Muimenta, a banda que nunca deixou de tocar
Século e medio despois da súa fundación, a Banda de Música Popular de Muimenta conmemorou a efeméride cunha gala chea de colaboracións, homenaxes e memoria colectiva. Un aniversario que reivindica o seu valor cultural e un dato excepcional: nunca deixou de tocar, nin sequera durante a Guerra Civil.

Un momento histórico viviuse coa actuación das catro bandas xuntas sobre o escenario do Lalín Arena. | Fotos: Bernabé/Javier Lalín

A Banda de Música Popular de Muimenta celebrou este sábado os seus 150 anos de historia cunha gala conmemorativa que foi moito máis ca un concerto: converteuse nunha reivindicación da música como fío continuo da memoria colectiva da área parroquial da Balouta. Fundada en 1875, a formación pode presumir dun feito excepcional: nunca deixou de tocar desde a súa creación, superando guerras, cambios sociais e xeracións enteiras de músicos sen interromper a súa actividade.

O público que encheu a pista e parte das gradas do Arena.
O acto, celebrado ante un público entregado, combinou emoción, memoria e festa. A apertura estivo marcada pola benvida e presentación oficial a cargo de Gúmer Portas, director de Radio Lalín, seguida das primeiras pezas a cargo da banda anfitrioa, cun pasodobre emblemático como ‘Amparito Roca’, de Jaime Texidor, e o intermedio da zarzuela ‘La boda de Luis Alonso’, de Gerónimo Giménez.

Actuación da Orquestra Compostela coa banda.
Un dos momentos centrais foi o recoñecemento institucional, coa intervención do alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, quen fixo entrega dun agasallo á agrupación, recollido polo seu presidente, Antonio Prieto. O rexedor tomou a palabra para subliñar o papel da Banda de Muimenta como «símbolo cultural do municipio» e exemplo de continuidade e compromiso coa música popular.

Crespo entrega o recoñecemento institucional a Antonio Prieto.
A gala continuou cun amplo programa de artistas convidados, que evidenciou a capacidade da banda para dialogar con estilos e xeracións distintas. Sobre o escenario sucedéronse actuacións como a de Eric Hidalgo con ‘El triste’, a colaboración da Orquestra Compostela coa Banda de Muimenta no ‘Mix dos Tamara’, ou as intervencións de Sito Mariño, Silvia Ferre, Antonio Barros e o lalinense Pachi, entre outros. A tradición galega tivo un peso destacado coa participación do grupo tradicional A Carballeira de Cercio e coa presenza da Coral Polifónica de Agolada, que, xunto á banda, interpretou ‘Vento do Norte’.
Especial relevancia tivo o chamado «momento histórico» da noite, no que se reuniron catro bandas do municipio –Muimenta, Lalín, Vilatuxe e A Lira de Prado– nunha imaxe inédita e cargada de simbolismo. Pezas como ‘Rolandito’, ‘Ponteareas’ ou ‘1875’ serviron para lembrar a riqueza e a traxectoria do movemento bandístico lalinense, así como o labor de compositores e directores que deixaron pegada ao longo do tempo.
A xornada incluíu tamén recoñecementos a grupos e artistas convidados, así como a diversas institucións, entre elas a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, representadas por Román Rodríguez e Jorge Cubela.
A gala pechouse cun momento especialmente emotivo: a interpretación do himno da banda, ‘San Lourenzo de Muimenta’, con letra de José Antonio García e música de Xosé Luis Represas, de novo coas catro bandas xuntas e a Coral Polifónica de Agolada. O público foi convidado a cantar, convertendo o final nun acto colectivo que resumiu o espírito da celebración.
Cento cincuenta anos despois, Muimenta segue demostrando que non é só unha institución musical, senón unha historia viva que continúa soando, sen interrupción, desde o corazón da Balouta.
- El tren de borrascas que barre Galicia se alarga: los meteorólogos no ven el final
- Corte de tráfico en el centro de Vigo por un hundimiento de calzada
- Los vigueses se despiden de los paraguas... por unas horas
- Bueu envía en menos de un mes más de 100 notificaciones para la limpieza de fincas forestales
- «De Vigo al mundo»: un día en la casa donde Bimba y Lola diseña su globalidad
- Los bomberos liberan en Vigo a una niña de cuatro años atrapada en el baño: «Estaban más nerviosos los padres»
- La pesca local se apaga en Europa: el 86% del pescado y marisco que comen los europeos procede de terceros países
- El monte gallego ya no «bebe» más: el suelo forestal está a rebosar de agua