Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tres restaurantes de Lalín e dous de Vila de Cruces, finalistas nos Premios da Cociña Galega

Copan a categoría de cocido La Molinera, tamén en caldo e lacón con grelos, igual que Cabanas, e Casa Currás | A de Rafael e Don Din compiten con un de Santiago na de galo, pularda e capón

Servicio de cocido no Cabanas.

Servicio de cocido no Cabanas. / Bernabé/Bárbara Cuiña

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Lalín/Vila de Cruces

Cinco restaurantes da comarca son finalistas na primeira edición dos Premios da Cociña Galega, que se fallarán e entregarán o vindeiro luns, 1 de decembro, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Son os lalinenses Cabanas, La Molinera e Casa Currás e os cruceños A de Rafael e Casa Don Din.

Pratos de cocido no Currás. |  Bernabé

Pratos de cocido no Currás. / Bernabé

Convocados baixo o lema ‘Celebremos a nosa cultura gastronómica’, estes premios buscan render homenaxe á autenticidade que se respira nas tabernas de sempre e á creatividade con raíces que aplican os novos chefs. Trátase dun recoñecemento a aqueles que manteñen viva a esencia de Galicia a través dos seus fogóns, unindo o respecto polo produto local cunha innovación que mira ao futuro sen esquecer o pasado. Organizan a Asociación Amigos da Cociña Galega –fundada en 1976 para "promover, protexer e servir, prato a prato, a verdadeira esencia da gastronomía galega"– e a Fundación A Muiñeira, coa colaboración institucional da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago, entre outros, e o patrocinio de máis de trinta marcas do país.

Ana López, cun porquiño do Mes do Cocido. |  Bernabé

Ana López, cun porquiño do Mes do Cocido. / Bernabé

A estrutura dos galardóns "é un reflexo da diversidade galega", tal como indica a organización. Deste xeito, as categorías dos premios honran desde os pratos máis emblemáticos ata figuras e establecementos que son lenda viva –casas de comidas e senlleiros– ou os "pratos esquecidos", unha aposta por rescatar receitas que son parte da nosa memoria colectiva. Na sección dos pratos emblemáticos hai vinte categorías distintas: polbo á feira, mexillón, berberecho, lacón con grelos, cocido galego, vieira, merluza, marisco, cabrito, vacún galego, galo-pularda-capón, lamprea, caldeirada, lura, caldo galego, callos á galega, arroz de marisco, empanada, pan e postres caseiros.

Maite Iglesias e Santiago Caramés, no Don Din.

Maite Iglesias e Santiago Caramés, no Don Din. / Cedida

A categoría de caldo galego está copada por tres restaurantes de Lalín, tres clásicos da hostalaría da capital dezá: Casa Currás, Cabanas e La Molinera. Os dous últimos compiten tamén por ser a mellor receita de lacón con grelos co restaurante La Con Fusión. Ademais, La Molinera aspira ao galardón de caldo galego, xunto aos establecementos Galicia e La Viuda. A tradición de Casa Currás está agora nas mans de Alberto González e a de La Molinera, nas de Diego López, mentres que José Luis Iglesias segue á fronte do Cabanas.

Rafael Lodeiro, cun plato de galo de curral.

Rafael Lodeiro, cun plato de galo de curral. / Cedida

E se a categoría de cocido está dominada por negocios do concello que tomou ese prato por bandeira, o mesmo sucede con Vila de Cruces na de galo, pularda e capón. Ao municipio que promove a cría de galo de curral pertencen dous dos tres finalistas: A de Rafael-Casa Lodeiro, rexentada por Rafael Lodeiro en Gres, e Casa Don Din, con Santiago Caramés Camino e Maite Iglesias Varela, na capital de Vila de Cruces. Competirán con Pampín Bar, de Santiago.

Con independencia de que resulten gañadores ou non, estar na final xa é un recoñecemento para todos os restaurantes, que representan "a esencia, o produto e a tradición da gastronomía galega". A decisión de elixir aos triunfadores desta primeira edición corresponderá a un xurado formado por máis de medio cento de persoas relacionadas co sector da restauración e a hostalaría de Galicia, desde chefs e sumilleres ata xornalistas gastronómicos, influencers e amantes da boa mesa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents