Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Carlos Loureiro Rodríguez Escritor

«O libro era unha débeda por todo o que fixeron por nós»

O escritor estradense presenta o seu novo libro, «Asociacionismo Galego en América. A Sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba». A obra celebra os 110 anos de existencia da histórica asociación na Habana, e a define como unha «débeda» co legado das escolas sufragadas polos emigrantes

Carlos Loureiro, co seu último libro sobre o asociacionismo estradense.

Carlos Loureiro, co seu último libro sobre o asociacionismo estradense. / Bernabé

A Estrada

Carlos Loureiro presentará o día 10 no Mome de A Estrada o seu novo libro, Asociacionismo Galego en América. A Sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba, da Editorial Galaxia. A investigación recompila máis dun século de historia migratoria, e a obra recolle documentos inéditos, centos de fotografías e testemuños que mostran como a comunidade galega, e particularmente a estradense, mantiveron vivo durante todos estes anos o seu legado cultural ao outro lado do Atlántico.

—Que o levou a centrar este novo libro nesta sociedade? Cal foi esa motivación, persoal ou histórica, que o empurrou a abordar este tema?

As motivación son moitas. A min sempre me preocupou moito o tema da emigración, especialmente a do século XIX. Pero tamén inflúe a parte familiar: quen é da Estrada e non tivo algún antepasado emigrado en Cuba? Creo que practicamente todos. Eu tiven alí familiares: por parte do meu avó, estaban os catro irmáns emigrados. E non só iso, a miña muller tamén naceu na Habana, aínda que os seus pais eran de aquí. Ademais, sempre tiven contacto directo coa sociedade, visiteinos dúas veces e son socio de honor deles.

—Cando comezou a traballar neste proxecto, e cales foron as súas principais fontes?

Creo que o compromiso serio empezou no ano 2003, que foi cando estiven por primeira vez con eles no Centro Galego da Habana. A partir de 1996 volvera e xa daquela intuía que ía acabar contando esta historia. Ademais, tiveron recentemente o seu centenario, e iso reforzou a necesidade de deixar constancia documental desa traxectoria. Despois o 98% da información procede da propia sociedade, que me facilitou absolutamente todo. Moi especialmente grazas a Manuel Barros, que é de familia estradense e o actual presidente, e tamén á presidenta anterior. Deron acceso a todo tipo de material, estatutos, documentación e unha cantidade impresionante de fotografías.

—Este libro funciona tamén como unha homenaxe a esta sociedade estradense en Cuba, non?

Exactamente. E o máis bonito é que seguen activos. A día de hoxe só queda unha persoa oriúnda da Estrada vivindo alí, Manuela Rey. A pesar diso, a sociedade mantense viva, seguen celebrando eventos, organizando actividades... Non deixan de ter á Estrada como referente, é algo realmente admirable.

—E atopou durante a investigación algunha historia que resuma ese espírito do estradensismo, que se di agora?

O estradensismo non está nas imaxes; está no corazón, iso téñoo clarísimo. Eles representan á perfección o espírito do asociacionismo migratorio galego-estradense. Tivemos na emigración antepasados impresionantes que foron pioneiros e impulsores dese movemento, como Waldo Álvarez Insua, que fundou tamén o primeiro xornal galego en Cuba, «El Eco de Galicia». E despois, as escolas das parroquias estradenses foron sufragadas polos emigrantes de Cuba, coa intención de que a xente tivese formación e non se vise obrigada a emigrar. Ese é o espírito do que falamos.

—Existe algún trazo común que defina ao emigrante estradense?

Si, sen dúbida: nunca renegaron das súas orixes. A min impresionoume moitísimo comprobar, no ano 2002 ou 2006, cando xa só quedaban cinco estradenses alí, que seguían mantendo ese cariño, ese orgullo pola terra. No libro refírome a isto cun capítulo que titulo «Viaxe ao País dos Xigantes». É unha homenaxe a eles e tamén un contraste coa obra de Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao País dos Ananos, cando visitou Venezuela, onde criticaba a aqueles galegos que renegaban do seu pasado. Os estradenses de Cuba, pola contra, seguiron sendo xigantes, porque nunca romperon o vínculo coa súa terra.

—Que significou para vostede, como estradense con vínculos alá, poder realizar esta obra?

Para min é simplemente unha débeda. Téñoo clarísimo desde o primeiro día. Díxenlles «aquí temos unha débeda con vostedes», porque nunca imos pagar todo o que fixeron. O ensino, as escolas, o material educativo… Iso non o imos saldar nunca, e tamén teño claro que hai que coñecer o pasado para ter futuro, por iso hai que coñecer o que aconteceu. No libro falo das causas da emigración, porque ás veces lese que os galegos marchaban por espírito aventureiro, e non é así, a xente marchaba por necesidade económica.

—Cre que hoxe na Estrada queda algo cultural ou social desa forte influencia cubana?

Esa influencia durante uns anos vai quedar. Aínda hoxe falas con calquera familia e sempre che din que os seus pais ou avós están alá ou viñeron para aquí. No libro tamén saliento moito o papel das mulleres, tanto das que marcharon como das que quedaron. As que emigraron non tiñan dereitos nin aquí nin alá. En Cuba mesmo, durante anos, non podían asociarse, e aínda así crearon a asociación feminista máis grande do mundo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents