Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nadal si, pero con paraugas

O acendido do alumeado de Nadal marcou onte na Estrada o comezo da época festiva, cun acto en colaboración con Asanog que foi adiante malia as inclemencias meteorolóxicas. Con todo, a choiva obrigou a cancelar varias actividades, como a animación dos Bolechas ou o concerto da Banda-Escola.

Arcos lumínicos na Calvo Sotelo. | |

Arcos lumínicos na Calvo Sotelo. | |

A Estrada

Nin a incesante choiva nin o vento afuracanado. Nada foi capaz de apagar a chama do espírito nadalino na Estrada, que seguiu adiante co acto oficial do acendido do alumeado mesmo malia as inclemencias meteorolóxicas. Aínda así, foi preciso realizar varias modificacións no programa, que prometía un serán de música e animación na rúa, mais tivo que suprimir a maior parte das actividades planeadas.

Bernabé/ Javier Lalín |

Bernabé/ Javier Lalín |

As rúas da vila quedaron oficialmente iluminadas polo Nadal ás 19.30 horas. Minutos antes, os máis valentes comezaban a congregarse no entorno da Praza da Constitución, onde membros do goberno local e da corporación municipal, xunto a representantes de ASANOG, daban comezo ao acto oficial, que nesta ocasión contaba cun carácter solidario, ao realizarse en colaboración coa anteriormente mencionada entidade.

‘Photocall’ na Praza da Constitución. |

‘Photocall’ na Praza da Constitución. |

A pesar da suspensión das actuacións previstas, a veciñanza aproveitou o abrigo que ofrecían os soportais da casa consistorial para contemplar o acender das luces, compartir conversacións e deixar que a maxia do Nadal se sintese en cada recuncho da praza. Ademais, tendo en conta as baixas temperaturas da xornada, tamén puideron quentar o corpo cunha bebida típica da época: o chocolate quente que o Concello repartiu entre os presentes.

Deste xeito, as cores e os destellos dos 120 arcos iluminados, xunto co medio millón de bombillas LED que conforman os motivos nadalinos, transforman dende onte os espazos públicos da vila, as súas rúas e ágoras, que conforman perfectas postais festivas.

Arrinca, pois, unha época cargada de actividade no concello estradense. Hoxe mesmo inaugúrase ao público o Belén da igrexa parroquial, un dos momentos máis agardados cada ano ao chegar estas datas. Música, teatro, dinamización na rúa, son algúns dos pratos fortes dun Nadal que comeza pasado por auga.

Tracking Pixel Contents