Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Marco Vila Rego Responsable do Club Seat 127

«En case tódalas casas houbo un Seat 127, é un modelo moi recoñecido»

Orixinario de Barreiros, en Lugo, Marco Vila é un dos responsables do Club Seat 127, que visitou A Estrada xunto a máis de 40 vehículos no marco do XII Salón do Vehículo Clásico. Esta foi súa primeira participación aquí onde nos falou da paixón por este icónico modelo e os retos do coleccionismo.

Marco Vila, xunto ao seu Seat 127 CL Segunda Serie do 78.

Marco Vila, xunto ao seu Seat 127 CL Segunda Serie do 78. / S. P.

A Estrada

Marco Vila, natural de Barreiros, en Lugo, foi o responsables de que o Club Seat 127 participara por primeira vez esta pasada fin de semana no Salón do Vehículo Clásico da Estrada. Xunto a el, outros 43 afeccionados de este antigo modelo, chegados de toda Galicia, encheron a feira e máis tarde a Praza do Concello nun encontro familiar, onde destacou a paixón polo motor e a vontade de manter vivo un coche que foi parte da historia cotiá de moitas casas.

-Esta foi a primeira vez que o Club 127 participou no Salón do Vehículo Clásico da Estrada. Que balance fai da experiencia?

-A valoración é moi positiva. Foi a primeira vez que viñemos á Estrada e sentimos unha acollida excelente, tanto pola organización da exposición, como polos visitantes e o Concello. Estivemos moi cómodos durante toda a xornada, tanto no recinto feiral como na Praza do Concello, onde tamén nos sentimos moi arroupados.

-Cantos vehículos conseguiron reunir para esta cita?

-Estaba previsto que acudisen 46 case 50 coches, pero por cuestións persoais dalgúns compañeiros finalmente foron 44 os Seat 127 que participaron. Tratándose dun club tan disperso xeograficamente, con xente desde a Mariña de Lugo ata Vigo, sempre pode haber algún contratempo de última hora.

-En que ano comezaron co club e como xurdiu esta iniciativa?

-Comezamos no ano 2019. Antes xa existían pequenas agrupacións en Galicia, pero non había nada estruturado. A idea xurdiu de xuntarnos persoas que compartiamos interese por este modelo e manter viva esa afección en toda Galicia. Os que empezamos fomos tres, eu mesmo, Ángel Boullosa e Francisco, da Pobra, despois co tempo foise sumando máis xente.

-Que ten o Seat 127 para seguir xerando tanta paixón décadas despois en tanta xente?

-Foi un coche que se fabricou moitísimo entre os anos 70 e 80, e en case tódalas casas houbo un 127. A xente recoñéceo moito, porque aprenderon a conducir con el. Dentro do propio modelo hai a variante do FIAT equivalente en Portugal, que tamén viñeron á feira.

Algún dos socios do Club Seat 127, o sábado na Praza do Concello ante os automóbiles.

Algún dos socios do Club Seat 127, o sábado na Praza do Concello ante os automóbiles. / S. P.

-E vemos que o perfil dos socios é moi variado, xuntando xente de tódalas idades tamén.

-Totalmente. Somos case 200 socios, e hai xente maior que tivo un 127 de novo e tamén xente nova que se achega agora ao mundo do clásico, aínda que nunca o tivese na familia. O perfil é moi amplo, tanto na idade coma na procedencia dos participantes.

-É moi caro entrar agora mesmo no mundo do vehículo clásico, o segue sendo accesible?

-Dentro dos clásicos, o 127 é dos máis accesibles, precisamente porque se venderon moitísimos. Iso facilita atopar coches e recambios, aínda que segue sendo caro se o comparamos cun vehículo moderno. Tamén hai un problema, cada vez hai menos profesionais especializados en chapa, pintura ou motores antigos, polo que a maioría das cousas facémolas nós.

-Ademais da exposición, tamén aproveitaron para coñecer a vila?

-Si, gustounos moito. Apostamos por consumir no comercio local. Comemos no restaurante Manxares, onde nos deron un trato exquisito e unha comida espectacular. Para nós é importante tamén ese impacto económico positivo.

-Cal é o obxectivo do Club Seat 127 para o próximo ano?

-Seguir medrando en número de socios e consolidarnos. En outubro do 2026, participaremos en Sanxenxo na primeira concentración nacional do Seat 127 que se fai en Galicia, onde virán ata aquí automóbiles de toda Europa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents