Ser muller e dinamizar o rural sen morrer no intento? Si, pódese
Durante a pandemia, moitas aldeas do rural de Deza e Tabeirós-Montes rexistraron certa revitalización, grazas a novas familias que decidiron voltar para sobrelevar mellor o confinamento. Pero xa antes do covid, e tamén despois, hai xente emprendedora que decide apostar por fomentar o emprego e os servizos no seu pobo. É unha saída laboral para as mulleres, que nas comarcas adoitan duplicar as cifras do paro respecto ao xénero masculino.

De esq. a dta.: Raquel Doallo, Cristina Collazo, Carmen Lareo, Noelia Cortizo, Eva Fernández e Ana García. / FDV

Desde 2024 e ata hoxe, 1,2 millóns de españolas decidiron poñer en marcha a súa propia empresa. Entre estas novas autónomas destacan as galegas, posto que a comunidade é a sétima en canto a volume de emprendemento feminino: no periodo de 2015 a 2022 supuxeron o 42,1% do total estatal. Esta porcentaxe é posible grazas a iniciativas como o programa Emega, unha proposta da Xunta que só o ano pasado deu apoio a 400 iniciativas empresariais de mulleres e que, á súa vez, xeraron máis do dobre de empregos, 830.
Este programa autonómico dispón de distintas liñas económicas: enfocadas a novas empresas (con bonos de conciliación incluidos), á reactivación de firmas xa existentes e, por último ao respaldo a proxectos innovadores en áreas tecnolóxicas ou científicas, que son dous campos nos que a presenza da muller aínda ten que facerse visible. Emega busca, en suma, reter o talento feminino y rachar coas dificultades da muller á hora de buscar un posto de traballo. Estas dificultades adoitan ser o seu xénero, os problemas á hora de conciliar ese traballo fóra da casa coa sú vida persoal e coa atención a familiares dependentes e a existencia de profesións e cargos que aínda están moi masculinizados. Non é difícil deducir que estes problemas poden ser o motivo polo que a moitas mulleres non lles queda outro camiño que o emprendemento. No caso de moitas explotacións gandeiras, máis que unha alternativa á carencia de emprego trátase de loitar por esa visibilidade.
Semanas atrás, o colectivo Piares organizou en Lalín unha mesa redonda con oito mulleres que explicaron o seu percorrido vital e empresarial tras tomar a decisión de permanecer na aldea que as viu nacer, ou instalarse nunha para vivir do rural ou traballar desde el. Nesa xornada deixaron constancia de necesidades como a mellora da conexión a internet e do transporte público ou a redución de trámites burocráticos.
As seis mulleres coas que falamos para ensamblar esta información están vinculadas ao sector primario, á comunicación e á dinamización sociocultural. Demostran que vivir nunha aldea ten múltiples posibilidades laborais e que emprender ou manter unha actividade é posible a case calquera idade. Dínnolo elas e o Informe Ejecutivo GEM Galicia 2024-2025, do Observatorio de Emprendimiento de España. Este documento indica que os emprendedores, tanto homes como mulleres, móvenese na franxa de entre 35 e 55 anos. O 42% das féminas que montan a súa propia empresa cursou estudos universitarios e unha de cada cinco dispón dun máster. Un par de apuntes máis que figuran no citado informe e que diferencian os proxectos con nome de muller: elas poñen en marcha máis iniciativas orientadas á sostibilidade, pero durante a crise sanitaria do coronavirus as súa iniciativas resistiron menos no tempo que os proxectos iniciados por varóns.

A activista económica Raquel Doallo. / FDV
Raquel Doallo formouse en Económicas e axiña soubo que a súa vida estaba vinculada ás ONG’s e ao cooperativismo. Anos atrás, xunto a outros dous socios montou Cestola na Cachola, unha cooperativa que vendía ilustracións e roupa ecolóxica. Agora forma parte do proxecto Aopaso, que ofrece servizos de asesoramento e acompañamento a proxectos, como un documental sobre a Regueifa que se vai estrear a semana que vén no IES Marco do Camballón. Meses atrás, esta ourensá de nacemento e veciña de Botos participou na redacción dun documento urbanístico con perspectiva de xénero impulsado polo Concello de Silleda.
«É máis fácil montar unha cooperativa que ser unha traballadora autónoma?» pregúntolle. Raquel respóndeme que «é distinto, pero é verdade que a mirada colectiva si facilita. Tamén quero engadir que o teletraballo no meu caso axudoume moito, porque colaboro con distintas entidades, e eu non quería vivir nunha cidade».
O activismo de Raquel Doallo non se detén nas súas colaboracións con colectivos e pequenas empresas. Xa nun ámbito máis persoal, é socia de Azos Feministas e de Teta e Coliño, unha entidade de ámbito galego pero que desde 2021 conta cunha delegación dezá que organiza reunións cunha frecuencia mensual, pero que tamén serve para evidenciar «a falta de espazos de ocio para os nenos os días de choiva, máis alá dos que nos ofertan os centros comerciais». Engade que o bo do activismo no rural, fronte ao das cidades, é que permite «ter compañeiras de distintas xeracións».
Eva Fernández non é nova nisto do emprendemento. En 2013 montou en Agolada o Studio Klèc, unha firma de deseño gráfico que abarcaba dende a rotulación de furgonetas ata a decoración de vodas. Klèc deixou de funcionar durante a crise do coronavirus, «e empecei de cero con A Cova. Era a finca que tiña para vodas, estaba parada pero tiña colmeas abandonadas que antano lle dera un amigo ao meu pai». Eva tivo que formarse en apicultura mediante cursos e co asesoramento de David Liñares. Agora mesmo dispón de 70 colmeas en tres espazos distintos, no Monte Farelo. «Para vivir da apicultura son poucas», explica, pero A Cova Mel e Apicultura xa ten unha rede de ventas tanto a través da súa páxina web como na tenda colectiva Creativas Galegas, en Santiago.
Sobre as dificultades no sector, Eva Fernández menciona o abandono do rural e a expansión do eucalipto. «O mel de Galicia vén de flora silvestre que non podemos plantar, como uces, xestas, silvas ou brezos. É certo que hai unha variedade de eucalipto idónea para producir mel, pero a que se planta aquí non o é». Sobre os estereotipos de xénero que ainda ten escoitado por dedicarse á apicultura lembra «que sempre me preguntan se teño alguén que me axude, porque é un traballo moi físico». Esta muller estudou Enxeñería en Deseño Industrial e apunta que aínda existe o tópico de que un ou unha queda na aldea porque non ten estudos superiores. «Unha vez quedei tirada co coche no monte e cando veu o da grúa, preguntoume que facía alí».
Carmen Lareo tomou as rendas da entón Fundación A Solaina de Piloño en 2011. A entidade fora fundada polo seu irmán, o artista Paco Lareo, en 1983 e en 1995 constituise legalmente como fundación. «Paco viñera de Venezuela e viu que no rural de Cruces facía falta un espazo de ocio e cultura. Puxo en marcha unha iniciativa altruista e rompedora» que hoxe segue sendo un referente na dinamización cultural de Vila de Cruces. Aínda que a Xunta colabora en propostas como o concurso de curtametraxes Carlos Asorey, si se bota en falta un maior compromiso do Concello, pois só destina á fundación 2.500 euros ao ano. «Moitos veciños téñenme manifestado que desde a fundación facemos un traballo arduo», pero ese traballo está dando os seus froitos, porque «si que temos relevo xeracional na cultura, ainda que quizais sexa menor na literatura que nas artes plásticas».
Cristina Collazo naceu en Santiago, pero viviu na Bandeira ata os 6 anos. Volvería moitos anos despois a esta vila tras residir en Madrid, Vigo ou Brasil. «Foi en Río de Janeiro onde naceu o proxecto da Cova das Letras», un espazo cultural que quería crear na casa da súa avoa da Bandeira e que, dende que volveu a ela no 2013, se converteu no seu fogar e no da súa familia.
A Cova das Letras quería servir de fogar para iniciativas teatrais, poéticas e doutras artes. Para isto, Cristina Collazo tiña ao seu favor unha vila cunha dinamización cultural xa moi asentada, con Xirandola, A Recreativa da Bandeira ou o centro cultura Vista Alegre. «Tamén me apoiou sempre o Concello de Silleda», con becas para mobilidade mentres cursou dirección na Escola Superior de Arte Dramático. Coa Cova das Letras, Collazo desenvolve sobre todo teatro infantil e familiar, coa colaboración habitual de Manuel Payno na música ou A Canalla no vestiario. Nas súas pezas «reivindicamos o papel da muller, da muller traballadora, da muller traballadora do rural e tamén da lingua e cultura galegas, así como a recuperación da cultura oral».
Esta actriz, que se define a si mesma como titirimestra, tivo nas súas avoas Manuela e Maruxa a dúas persoas que lle legaron moito do seu saber. «A miña avoa Manuela falaba en verso, e cando se cruzaba con Sueiro, un dos Xenerais da Bandeira, sempre regueifaban entre eles», rememora. Collazo ten actuado moito no rural dezano pero onte, por exemplo, tiña unha función na Coruña e non percibe que a un público urbanita lle resulte máis complicado percibir a tradición a través do teatro. Iso si, anota que ás veces os espazos rurais para as pezas de teatro non son moi axeitados. «As nosas funcións son versátiles» e, por adaptarse, ata ten feito de Pepa a Loba no entorno da Fervenza do Toxa. Se queren descubrila, acudan a algunha das sorpresas de Aldeas do Nadal.
Airexa é un termo que define un vento suave, e no caso de Airexa Comunicación e Marketing, esta axencia quere converterse «nese vento suave que axude a pequenos proxectos do rural a ter máis visibilidade», apunta a súa responsable, Noelia Cortizo Salgueiro.
Airexa leva aberta, de xeito oficial, dende xuño, pero a idea vén de moito tempo atrás. «Tiña sentimentos encontrados e certo vértigo, porque abarco comunicación, pero tamén márketing e redes sociais». Noelia decidiu dar o paso: tramitou o papeleo para acceder a subvencións por emprendedora e alugou unha oficina en Coworking Deza, na rúa da Ponte. Foi un acerto, porque a conexión a internet no casco urbano é bastante mellor que na súa casa de Bermés e que noutras parroquias. «A principal dificultade no rural é internet. Levo anos agardando pola fibra óptica, así que cando teño que subir vídeo ou enviar documentos que pesan, vou a Lalín. O que aquí me levaría dúas horas, alá remátoo en minutos».
Airexa traballa para o pequeno comercio e empresas do rural de Lalín, Rodeiro e Silleda. Á súa clientela aínda lle custa saír nos vídeos para promocionarse en redes sociais «pero si se atreven a facer pezas coa súa voz en off, ou traballando de perfil». Cortizo, galegofalante dende que naceu, tamén anima ás pequenas empresas do rural a empregar este idioma nas súas webs e nas redes sociais.
Á marxe da súa dilatada experiencia no mundo do xornalismo, Cortizo forma parte, como Raquel Doallo, de Azos Feministas. Ao preguntarlle se hai máis casos de discriminación por xénero ou violencia sexista en cidades que en municipios rurais, relata que «eu nunca percibín dificultades por ser muller e emprendedora, pero é certo que emprender no rural é difícil. En canto á violencia, as estatísticas son claras: a maioría de casos danse en concellos de menos de 20.000 habitantes».
Estudou Enxeñería Agrícola en Lugo e en 2011 decidiu relevar aos seus pais na explotación de 50 vacas. «Seguín porque xa tiñamos a infraestrutura, e merquei un tractor e unha ensiladora. Se non herdas algo e tes que empezar de cero, é moi complicado». Agora, 14 anos despois, o encarecemento da maquinaria, dos salarios e do gando (unha becerra de recría pode custar 3.000 euros), así como a falta de terras, explica que granxas como a de Ana teñan problemas para medrar. «Hai quen se despraza 10 quilómetros para arrendar unha finca». Houbo avances, como a fibra óptica, «que no meu caso funciona peor que o satélite e eu dependo de internet ata para aceptar as ventas de gando en Silleda». Tamén se deron pasos na visibilidade feminina. «Agora xa está normalizado ver unha muller á fronte dunha granxa. Temos que pensar que o 45% das explotacións están a nome dunha».
Suscríbete para seguir leyendo
- Marruecos abre sus aguas a la flota rusa para pescar la sardina que veta a la conserva gallega
- El centro de la tercera edad que financió Amancio Ortega ya cubre sus 120 plazas
- Mingueza, rumbo a la Juventus: acuerdo cerrado para después del 30 de junio
- Llega a Vigo un buque mercante con un espectacular corrimiento de carga causado por el fuerte oleaje
- Tal día como hoy hace 39 años una gran nevada paralizó Vigo
- Fisios, nutricionistas y centros de estética de Vigo ya cobran a los pacientes que piden cita y no aparecen
- Salva la vida tras quedar destrozado su coche en una salida de vía en la Autovía do Morrazo
- Heridos tres policías nacionales de Vigo tras sufrir un accidente en la AP-9 cuando regresaban de ser condecorados