tamén tiñamos interese en aprender», subliña Piñeiro, que fala de como a experiencia previa con persoas xordas axudou a detectar esa necesidade.
Máis alá da demanda social, a motivación foi tamén persoal e profesional. «Traballamos ao longo do ano con persoas con diversidade funcional e notabamos que nos faltaban ferramentas. Por iso queríamos formarnos nós tamén», recoñece. «Hai cousas moi básicas que descoñecemos e que poden marcar unha gran diferenza», engade. Para Andrea Piñeiro, esta formación ten un impacto que vai máis alá das aulas, xa que haberá 20 persoas máis na Estrada capaces de comunicarse en Lingua de Signos, «algo moi positivo para a comunidade xorda», destaca.
Un exemplo que lembra con emoción foi na xuntanza deste pasado sábado, onde como sorpresa para o grupo de persoas xordas, os demais signaron unha canción para eles: «Unha delas díxonos: ‘vós non sabedes o que significa para nós ver signar a 80 persoas xuntas, isto é algo incrible’. O certo é que é un mundo moi descoñecido e que esperamos que vaia mellorando».

Taller de Memoria en Tabeirós.
Portas abertas á memoria
O mércores, Anacos celebra tamén unha xornada de portas abertas do seu curso de Memoria, que se imparte todos os mércores de 18.00 a 19.00 horas. A actividade naceu coa intención de dar a coñecer un programa que, segundo Piñeiro, aínda arrastra prexuízos. «Hai xente que escoita ‘memoria’ e pensa que é só para persoas moi maiores ou con deterioro, e non é así. Trátase de adestrar a mente, de pasalo ben e de compartir unha hora en boa compañía», explica.
Durante estas sesións trabállase con xogos de mesa, sopas de letras, pasatempos, actividades escritas e dinámicas orais. «A idea é que sexa divertido, dinámico e adaptado ao grupo que temos cada día», explica. O perfil das persoas participantes é moi diverso: «Temos xente de tódalas idades. Non hai ninguén cun deterioro grande; son persoas activas que queren seguir aprendendo».
Anacos abriu a súa sede na Estrada no 2021, aínda que o equipo de 3 socias levaba xa anos traballando noutros espazos e concellos, como Cerdedo e Agolada. Para o futuro da súa proposta, Andrea argumenta que «isto funciona como calquera idioma. Comezamos co nivel inicial, o A1, e se hai interese, iremos avanzando co A2 no futuro».
Suscríbete para seguir leyendo
- El tren de borrascas que barre Galicia se alarga: los meteorólogos no ven el final
- Corte de tráfico en el centro de Vigo por un hundimiento de calzada
- Los vigueses se despiden de los paraguas... por unas horas
- Bueu envía en menos de un mes más de 100 notificaciones para la limpieza de fincas forestales
- «De Vigo al mundo»: un día en la casa donde Bimba y Lola diseña su globalidad
- Los bomberos liberan en Vigo a una niña de cuatro años atrapada en el baño: «Estaban más nerviosos los padres»
- La pesca local se apaga en Europa: el 86% del pescado y marisco que comen los europeos procede de terceros países
- El monte gallego ya no «bebe» más: el suelo forestal está a rebosar de agua